Convocadas as axudas para a boa gobernanza de montes veciñais

Priorizaranse as actuacións na zona demarcada polo nematodo do piñeiro e na franxa tampón con Portugal, así como os apoios a comunidades de zonas desfavorecidas ou enmarcadas na Rede Natura

Publicidade
Convocadas as axudas para a boa gobernanza de montes veciñais

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210209/AnuncioG0426-250121-0001_gl.html

Prazo: Ata 24/03/2021

Resumo:

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para a boa gobernanza de comunidades de montes veciñais. Os apoios oriéntanse a catro liñas: apoio á xestión administrativa e técnica, revisión de croquis, deslindamentos parciais con particulares e con outros montes veciñais.

Esta nova liña de axudas, que se convoca por primeira vez, busca apoair a xestión das comunidades de montes, pois tense detectado que en moitas delas hai un abandono en cuestións como manter unha xunta reitora actualizada, comunicar os reinvestimentos no monte ou a posta ó día do censo de comuneiros. Os problemas, segundo os datos da Xunta, son máis significativos no Distrito Forestal A Fonsagrada – Ancares (VII), no de Lugo – Sarria (IX) e nos da provincia de Ourense, que son as comunidades que menos están cumprindo coas obrigas administrativas e legais.

Así mesmo, de xeito xeneralizado, existen problemas de delimitación dos montes veciñais coas propiedades particulares e, en ocasións, con outros montes veciñais. Para mellorar as delimitacións, apoiaranse deslindes parciais e revisión dos croquis, pois nalgún caso a revisión de esbozos pode solucionar erros topográficos evidentes.

As axudas por cada comunidade de montes poden chegar a un máximo de 25.000 euros e financiarán o 100% das actuacións solicitadas.

Os apoios diríxense ás seguintes cuestións:

1) Tarefas administrativas e técnicas. Contratarase un servizo de apoio (persoa física ou empresa), que deberá elaborar unha memoria anual de actuacións.

– Xestión administrativa relacionada coas obrigas da comunidade, en particular no relacionado coa renovación de xuntas reitoras, censo de comuneiros e libro de contas.

– Desenvolvemento do instrumento de ordenación forestal.

– Procedementos relacionados coa certificación forestal do monte.

– Seguemento de actuacións relacionadas co monte (obtención de permisos, redacción de proxectos, tramitación de axudas, etc.).

2) Revisión de esbozos dos montes veciñais, a fin de mellorar a súa cartografía.

3) Deslindes parciais entre comunidades de montes.

4) Deslindes parciais do monte veciñal con propiedades particulares.

Prioridades

Como criterios de prioridade para o acceso ás axudas, primaranse aquelas procedentes de zonas incluídas na zona demarcada polo nematodo do piñeiro (ou ubicadas na franxa tampón con Portugal) e as que estean en zonas desfavorecidas ou emprazadas na Rede Natura.

Entre os criterios de puntuación, figuran tamén os seguintes, entre outros: porcentaxe de reinvestimento no monte no último exercicio coas contas pechadas; apoio técnico a comunidades de montes dos distritos de Fonsagrada – Ancares, Lugo – Sarria e da provincia de Ourense; montes con proxecto de ordenación; montes con certificación forestal, comunidades que non teñen ningunha superficie conveniada coa Administración, zonas con alto risco de incendio e actuacións en masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidades de Frondosas Autóctonas.

O prazo de solicitude é de 30 días hábiles a partir de mañá, é dicir, ata o 24 de marzo.

Montes veciñais en Galicia
En Galicia, hai na actualidade 3.312 montes veciñais, que ocupan un total de 664.000 hectáreas. Un 39% dos montes ubícanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e un 9% na provincia da Coruña. O número total de comuneiros en Galicia é de 122.000, cunha media de 44 comuneiros por monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información