Control de gastos, clave para a rendibilidade das gandarías de leite

Manuel Ángel Fernández Sánchez, da empresa Consuvet, ofreceu a pasada semana unha charla en Africor Lugo sobre "Eficiencia produtiva en tempos de crise: canto leite debe producir unha gandaría para ser rendible". Publicamos un resumo da mesma.

Control de gastos, clave para a rendibilidade das gandarías de leite

A alimentación supón ata o 60% dos custos

Para lograr a rendibilidade económica dunha explotación láctea o primeiro que debemos analizar é a súa situación económica e, sobre a base diso, tomar as decisións técnicas, sobre todo en alimentación, que concentra entre o 50 e o 60% dos gastos.

O control de gastos, é dicir, saber que gastamos en cada partida e o que nos custa producir o litro de leite é unha información fundamental que o gandeiro debe ter e que debe facilitar aos técnicos para poder tomar as decisións técnicas axeitadas.

Unha vez que coñecemos esa información, é cando podemos tomar decisións de control de presuposto e mellora da rendibilidade, traballando en aspectos como a alimentación, a recría ou a fertilidade.

Non debemos facer as cousas ao revés: realizar investimentos e tomar decisións técnicas sen coñecer cal é a situación económica da gandaría. En definitiva, o gandeiro ten que xestionar a súa explotación leiteira coma se fose unha empresa. Un bo exemplo a seguir encontrámolo no sector porcino ou na cunicultura, onde os custos de produción están moi controlados. Neste sentido, o modelo SIP, líder de control de custos en porcino, está previsto que en breve se aplique tamén en vacún.

modelosip_CONSUVET

Ata un 60% das explotacións lácteas non controlan os seus gastos

En boa parte das explotacións lácteas galegas, diría que ata nun 60%, non hai un control de gasto e isto é algo preocupante.

Debemos recordar que o factor fundamental da rendibilidade das explotacións lácteas é o prezo do leite. Neste sentido, a situación económica de bastantes explotacións galegas é dramática porque realizaron investimentos cun horizonte de prezo do leite que non se cumpriu. E a falta de control do gasto agrava notablemente esta situación.

A este respecto, quixera recordar unha frase que subscribo na súa integridade: “O descoñecemento dos custos de produción por parte dos gandeiros limita a súa supervivencia, sitúaos en situación de desvantaxe fronte á industria e frea a súa capacidade de negociación de cara ao establecemento de prezos nos contratos lácteos”.

É dicir, o coñecemento e control dos custos de produción dános argumentos para xestionar e negociar mellor o prezo do leite. Así, dentro de Galicia vexo diferenzas entre clientes cunha xestión boa do prezo do leite e outros que teñen prezos e contratos moi malos, nos que a industria lles está a pagar a 0,23 €, cando soamente a alimentación lles custa 0,17 € por litro de leite.

En definitiva, o ter controlados os custos e asesorarse nos investimentos vai ser fundamental para adaptar a explotación a un escenario que se nos presenta de altibaixos importantes no prezo do leite.

O ideal é minimizar os custos de amortización

Despois da alimentación do gando, un dos gastos máis importantes dunha explotación gandeira son as amortizacións por compra de maquinaria, instalacións…etc, que no caso de Galicia hai que engadirlle nun bo número de casos a compra de cota láctea.

Neste sentido, creo que o ideal nunha explotación láctea estaría entre un 10-15%-15 dos gastos para amortizacións. Hai explotacións nas que ese gasto supera o 20-25%-25, e neses casos habería que formular sistemas de produción que esixan menos gasto en maquinaria.

É o pastoreo máis rendible?

En concreto, estariamos a falar de sistemas de semipastoreo ou pastoreo, que permiten reducir gastos en alimentación e en maquinaria. Non obstante, non todas as gandarías de leite se poden permitir este sistema, xa que se require ter suficiente terreo de pasto preto da explotación e, a ser posible, que non estea disperso.

Así, teño clientes de vacún de leite que pacen 7/8 horas ao día e producir un litro de leite sáelles bastante rendible. Hai que ter en conta que co pastoreo tamén limito a produción e polo tanto teño que ter unha xestión da alimentación que me permita manter unha produción estable ao longo do ano.

nodesviarnos_CONSUVET

En todo caso, o gandeiro que teña a oportunidade, segundo que época do ano, de sacar as vacas a pastar 5 ou 6 horas ao día, nun réxime de semipastoreo, vai abaratar bastante os custos de alimentación.

Mellorar a calidade do silo de herba

Por último, un aspecto no que quixese incidir é no da calidade das forraxes: en demasiados casos a forraxe é de mala calidade e está mal conservada nos silos. E unha forraxe mala é unha forraxe máis cara. En Galicia adoitan ser habituais casos de silos de herba cun 27% de materia seca e un 9,5 de proteína e iso non é aceptable, máxime nesta situación.

Como recomendación final para os gandeiros de vacún de leite aconsellaríalles que realicen un control dos custos de produción porque iso permitiralles mellorar a negociación do prezo do leite.

Manuel Fernández Sánchez

Consultor veterinario especializado en nutrición e reprodución de ruminantes. CONSUVET.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información