Convocadas as axudas para plantación de frondosas e coníferas

A Xunta convoca preto de 8 millóns de euros en axudas para a plantación de frondosas e coníferas nunhas 4.000 hectáreas de montes galegos

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio RUral

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220201/AnuncioG0426-291221-0003_gl.html

Prazo: Ata 04/03/2022

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas en arredor de 4.000 hectáreas de monte galego. O orzamento para esta liña de subvencións achégase aos oito millóns de euros, concretamente dous millóns para o ano 2022 e 5,75 millóns para o ano 2023.

A finalidade é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo o aumento tanto da diversidade como da superficie forestal arborada, ao tempo que se reduce o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais. Entre as coníferas que se promoven atópanse o piñeiro do país e o silvestre, mentres entre as frondosas están o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outros.

Transformación de eucaliptais en superficies de frondosas ou piñeiros

Deste xeito, na orde contémplase a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas, incrementando deste xeito a descontinuidade e a diversidade de producións dos seus montes.

Así, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, comunidades de bens ou montes de varas. Tamén as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal, que coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia poden solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, cos dereitos e vantaxes que implica esta figura. Tamén poden beneficiarse das achegas propietarios particulares de xeito individual.

Con estes fondos subvenciónanse os gastos de plantación forestal e a posta en marcha da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, a zona limpa de biomasa que protexe estas novas plantacións de posibles lumes. Inclúense tamén como subvencionables os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta.

Ademais, as superficies obxecto destas axudas teñen dereito a unha prima anual por hectárea para os custos de mantemento desas forestacións durante os seguintes cinco anos. Neste ano 2022 a convocatoria destas primas acadará os 4,5 millóns de euros.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Plan Forestal de Galicia

Ademais, atendendo ao marcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, nas liñas de fomento incluídas nesta orde de forestación estanse a seguir obxectivos programáticos fixados no propio Plan relativos aos servizos ecosistémicos, á conservación da biodiversidade das masas e á xestión forestal sustentable coa mobilización e incremento da produtividade dos recursos forestais galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información