
Poda en un pinar del monte vecinal de Balouta e Fontecova, en Dodro (A Coruña).
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural para o impulso da silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos.
Estas achegas contan cun orzamento bianualizado de 15 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da política agraria común (PAC) 2023-2027.
A primeira das intervencións en que se divide esta liña de achegas refírese aos investimentos forestais produtivos a través de actuacións de silvicultura en coníferas.
Teñen por obxecto incentivar os tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa e a obtención de madeira de calidade, así como fomentar a aplicación dunha silvicultura orientada ao produto que optimice a rendibilidade da madeira mediante o desenvolvemento de técnicas específicas.
Neste sentido, melloraranse os resultados económicos globais do aproveitamento de piñeiro a través de aumentos do crecemento, da calidade dos produtos producidos ou de eficiencia na xestión.
Dentro desta liña poderán subvencionarse a roza de penetración, a formulación do informe técnico sobre os rareos ou as operacións de control do aproveitamento e a trituración ou extracción dos restos dos tratamentos, entre outros. Poderán beneficiarse desta liña as agrupacións forestais de xestión conxunta e a persoa silvicultora.
A segunda intervención está centrada nos investimentos non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais, que inclúe unha liña relativa á silvicultura non produtiva de frondosas. Unha xestión activa desta especie permitirá non só obter produtos directos, senón asegurar os importantes servizos ambientais que as formacións autóctonas proporcionan.
Incentivaranse as actuacións de axuda á rexeneración natural de frondosas caducifolias, así como da aplicación dunha silvicultura que favoreza a recuperación das masas existentes co fin de obter un monte ordenado que produza madeira de maior calidade en compatibilidade coa obtención de produtos forestais non madeireiros, afondando na mellora da cadea de valor monte-industria.
Neste sentido, serán subvencionables as actuacións necesarias para a xestión forestal activa das masas de frondosas, polo que se financiará a roza, a formación de guía, a selección de abrochos ou mesmo as desmestas e a extraccións, entre outras cuestións.
Poderán ser beneficiarias as persoas que sexan titulares dos terreos obxecto da axuda. A segunda intervención prevé unha terceira liña de achegas dedicada exclusivamente á subvención dos tratamentos silvícolas necesarios para a rehabilitación de soutos e a renovación das súas copas. Ao mesmo tempo, todas estas intervencións contribuirán a acadar un monte máis ordenado, incidindo na xeración de emprego neste sector e conseguindo un territorio máis resistente antes os incendios forestais.
Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”
Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. As intervencións destas liñas favorecen o crecemento da masa e a obtención de madeira para pór á dispoñibilidade do mercado materia prima de alta calidade e contribúen a fomentar a aplicación dunha silvicultura activa que favoreza a recuperación de masas existentes e a multifuncionalidade do monte.
As achegas enmárcanse tamén noutros plans de apoio ao monte impulsados pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, como a Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas ou o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña.