Convocadas as axudas para suministrar froita, castañas e leite aos centros escolares galegos

Convocadas as axudas para suministrar froita, castañas e leite aos centros escolares galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que regula o procedemento para a concesión das axudas destinadas a subministrar froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos durante o curso 2020-2021. A convocatoria conta este ano cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), mentres o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) volverá ser subvencionado pola Xunta.

Cada ano, miles de alumnos galegos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria consomen froita e leite nos centros onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 866.000 euros no apartado do leite e os 645.000 euros no caso da froita.

A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos. Os períodos de repartición autorizados serán de novembro de 2020 a febreiro de 2021 e de marzo a xuño do ano que vén.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda remata o vindeiro 20 de setembro. Poderán acceder a elas tanto os centros escolares como as persoas físicas ou xurídicas que se dediquen á produción e/ou comercialización dos produtos subvencionables recollidos no Anexo I da resolución que publica hoxe o DOG. Neste caso, as empresas ou establecementos deben estar dados de alta no correspondente Rexistro Sanitario Oficial e reunir todos os requisitos establecidos en dita resolución.

A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro. Optarase preferentemente pola distribución de produtos galegos, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co medio ambiente.

Enlace a resolución de axudas no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200702/AnuncioG1534-190620-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información