Convocadas as axudas para a prevención de danos pola fauna salvaxe

Publicidade
Convocadas as axudas para a prevención de danos pola fauna salvaxe

Administración convocante: Consellería de Medio Ambiente

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210112/AnuncioG0532-221220-0001_gl.html

Prazo: Ata 15/02/2021

Resumo:

A Consellería de Medio Ambiente publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para a prevención de danos causados pola fauna salvaxe, en concreto os ataques do lobo, oso e xabaril.

As axudas para evitar os danos do lobo e o oso poderán ser solicitadas por ganderías de bovino, ovino, cabrún, porcino de raza Celta, equino e apícola que figuren inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Reaga) de Galicia. Para as axudas destinadas á prevención dos ataques do lobo hai un orzamento de 300.000 euros, dos cales 200.000 destinaranse á adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores e cerrumes móbiles de malla electrificada e os 100.000 restantes serán para a instalación de valados fixos. A liña de axudas centradas no oso ten unha dotación de 30.000 euros para a adquisición de pastores eléctricos.

No caso das axudas para previr os danos do xabaril, poderán ser solicitadas por agricultores e gandeiros inscritos no Reaga, así como por persoas con explotacións agrarias destinadas ó autoconsumo. Para estas subvencións hai un orzamento de 150.000 euros para mercar pastores eléctricos.

Coantías para as medidas preventivas

En concreto, a orde contempla que se subvencionará a adquisición das seguintes medidas de protección para o gando e cultivos:

-Cans para a protección e defensa do gando, ata un importe máximo de 500 euros por can.

-Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 euros.

-Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 euros por malla de 50 metros, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

-Adquisición de valados fixos electrificados. O importe máximo da axuda será de 3 euros por metro lineal ata un máximo de 1.500 euros por valado.

-Valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. A contía máxima da axuda será de 3,70 euros por metro lineal ata un máximo de 3.700 euros por valado.

As persoas interesadas poderán solicitar as axudas ata o próximo 15 de febreiro. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *