A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Convocada a segunda edición das bolsas Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas para estudos de posgrao

A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar.

Convocada a segunda edición das bolsas Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas para estudos de posgrao

Imaxe dunha asemblea de Caixa Rural Galega. / Arquivo.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública a segunda edición das bolsas para estudos de posgrao. Concretamente convócanse dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para a realización dun master nunha universidade de recoñecido prestixio tanto nacional como estranxeira. O importe da bolsa poderá destinarse a matrícula e estancia, e o importe definitivo dependerá do lugar, do centro no que se realicen os estudos e do programa do master.

O prazo de solicitude xa está aberto ata o 30 de abril e as solicitudes poden presentarse na súa páxina web www.fundacioncruralnotario.gal, onde tamén están publicadas as bases desta convocatoria.

Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario, ter vinculación con Galicia e poderán ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade. A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas foi creada en outubro de 2021 co propósito de contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal, con especial atención aos estudos superiores. Todo iso co obxectivo de perseguir a excelencia e especialización dos nosos profesionais presentes e futuros para que poida reverter no progreso e a mellora de actividades produtivas de Galicia.

Entre as súas prioridades iniciais está a convocatoria de bolsas para a realización de estudos superiores ou masters coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *