O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) o extracto da convocatoria para a concesión directa de subvencións ás explotacións agrarias de titularidade compartida para o exercicio 2025, dotada cun orzamento total de 1.795.000 euros.
Poderán optar a estas subvencións as explotacións agrarias que se atopen rexistradas en situación de alta no rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida do ministerio, cun mes de antelación á data de publicación deste extracto da orde de convocatoria no BOE.
As axudas convócanse en réxime de concesión directa, e non están suxeitas á concorrencia competitiva das persoas solicitantes. A contía máxima anual da axuda alcanza os 1.500 euros por explotación beneficiaria.
O obxectivo destas subvencións é contribuír ao pago das cotas da Seguridade Social das persoas titulares das explotacións agrarias de titularidade compartida.
Prazo de presentanción de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes, que se inicia mañá, 14 de maio, permanecerá aberto ata o 3 de xuño, e poderanse formalizar a través da sede electrónica do ministerio. O texto íntegro da orde pódese consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións.
Hai dispoñible máis información sobre estas axudas na páxina web do ministerio na seguinte ligazón sobre titularidade compartida nas explotacións agrarias.
Galego









Control OJD