Convocadas as axudas para organizar certames de gando bovino selecto

Poderán acollerse a estas subvencións da Xunta os concellos galegos, as asociacións de persoas gandeiras, as organizacións empresariais e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen este tipo de eventos e que cumpran unha serie de requisitos

NODI JEDI MADONNA

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan para 2025 as axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto por importe de 150.000 euros. Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, de tal forma que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os beneficiarios interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario.

O obxectivo destas axudas é fomentar a celebración de certames de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega, onde as ganderías participantes poidan expoñer con distintos fins os animais selectos. Polo tanto, é necesario potenciar esta actividade, xa que supón un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das ganderías, ademais de posibilitar a súa comercialización e representar un estímulo para a mellora gandeira.

Poderán acollerse a estas subvencións os concellos galegos, as asociacións de persoas gandeiras, as organizacións empresariais e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen este tipo de eventos e que cumpran unha serie de requisitos que se concretan na convocatoria. Entre eles figuran os de dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas e contar con medios técnicos e persoal para a celebración deste tipo de eventos.

Ademais, deberán dispor da colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.

O prazo para a presentación de solicitudes establécese en función da data de celebración dos certames. Así, para os celebrados desde o 1 de novembro de 2024 ata hoxe, será dun mes a partir de mañá. Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde o prazo será dun mes a contar desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2025.

Ligazón á orde no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información