Convocadas as axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira

O Diario Oficia de Galicia publicou este venres a convocatoria da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, cun orzamento de 500.000 euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de hoxe, para solicitar estas achegas

Convocadas as axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal -dependente da Consellería do Medio Rural- para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia. O importe desta orde é de 500.000 euros e os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de hoxe, para solicitar estas achegas.

Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados.

Así, subvencionarase a organización de actividades formativas non regradas, tales como másters, cursos ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal-madeira. Do mesmo xeito, tamén se subvencionarán actividades de divulgación, tales como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira.

En calquera caso, todas as actividades terán que estar vencelladas á industria forestal-madeira e á súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencellados ao monte tales como os fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén as agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas co sector e os colexios profesionais e centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan con esta temática.

Axenda de impulso

Cabe sinalar que estas axudas están enmarcadas na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade. O obxectivo último é favorecer unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Para iso, a Axencia busca mellorar o capital humano a través da formación, impulsar a innovación e a competitividade, así como o desenvolvemento e diversificación deste sector. De feito, a través dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

Enlace á orde:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230203/AnuncioG0520-110123-0005_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información