Convocadas as axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios

Daráselles prioridade ás asociacións e organizacións de produtores na concesión dos apoios. O prazo de solicitudes para subvencións será dun mes contado a partir de mañá, e para préstamos garantidos ata o 30 de marzo

Publicidade
Convocadas as axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios

As axudas divídense en subvencións e garantías de préstamos

Administración convocante: Consellería de Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220207/AnuncioG0426-190122-0014_gl.html

Prazo: Ata 07/03/2022

Resumo:

A Consellería do Medio Rural publica a orde pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas axudas son de dous tipos, subvencións e garantías para préstamos, e están cofinanciadas polo Feader. O prazo de presentación de solicitudes para subvencións é dun mes contado a partir de mañá. Pola contra, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 30 de marzo deste ano.

Unha das novidades que presenta a convocatoria é a prioridade de apoio ás asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Desta maneira, nos criterios de valoración relativos ós beneficios a produtores, concederáselles a máxima puntuación ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas por cooperativas galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade, en máis do 50%.

Entre as accións subvencionables, ás que poden acceder tanto empresarios individuais como sociedades, están a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se inclúe a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos, e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

O fin desta orde é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes a través do incentivo aos investimentos fixos materiais para a creación , ampliación e modernización das instalacións destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios situadas en Galicia. As subvencións consistirán en axudas para a execución destes proxectos, e as garantías para préstamos, nun tipo de garantía do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado á financiación dos investimentos.

Estas axudas teñen carácter plurianual para facilitar a execución de proxectos de maior investimento. Dos 30 millóns de euros de presuposto total, para o exercicio 2022 están consignados 14 millóns, dos cales se distribúen 11 para subvencións e 3 millóns de euros para garantías de préstamos. Para o 2023, a cantidade reservada é de 12,5 millóns de euros, e para o 2024 ascende aos 3,5 millóns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *