Control do mildiu en viñedo: ¿Que produtos naturais son eficaces?

Avance dos primeiros resultados dos ensaios realizados na Estación Fitopatolóxica do Areeiro sobre eficacia dos produtos naturais alternativos no control de mildiu en viñedo. Un artigo de Rosa Pérez Otero e Pedro Mansilla Vázquez

Publicidade
Control do mildiu en viñedo: ¿Que produtos naturais son eficaces?

Mildiu en estado de mancha de aceite en viñedo. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

O mildio da vide, causado polo fungo Plasmopara viticola é sen dúbida unha das enfermidades do viñedo de maior importancia a nivel mundial. De feito, está entre as patoloxías as que os viticultores dedican máis esforzos de control debido a que os seus ataques poden levar á perda total da colleita, especialmente en anos onde concorren condicións de temperaturas suaves e elevada humidade na primavera e inicios do verán, cando a uva é máis sensible ao fungo.

Por iso, son abundantes os traballos que se desenvolveron sobre o mesmo para poder prever os seus ataques (modelización) e para atopar funxicidas eficaces que o controlen.

A loita sistemática segundo calendarios preestablecidos é a estratexia de control de mildiu habitualmente utilizada na Denominación de Orixe Rías Baixas. Realízase así un número de intervencións por campaña comprendido, no mellor dos casos, entre 8 e 12, aínda que estas cifras adoitan ser superadas.

En canto aos funxicidas utilizados, pódese elixir entre unha ampla diversidade de produtos de diferente natureza e modos de acción. O máis habitual, en todo caso, é iniciar as intervencións con funxicidas sistémicos (susceptibles de xerar resistencias se non se alternan adecuadamente, o que non soe ser frecuente) de síntese química, e continuar con penetrantes unidos a algún formulado de cobre. No contexto da agricultura actual, con todo, resulta interesante a experimentación con produtos o máis naturais posible que minimicen os riscos ambientais derivados das sustancias obtidas a través da industria.

Neste contexto, ademais de buscar estratexias de racionalización do control da enfermidade que leven a intervir unicamente cando é necesario, na Estación Fitopatolóxica Areeiro (centro dependente da Deputación de Pontevedra) estamos a experimentar con algunhas sustancias de orixe natural alternativas aos funxicidas tradicionalmente empregados, do mesmo xeito que se leva facendo noutras zonas de Europa. Seguindo a experimentación realizada nesas outras áreas, as sustancias avaliadas non soen ter a consideración de fitosanitarios, senón que están destinadas a mellorar certos procesos fisiolóxicos das plantas.

Por outra banda, como é sabido, o cobre é practicamente o único elemento natural con efectos contrastados fronte ao mildiu e, debido ao uso masivo de produtos cúpricos e ás repercusións ambientais do ión de cobre, a Unión Europea regulou limitar o uso dos seus produtos a 6 Kg/ha e ano en viticultura. Deste xeito, nos ensaios, aínda que si avaliamos algún cobre, analizamos o comportamento de produtos bioestimulantes, fortificantes ou indutores da resistencia, axentes de control biolóxico ou, como dicimos, novos formulados de cobre que en teoría son menos lavables, máis bioasimilables e menos persistentes no solo.

Plantexamento dos ensaios

Nesta experimentación, que levamos a cabo algunhas campañas no viñedo da propia Estación Areeiro, sometemos a estas sustancias a condicións extremas, é dicir, aplicámolas ao longo de toda a campaña e segundo a estratexia de Loita Oportuna Adaptada.

Nesta estratexia de control optimízase o número de intervencións relacionando determinados parámetros climáticos coa epidemioloxía do fungo e con observacións da enfermidade en campo. Así, a primeira intervención non se realiza ata que aparece a primeira mancha de aceite e rexístranse condicións para a esporulación e para a infección secundaria. As condicións para a esporulación son escuridade, temperatura media superior a 13 ºC e humidade relativa superior a 92-95% durante polo menos catro horas.

“Os produtos foron testados en condicións extremas para cuantificar a súa eficacia”

Para a infección secundaria, o resultado do produto “número de horas de follas molladas” (por choiva, orballo ou néboa densa) pola “temperatura media durante ese período” debe ser superior a 50. As demais intervencións antimildio realízanse unha vez se cumpran as mesmas condicións en presenza de esporanxios vitais.

Esta estratexia de aplicación non é, sen dúbida, a idónea para ensaiar produtos que non teñen sempre a condición de fitosanitarios e que, segundo os fabricantes, deben aplicarse preventivamente. Pero a nosa intención era testalos en condicións extremas debido a que se algún produto conseguía lograr certo control nesa situación podería ser interesante para integralo en programas de aplicación típicos, reducindo así o uso de produtos menos recomendables desde o punto de vista medioambiental.

Mancha de aceite de mildeu. Foto: Estación do Areeiro

Mancha de aceite de mildeu. Foto: Estación do Areeiro

Para decidir que sustancias podiamos utilizar realizamos unha revisión bibliográfica de cales se estaban empregando no mundo en ensaios de similar natureza. Centramos a nosa atención naquelas que nalgún deses experimentos deran resultados aceptables, polo menos nalgunha zona do noso entorno, aínda que non foi posible atopar todas elas en España.

