Convocadas as axudas para proxectos de autoconsumo fotovoltaico de particulares no rural galego

Os apoios, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, serán do 50 % do investimento elixible da instalación, cun máximo de 4.000 € por vivenda, que pode ascender aos 6.000 no caso de que se instalen baterías. Para proxectos multivivenda establécese unha contía máxima de 25.000 €

fotovoltaica_vivienda-1O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para apoiar proxectos de instalacións fotovoltaica impulsados por particulares en ámbitos rurais de Galicia. A nova liña de axudas contará cun orzamento de 2 M €, un 33 % máis que na convocatoria anterior, e prevé conseguir unha redución no consumo enerxético anual de enerxías fósiles equivalente a 3.000 Mwh e unha mobilización de 4,5 millóns de euros.

Este programa é o segundo para subvencións a proxectos de instalacións solares fotovoltaicas para particulares que realiza o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) con fondos Feader-PEPAC 2023-2027, e a cuarta do mesmo tipo sen ter en conta a procedencia dos fondos. De feito, desde o ano 2019, o Inega leva destinados máis de 44 millóns de euros para impulsar proxectos de enerxía solar fotovoltaica dirixidos a este colectivo, que permitiron a concesión de 4.281 axudas.

Os destinatarios da nova convocatoria son as persoas físicas, as comunidades e mancomunidades de veciños e, como novidade, inclúense tamén as sociedades patrimoniais de tenza ou de arrendamento de inmobles titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial.

En todos os casos, as actuacións subvencionables deberán realizarse en vivendas ou edificios do sector residencial localizadas en ámbitos non urbanos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No que respecta ás actividades subvencionables, a convocatoria inclúe os investimentos en paneis solares fotovoltaicos, o acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cablaxe, equipamentos de medida etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota etc.) e sistemas de acumulación con baterías de litio, así como o resto de accesorios para o correcto funcionamento do sistema. Tamén se subvenciona o custo da montaxe e conexión e a dirección de obra. As actuacións non poderán estar iniciadas nin contratadas con anterioridade á presentación da solicitude.

A intensidade da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, cun máximo de 4.000 € por vivenda, que pode ascender aos 6.000 no caso de que se instalen baterías. Para proxectos multivivenda establécese unha contía máxima de 25.000 €.

De concorrencia competitiva, na valoración de solicitudes teranse en conta criterios técnicos, de consumo e xeográficos/demográficos.

Entidades colaboradoras

A nova convocatoria de axudas tamén inclúe os requisitos que deberán cumprir aquelas empresas que queiran participar como entidades colaboradoras que, en todo caso, deberán estar dadas de alta na Consellería de Economía e Industria para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica ou ben como empresas con actividade de instalación de baixa tensión.

Elas serán as encargadas da comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes das axudas e do conxunto da actuación, de realizar os trámites para solicitar o apoio ante o Inega, así como a xustificación posterior. E para sumarse, a entidade colaboradora deberá presentar unha solicitude de adhesión e o convenio de colaboración. No caso das entidades que xa figuren como asociadas ao convenio do ano 2024, poderán empregar o trámite de adhesión simplificado sen necesidade de presentar de novo a documentación.

As entidades interesadas poderán adherirse a partir do 15 de outubro e ata o 7 de novembro e o prazo para os particulares abrirá o 31 de outubro e finalizará o 1 de decembro.

Accede aquí á convocatoria de axudas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información