Convocadas as axudas para enerxías renovables e aforro enerxético no agro

Publicidade
Convocadas as axudas para enerxías renovables e aforro enerxético no agro

Placas solares. / Arquivo.

Administración convocante: Instituto Enerxético de Galicia

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0474-281220-0003_gl.html

Prazo: Ata 15/02/2021

Resumo:

O Instituto Enerxético de Galicia abre a convocatoria de axudas para a instalación de enerxías renovables no agro e para proxectos de aforro enerxético. O presuposto total das subvencións, dirixidas a explotacións agrarias, é de 2,5 millóns de euros e hai un mes de prazo para solicitalas.

Este é o primeiro ano no que as axudas son por concurrencia competitiva, isto é, non conta a orde na que se presenten, sempre que se presenten en prazo, senón que se puntuará cada solicitude e serán as máis valoradas as que reciban as subvencións.

A maior parte dos apoios oriéntanse a proxectos de enerxías renovables eléctricas (solar fotovoltaica ou minieólica), con 1,5 millóns de euros; en tanto que haberá 500.000 euros para enerxías renovables térmicas (biomasa, aerotermia, xeotermia, biogás e solar térmica) e outros 500.000 euros para iniciativas de aforro enerxético.

A contía da axuda será do 30% do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 por empresa. A intensidade da axuda aumentará un 20% no caso de pequenas empresas (recibirán un 50% do custo) e nun 10% en medianas empresas (40% do custo). O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable será de 5.000 euros.

Criterios de valoración
Os criterios de valoración que seguirá a Xunta para puntuar as solicitudes son os seguintes:

– Para proxectos de enerxías renovables, outorgaranse 30 puntos se a explotación agraria non se abastece con ningunha fonte de enerxía renovable da mesma tecnoloxía para a que se solicita a axuda. Do contrario, terá 0 puntos.

– Para proxectos de aforro enerxético, valórase a porcentaxe de redución do consumo en relación coa instalación preexistente. Valorarase con 1 punto por cada 1% de aforro, ata un máximo de 30 puntos.

– Outorgaranse 20 puntos para centros de traballo illados da rede eléctrica e 0 puntos ás conectadas á rede. Tamén se outorgará a puntuación máxima de 20 puntos ás explotacións que con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 soportaron investimentos en infraestrutura de tendido de liña e posteriormente a cederon á empresa distribuidora da zona.

– Recibirán 20 puntos as explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

– Localización xeográfica do proxecto, ata 30 puntos. Valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas utilizando os datos mais recentes dispoñibles polo Instituto Galego de Estatística da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. En concreto, utilizaranse os datos correspondentes ao ano 2017, que se poden descargar da web do Instituto Galego de Estatística na sección Economía/Sistema Contas/Renda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *