Convocadas as axudas para pequenas e medianas empresas da industria forestal e do contract de Galicia

A Xunta destina 2 m€ ás axudas para a valorización e segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220708/AnuncioG0520-230622-0002_gl.html

Prazo: Ata 09/08/2022

Resumo:

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, destina un total de 2 millóns de euros ás axudas de apoio ás actividades de valorización e segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract que empreguen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal como materia prima para a elaboración dos seus produtos no mercado interior. Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) coa publicación da correspondente resolución coas bases e a convocatoria.

Estas achegas buscan contribuír á consolidación das pemes que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. A previsión é que se poidan apoiar os proxectos de máis dunha vintena de pemes e microempresas, xerando un investimento inducido de 5 millóns de euros.

Nesta convocatoria de axudas, encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, poderanse atender proxectos, gastos e investimentos que se realicen na nosa comunidade durante o ano 2022 e que se xustifiquen -como tarde- o 15 de novembro e, no 2023, ata o 15 de abril. O orzamento para este ano é de 1,6 millóns de euros e para o 2023 de 400.000 euros.

Así, poderán ser beneficiarias destas subvencións as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Os solicitantes da axuda deberán acreditar a súa viabilidade económica, ter un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract -e, no suposto de ser esixible, un contrato de prevención de riscos laborais-, así como dispor dun medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.

As actividades subvencionables serán aqueles proxectos de investimento realizados polos solicitantes nos procesos de produción vinculados á transformación de produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Tamén serán obxecto de subvención aqueles investimentos e gastos que garden relación directa co proxecto financiado, como compra de maquinaria ou outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.

A porcentaxe de axudas será do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario. Os criterios de baremación inclúen cláusulas sociais como puntuación adicional nos supostos de mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia (20 puntos). Así mesmo, recibirán tamén máis puntuación as empresas nas que maioritariamente o cadro de persoal sexa fixo (se é un 70%, 10 puntos; e no caso de chegar ao 80%, ata un total de 30 puntos).

As solicitudes deberán presentarse por vía telemática, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). O prazo para a súa presentación será de dun mes contado a partir de mañá; é dicir, ata o 9 de agosto.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220708/AnuncioG0520-230622-0002_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información