Controlar as poboacións de xabarín: unha necesidade para a supervivencia da actividade agraria

Artigo de opinión de Jacobo Feijoo Lamas, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias. Defende que as autorizacións de caza en época de veda por motivo de control de danos na agricultura non son caza deportiva

Controlar as poboacións de xabarín: unha necesidade para a supervivencia da actividade agraria

Finca de millo estragada polos xabaríns

A caza non é só unha actividade deportiva, senón cada vez máis, unha importante ferramenta de xestión do medio natural e do medio rural. A falta de claridade nesta cuestión ten unha serie de consecuencias prácticas que afectan á prevención dos danos do xabarín na agricultura galega. Por eso creemos moi importante que se proceda de xeito inmediato a una serie de reformas legais que permitan gañar en eficacia no control destes danos.

As poboacións de xabaríns deben de xestionarse ao 95% durante a tempada de caza, onde son cazados con criterios deportivos e cinexéticos, unha vez que o Plan de Xestión do TECOR, elaborado por un técnico competente, estableceu o censo de animais, a capacidade do territorio para alimentalos, e o número de crías e da taxa de renovación da poboación. Trátase de cazar aqueles animais que estabilizan o número de xabaríns que soporta o territorio coas súas capacidades naturais de producir alimento. Aínda así, por ben que se faga (e a realidade demostra que tanto os Plans como a súa aplicación práctica son manifestamente mellorables) sempre que haxa un animal salvaxe, non haberá un risco cero para os cultivos.

É aquí onde entra o outro 5% do control das poboacións de xabaríns, que se fará xa nas vedas con criterios de xestión e prevención de danos, e non baixo criterios deportivos e cinexéticos. E é precisamente neste punto onde xorde unha pregunta moi natural, que é ¿por que se obriga aos cazadores a cazar os xabaríns en actuacións de control de danos, con criterios de caza deportiva?

“No control de xabaríns en veda débense autorizar miras nocturnas e focos”

Teñen moita razón os cazadores cando se queixan de que a práctica das esperas nocturnas son moi perigosas e prodúcense accidentes moitas veces mortais. Pero a cuestión é: ¿por que non se vai autorizar miras nocturnas, ou uso de focos para abater animais en cultivos en esperas nocturnas, de xeito que se faga con seguridade, se non se trata dunha actuación deportiva, senón dun control técnico dentro dunha prevención de danos?

Tamén teñen razón cando se queixan de que en control de danos non se pode tirar sobre animais inmaduros, sobre crías. Porque o que sería unha barbaridade nunha práctica deportiva cobra todo o sentido cando se fala de control de danos. Pois é sabido pola Ciencia da Etoloxía, e pola práctica dos cazadores, que cando se abate unha femia adulta a manda queda sen líder e desorientada uns días e se encama na zona, aumentando os danos nos cultivos que se queren protexer. Pola contra cando se tira sobre un inmaduro a líder da manda tende a fuxir da zona perigosa, aliviando a presión sobre a zona de cultivo. ¿Por que abater sete ou oito adultos, cando se pode ter o mesmo efecto de protección de cultivos abatendo unha única cría?

Estas dúas reformas téñense que levar de inmediato, neste ano, á Lei de Caza de Galicia, onde nun artigo da mesma quedará claro que as “autorizacións de caza en época de veda por motivo de control de danos na agricultura, non son caza deportiva e quedan fora do obxecto desta Lei, e pasarán a ser reguladas polo seu Decreto específico”. Sería nese Decreto que se podería redactar de inmediato coa colaboración de técnicos e  das organizacións de cazadores e agricultores, onde se entraría polo miúdo na regulación desta nova forma de caza durante as vedas, de forma que sería practicada con criterios de seguridade para os cazadores e de eficacia na prevención de danos na agricultura.

“Moitos agricultores tiraron a toalla polos danos dos xabaríns”

Deste xeito poderíase afrontar a próxima campaña de cultivo con ferramentas legais e técnicas suficientes para afrontar este problema. Xa non é só o que fai o xabarín cos seus estragos, senón o que desfai, as miles de hectáreas de prados, de cultivos, de hortas, de patacas, que a día de hoxe nin sequera se poñen en produción, porque os seus propietarios xa tiraron a toalla no noso rural.

Esto é un desastre sen paliativos, que hai que afrontar dándolle a importancia que ten, e que non permite que na Administración se siga mirando de medio lado, ou con medias tintas, ou actuando con tibieza, en vez de procederse de inmediato a reformar o que haxa que reformar, para que se poida actuar con eficacia e rigor dentro dun marco legal axeitado, que dea eficacia ás actuacións, seguridade aos cazadores, e protección á forma de vida dos agricultores, e gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información