Convocadas as axudas para o fomento da boa gobernanza nos montes veciñais e nos de varas

Poderán beneficiarse destas achegas, que a Xunta incrementa ata os 2,37 millóns de euros, as comunidades de montes veciñais en man común e -como novidade este ano- as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo

monte cedeira pinheiroA Consellería do Medio Rural aumenta o orzamento das axudas destinadas a impulsar a boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, pasando dun montante inicial de 490.000 euros aos 2.376.000 de euros actuais. Así o recolle a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Este incremento débese á boa acollida que tivo a convocatoria, co fin de dar resposta ao maior número de solicitudes posibles.

Estas axudas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España, máis concretamente na compoñente 4, enfocada na “conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade”; que ten como obxectivo alcanzar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica cando sexa necesaria, e reverter a perda de biodiversidade, garantido un uso sostible dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.

Ao mesmo tempo, están vencelladas co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Este plan ten como finalidade adoptar as medidas estruturais e dinamizadoras, para o monte e a propiedade forestal galega, necesarias para procurar unha plena actividade forestal que xere rendas e emprego para o medio rural. Trátase tamén de que contribúa á fixación da poboación no rural, á conservación e mellora do ambiente e ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do sector forestal galego na súa incorporación á bioeconomía e á economía circular e ás enerxías renovables.

Obxecto das axudas

Neste sentido, poderán ser obxecto de axudas as actuacións relacionadas coa revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes en man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Esta actuación consiste na revisión total ou parcial dos esbozos de montes que integran un expediente que, pola súa antigüidade, non reúnen as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios. Por outra banda, serán subvencionables tamén as actuacións para os deslindamentos parciais entre estes montes.

Poden beneficiarse as comunidades de montes veciñais en man común e as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. No caso destes últimos, constitúe unha novidade na convocatoria o feito de que estes terreos forestais -que se sitúan practicamente todos eles na provincia de Lugo- se poidan beneficiar das subvencións. Cabe sinalar que estas achegas subvencionarán o 100 % do gasto elixible. Con todo, o importe de axuda a percibir por entidade beneficiaria non poderá superar os 20.000 euros (IVE incluído).

Ligazón á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241113/AnuncioG0426-081124-0002_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información