Control de IBR e BVD en vacún de leite: situación en Galicia

IBR e BVD son enfermidades causadas por dous virus diferentes, pero con características comúns, para as que se crearon diferentes programas dende as ADSG

Control de IBR e BVD en vacún de leite: situación en Galicia

IBR e BVD son enfermidades causadas por dous virus diferentes, pero que teñen características comúns. Son inmunodepresoras, con sintomatoloxía común a outras enfermidades e, ante unha sospeita, é necesario ter a confirmación da infección mediante técnicas de laboratorio.

Ignacio Arnaiz, do laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo, explica que dende o 2004 hai un programa nas Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS) a través do que se controlan enfermidades como a IBR, BVD ou a paratuberculose. Ante a cuestión da importancia dun programa, Arnaiz ten claros os motivos: por razóns sanitarias, perdas de produción, benestar animal, gastos en tratamentos e trabas no comercio. “Moita xente pregúntase por que facer un programa de IBR, por exemplo, se non van os animais para fóra, pero hai tratantes que mercan xatos para logo vendelos a outros países, por iso buscan estes controis”, indica.

A IBR, contaxio e control
IBR é un herpesvirus bovino tipo 1 (BHC-1) que se transmite de diversas maneiras, aínda que fundamentalmente, pola vía respiratoria. “Pode entrar nas granxas a través das roupas dos gandeiros, mesmo, e vai pasando dun animal a outro ata que nalgún deles se desenvolve a virose”, explica o profesional. No momento que hai un caso, xa hai un problema na granxa pola rápida transmisión a outros animais. “Se sabemos que hai un positivo, o óptimo é retirar ese animal”, destaca.

En toda España, as vacinas convencionais foron prohibidas no ano 2019 e nese mesmo ano elaborouse o programa nacional

A detección no caso das granxas de leite faise a través dos veterinarios, que recollen mostras do leite e esa proba informa de se os animais en lactación teñen ou tiveron IBR. “Pode que se hai poucos animais contaxiados, non se detecte con facilidade”.

Tamén se colle unha mostra nos animais menores de 36 meses, “porque determina se a infección é recente ou antiga”.

Os animais infectados ou vacinados con convencional, dan gB+ e gE+, mentres que un animal vacinado con vacina marcada dá gG+ e gE-. Cabe puntualizar que un animal positivo a gE considérase enfermo.

En toda España, as vacinas convencionais foron prohibidas no ano 2019 e nese mesmo ano elaborouse o programa nacional. “Ía entrar en vigor en 2025, pero con toda a problemática da EHE e lingua azul, decidiuse retrasalo”, recalca, e engade que en Galicia xa se aplica un programa dende 2004, “por iso levamos vantaxe”.

A diferencia entre os programas, é que no nacional se obriga a vacinar todas as explotacións que teñan animais positivos, pero en Galicia cada gandeiro decidía.

Cando se comezou o programa de control en Galicia, no 2004, nas explotacións galegas de cada 100 animais case o 35 % saía positivo. En 2023, tanto a gB como gE, só tres deron positivo. “Estamos nunha situación boa para erradicar a enfermidade de maneira progresiva”.

BVD e os animais persisntentemente afectados
A BVD é un pestivirus con ampla distribución mundial. Produce signos clínicos variados: reabsorcións embrionarias, abortos, pneumonías, diarreas en xatos… A principal característica da enfermidade é a existencia de animais persistentemente infectados (PI).

Cando hai un PI na gandería, todos os animais saen positivos, por iso hai que evitar ter esas reses

Coa chegada do programa de control, búscase detectar animais infestados e eliminalos, porque a inmunidade gasta moita enerxía. “No vacún é fundamental o balance enerxético. Toda a enerxía que gaste o animal en loitar contra un virus, non a emprega para darlle leite aos xatos ou protexerse doutras enfermidades”, subliñou.

Entre os temas relevantes desta enfermidade están os animais persistentemente infectados. É resultado da infección por BVD nunha vaca xestante, na que vai haber diferentes períodos nos que se pode infestar: se é nos primeiros 40 días, haberá mortes embrionarias. Se afecta entre 40-120 días, aborta ou produce un PI. Nos 90-160 días: aborta ou dá a luz xatos con anomalías. Aos 160 días ao nacemento: aborto ou xato normal con anticorpos. Hai que ter en conta que os animais PI xa nacen con esta característica.

Cando hai un PI, todos os animais saen positivos, porque cando tose, mexa ou caga está distribuíndo o virus, “por iso hai que evitar ter estes animais”. Antigamente, era moi típico ver o problema da BVD, porque nacían con mal pelo, pequenos e morrían antes do ano de vida. “Agora detéctase por analítica de laboratorio ou por problemas de reabsroción, por iso o diagnóstico é importante”.

O profesional recomenda diagnosticar dende o primeiro momento, antes incluso de darlle o costro ao xato. É complexo, pero cando unha vaca é positiva a anticorpos e leva un PI dentro, non se pode detectar ese animal dentro da vaca. Cando paire na explotación, haberá o nacemento dese animal. “A partir de aí todas as vacas que estaban na explotación, empezarán a parir PI. Non é cuestión de que o quites ao día seguinte, xa con nacer entre as outras vacas empeza o virus a transmitirse con moita máis rapidez que a IBR”.

Cando nacen varios PI, se algún dos compañeiros sae negativo e é unha xovenca coa que se quere quedar o gandeiro, é preciso volver a sangrar ao animal aos tres meses. “Nalgunhas explotacións escápansenos animais polo tema dos costros e non o detectamos. Tivémolo durante todo un ano eliminando virus e xerando máis PI”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información