Convocada unha concentración en Teixeiro en solidariedade coas granxas abandonadas por Leche Río

Gandeiros da localidade organizan unha mobilización para este domingo 28 para chamar a atención da sociedade sobre os problemas do sector lácteo

Convocada unha concentración en Teixeiro en solidariedade coas granxas abandonadas por Leche Río

Xosé Ramón Cendán e Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego, hoxe en rolda de prensa.

A decisión de Leche Río de abandonar a recollida dunha vintena de granxas sen previo aviso está a xerar inmediatas reaccións no agro. Gandeiros de Curtis convocaron para este domingo 28 unha concentración en Teixeiro (Praza de España, 12 horas, ante o Concello), coa que queren chamar a atención da sociedade galega sobre os problemas do sector lácteo. A mobilización está organizada por produtores dunha cooperativa local e conta co respaldo das organizacións agrarias e dos alcaldes da comarca. O Sindicato Labrego e a Federación Rural Galega (Fruga) tamén celebraron hoxe sendas roldas de prensa para denunciar a situación.

“Esta semana tocoulles a eles; mañá pódenos tocar a nós”, advirten os gandeiros de Curtis que organizan a protesta

Os gandeiros de Curtis que convocan a concentración de protesta para este domingo buscan así amosar a súa solidariedade coas granxas abandonadas por Leche Río e tratan tamén de chamar a atención sobre un problema, o do sector lácteo, que está pasando polos peores momentos dos últimos anos. “Esta semana tocoulles a eles, mañá pódenos tocar a nós”, resumen. “Estamos producindo cuns prezos que nos están levando a ruína e coas industrias facendo de nós o que queren mentres a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura miran para outro lado”, critican na convocatoria da concentración.

As mobilizacións do sector continuarán previsiblemente no mes de xullo. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego anunciaron decisións ó respecto na próxima semana. “Levamos tempo tentanto arranxar as cousas pola vía do diálogo e do consenso, pero hai un ambiente social de que son precisas xa outras actuacións” -valorou hoxe en rolda de prensa a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “A nosa idea é que sexan mobilizacións conxuntas do sector; pensamos que é un erro tentar sacar unhas siglas ante problemas como os que estamos atravesando. En calquera caso, haberá mobilizacións, conxuntas ou por separado”, concluiu.

Parte dos afectados polo abandono de Leche Río lograron que Reny Picot lles leve o leite. O prezo, sobre 18 céntimos

Falta de garantías de recollida
As explotacións lácteas están a atravesar nas últimas semanas dificultades tanto polos baixos prezos do leite como pola falta de garantías de recollida. O Sindicato Labrego tivo coñecemento hoxe mesmo de novos problemas con gandeiros que lle estaban entregando a súa produción a Leitigal e que terán que buscarse outro comprador a partir do 1 de xullo.

Peor situación correron a vintena de explotacións que deixou Leche Río dun día para outro e que se viron obrigadas a tirar o leite e a buscar, sen ningunha posibilidade de negociación, outro comprador. Parte dos afectados xa conseguiron que Reny Picot lles recollese o leite, aínda que “sen saber a que prezo llo van pagar”, segundo indicou un dos gandeiros de Curtis que participa na organización da concentración deste domingo. Desde as organizacións agrarias especúlase con que o prezo rondará a cotización do leite en po, 18 céntimos, moi por baixo dos custos de produción.

“A distribución está a mercar leite a 37-39 céntimos, un prezo inaguantable para industrias e produtores” (Isabel Vilalba, SLG)

Problemas coas cadeas de distribución
O sector gandeiro é consciente de que hai excedentes de leite no mercado que perxudican tanto ós produtores como ás empresas. “As industrias teñen problemas de excedentes que non dan colocado, unha situación que se está aproveitando desde as cadeas de distribución, que nas últimas subastas aprovisionáronse de leite a 37-39 céntimos” -explica a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba-. “Eses prezos trasládanlle a industrias e produtores unha situación inaguantable e que non se está afrontando de ningún xeito por parte da Administración”, critica.

As organizacións agrarias coinciden en amosar a súa sorpresa polo que entenden como “desaparición” da Consellería. “Estamos vivindo unha situación insólita –describe o coordinador de sectores gandeiros da Fruga, Elías Somoza- “Hai gandeiros de Curtis tirando o leite e estamos vendo que a Consellería é incapaz de evitar que se tire o leite ou que se entregue a cambio dunha limosna”.

“Vivimos unha situación insólita. A Consellería é incapaz de evitar que se tire o leite” (Elías Somoza, Fruga)

Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego, coincide en idéntico diagnóstico. “Levo nas negociacións do sector lácteo desde a época de Albor e Laxe e nunca vin tal falta de liderazgo. Sempre que había épocas de crise, había reunións coa Xunta e as industrias. Non sempre se ten logrado o que se quería, pero téñense reconducido moitas crises”, lembraba hoxe na rolda de prensa do Sindicato Labrego.

Desde o agro advírtese da necesidade dunha estratexia conxunta para o sector lácteo galego que teña en conta tanto a gandeiros como a industrias. “Hai un claro risco de deslocalización da produción a outras comunidades máis próximas a centros de consumo”, advirte a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. Na Fruga, o seu coordinador de sectores gandeiros, Elías Somoza, compara a situación industrial galega coa doutras comunidades, como Asturias, con Clas, ou Cataluña, con Llet Nostra, e advirte da necesidade de accións que muden o panorama no medio prazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información