O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, dotadas cun orzamento de 4.000.000 euros e financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Estas achegas teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.
A reconversión do viñedo é unha ferramenta estratéxica para a nosa comunidade. Estas achegas baséanse na reconversión varietal, para que aquelas explotacións con viñas antigas poidan substituílas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e que produzan viños de maior calidade e máis demandados no mercado.
Neste sentido, con estas axudas búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Poden beneficiarse destas achegas as persoas viticultoras -ou futuras- cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantación de viñedo. A superficie total para as solicitudes que se presenten de forma individual será de 0,2 hectáreas e de 1 hectárea para aquelas que se presenten de xeito colectivo.
Serán subvencionables as actuacións relacionadas coa replantación con ou sen sistema de condución, a reconversión de viñedos por cambios de variedade, a mellora de técnicas de xestión e a replantación de viñedos cando sexa necesario tras o arrinque obrigatorio por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 25 deste mes.