Os ensaios realizámolos entre 2011 e 2014, así como en 2017, incluíndo en todos os ensaios un cobre comercial como comparativo, ademais da correspondente testemuña. As sustancias avaliadas, practicamente un mínimo de dous anos, recóllense na táboa seguinte:

Produto (composición)

Fortificante a base de fermentos de Lactobacillus e enzimas de Trichoderma + solución a base de Fósforo e Potasio

Bentonita

Dióxido de Silicio 98%

Nitróxeno 1% + Fósforo 30% + Potasio 20% + Aminoácidos 4%

Fitofortificante das respostas de defensa a base de carboxilaminas e extracto de Saccharomyces cereviseae

Peróxido de hidrógeno 25%

Fosfanato potásico 75,5%

Propóleo

Fósforo 30-32% + Potasio 20-24%

Cobre 8% en forma de gluconato + Pentóxido de fósforo 30% e Óxido de potasio (K2O) 20%

Potenciador das defensas naturais a base de anhídrido fosfórico e óxido de potasio

Cobre sistémico (Gluconato e galacturonato)

Cobre quelatado

Resultados obtidos: O mellor comportamento foi o do formulado composto polas mesturas de “Nitróxeno 1% + Fósforo 30% + Potasio 20% + Aminoácidos 4%”

Canto aos resultados medios obtidos por cada produto, é dicir, promediando as respostas de todas as repeticións dos diferentes produtos no ano ou anos en que foron testados, todos eles obtiveron certa resposta ao control do patóxeno nas condicións do ensaio, se ben esta afirmación debe ser matizada. Ante todo hai que ter presente que non todas as campañas o fungo presentou a mesma agresividade porque tampouco as condicións climáticas foron igual de favorables.

Así, os anos 2011, 2013 e 2017 foron os máis secos e menos propicios ao desenvolvemento da enfermidade, mentres que no 2012 e no 2014 as condicións húmidas durante a campaña provocaron infeccións de consideración. Por estes motivos, a resposta dalgún produto pode variar baixo outras condicións ambientais, aínda que é certo que a práctica totalidade deles foi avaliada máis dun ano.

Na gráfica seguinte recóllense os resultados medios, expresados en forma de porcentaxe de acios afectados a final de campaña, de cada produto:

areeiro_mildeu_produtos

Analizando estes datos dun xeito global, pódese comprobar que só seis das sustancias ensaiadas obtiveron medias inferiores ao 50% de ataque en acio, aínda que ben é certo que un deles, o composto por fermentos de Lactobacillus e enzimas de Trichoderma unidos á solución de Fósforo e Potasio, quedou só lixeiramente por debaixo, polo que ímolo excluír da análise pormenorizada dos resultados.

Tampouco o fosfonato potásico 75,5% tivo unha resposta aceptable, xa que implicou perdas do 41% dos acios. O fosfonato potásico está referido na bibliografía como un produto con efecto contra enfermidades causadas por fungos debido que ao aplicalo estimúlanse os mecanismos de resistencia natural dos vexetais. Porén, nos nosos ensaios, e nas condicións extremas ás que sometemos os produtos, non tivo bos resultados, aínda que si é certo que bastante afastado das sustancias que peor comportamento tiveron, o peróxido de hidróxeno (que xa sabiamos que actuaba principalmente fronte a bacterias) e a bentonita (que xa tivera resultados pouco concluíntes en ensaios realizados en diferentes zonas de Europa).

Tres dos produtos ensaiados si amosaron respostas favorables, aínda que non completas: trátase dun formulado composto polas mesturas de “Nitróxeno 1% + Fósforo 30% + Potasio 20% + Aminoácidos 4%”, outro con “Cobre 8% (gluconato) + Pentóxido de fósforo 30% + Óxido de potasio 20%” e dun “Potenciador das defensas naturais a base de anhídrido fosfórico e óxido de potasio”.

 O produto que mellor comportamento tivo rebaixou os anos do mildeu en acio a un 15%

O primeiro destes produtos, que en ningún dos tres anos ensaiados superou o 15% de dano en acio pese a ser probado tamén nun ano húmido (2012, pero igualmente en 2011 e 2013), é un formulado que, segundo o fabricante, aumenta a resistencia ao estrés biótico producido polo ataque de certos fungos e aumenta a tolerancia ao estrés abiótico.

A segunda sustancia con mellor comportamento fronte ao mildeu (Cobre 8% (gluconato) + Pentóxido de fósforo 30% + Óxido de potasio 20%) consta dunha solución de gluconato de cobre que se caracteriza por ser ben absorbida polas plantas a través de follas, raíces e cortiza, unida a unha combinación de fósforo e potasio para favorecer e activar os mecanismos de defensa hormonal da planta contra ataques externos.

Pola súa banda, o último produto con bastante bo resultado (20% de danos medios a final de campaña) é un bioestimulante sistémico con fósforo e potasio que, sempre segundo o fabricante, estimula a produción de sustancias naturais de defensa das plantas (fitoalexinas) contra enfermidades fúnxicas.

areeiro_mildeu_produtos_resultados

Conclusións:

Como vemos, e a modo de conclusión, dos resultados das cinco campañas nas que se realizaron ensaios empregando sustancias naturais nunha estratexia moi arriscada de optimización das aplicacións que implica intervir unicamente cando é necesario, pódese inferir que polo menos con tres delas obtense un control aceptable da enfermidade, que sen dúbida será superior se son integrados nun programa de tratamentos con funxicidas químicos tradicionais nos momentos de maior sensibilidade da uva e coas prácticas agronómicas de manexo do ambiente na plantación.

Con tres dos produtos testados lógrase un control aceptable

Trátanse de resultados obtidos unicamente nunha finca que non ten unha elevada sensibilidade á enfermidade polo que noutros casos os resultados poden ser diferentes, como xa se demostrou entre outros países de Europa onde se están a facer este tipo de ensaios.

De poder garantir unha boa eficacia con máis ensaios, o seu uso como funxicidas fronte ao mildeu dependerá de que as empresas titulares dos produtos soliciten a súa inclusión no Rexistro de Produtos Fitosanitarios, proceso moi custoso e complexo polas exixencias europeas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información