O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, dotadas cun total de 15 millóns de euros entre os anos 2026 e 2027. Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común de España (Pepac) para o período 2023-2027.
A primeira liña, orientada ás frondosas, está dotada cun importe total de 7 millóns de euros para os anos 2026 e 2027. Está dirixida a fomentar unha silvicultura produtiva orientada á obtención de madeira de serra e madeira técnica de alta calidade. Subvenciónanse tratamentos silvícolas como rareas e podas altas, rozas de penetración, selección de pés de porvir, control dos aproveitamentos e xestión dos restos.
A segunda liña, cunha dotación de 6 millóns de euros para o mesmo período 2026-2027, está enfocada á xestión forestal activa de masas de frondosas autóctonas (agás castiñeiro), compatibilizando a produción de madeira de calidade coa conservación dos servizos ambientais, como a protección do solo, a biodiversidade e o ciclo hidrolóxico.
Por último, a terceira liña conta cun orzamento de 2 millóns de euros, tamén para os anos 2026 e 2027, e céntrase na recuperación e mellora de soutos de castiñeiro, co obxectivo de potenciar tanto a produción de froito como a obtención de madeira de alta calidade, de acordo co Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña.
Os beneficiarios destas liñas de subvención poderán ser as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, así como as agrupacións forestais de xestión conxunta e os silvicultores activos inscritos nos rexistros correspondentes.
Galego






Control OJD