Control da rata toupa na montaña de Lugo: receitas para reducir o seu impacto

Expertos na xestión da rata toupa abordaron en Triacastela as estratexias para atallar a praga. O Goberno de Asturias, Xunta e Universidade traballan en distintos métodos para frear a súa proliferación

Control da rata toupa na montaña de Lugo: receitas para reducir o seu impacto

Expertos na rata toupa durante as visitas a campo realizadas en pradeiras afectadas da montaña lucense.

Triacastela, xunto con Pedrafita, foi dos primeiros concellos da montaña lucense no que se detectaron danos importantes nas pradeiras debido ó aumento das poboacións de rata toupa (Arvicola scherman). E foi tamén neste concello onde veñen de reunirse algúns dos expertos que están abordando a problemática. O obxectivo da xornada, organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, era incrementar o coñecemento sobre esta especie que está a causar estragos.

O encontro congregou a representantes da Consellería de Medio Rural, da Universidade e do Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias (Serida), que está a colaborar estreitamente coa administración galega para procurar solucións. Na xornada técnica participaron tamén expertos franceses que amosaron os seus coñecementos sobre a rata toupa, unha especie que levan estudando máis de 20 anos.

Entre as conclusións do encontro tres conceptos claves: seguimento constante das poboacións, actuar cando haxa baixa densidade de poboacións e a implicación conxunta de todos os propietarios afectados. Aínda que non son solucións a curto prazo para atallar a praga, estas tres indicacións son parte da receita para manter a raia as poboacións de rata toupa, segundo coincidiron en sinalar os expertos. A experiencia en Francia amosa tamén que pasar por alto algún deles trae explosións de poboacións de rata toupa, como a que afecta dende hai dous anos á montaña lucense.

“A solución pasa por un tratamento integral da praga, non temos unha única solución e esta resposta debe efectuarse de xeito coordinado”: Aitor Somoano, investigador do Serida

“A solución pasa por un conxunto de medidas, é dicir un tratamento integral da praga, non temos unha única solución e esta resposta debe efectuarse de xeito coordinado con tódolos propietarios, de nada serve tratar o problema de xeito individual”, explica Aitor Somoano, investigador da área de Sanidade Animal do Serida.

O seguimento das poboacións

Realizar unha supervisión constante sobre todas as zonas afectadas é un dos factores determinantes para poder atallar a praga da rata toupa. Este seguimento, que os expertos recomendan realizar dúas veces ó ano, na primavera e no outono, permite coñecer a evolución da especie e definir as estratexias a seguir en cada momento.

De feito, no país galo levan anos realizando este tipo de seguimento periódico nas rexións con presenza da rata toupa. Neste mesmo senso, dende o Serida están a levar a cabo un estudo das poboacións tanto en territorios de Asturias como agora na montaña lucense, logo de asinar un convenio coa Administración galega. Unha das liñas de actuación nas que están centrando os traballos é en coñecer como están estruturadas as poboacións para desenvolver solucións que axuden a mantelas baixo control e mesmo chegar a coñecer os factores que poden provocar que se orixine un incremento.

O seguimento das poboacións pode permitir predicir as explosións demográficas e resulta imprescindible para garantir a efectividade das medidas de control

“Sería de interese garantir que estas investigacións sobre o comportamento da rata toupa se manteñan no tempo para así ter un maior coñecemento sobre a especie que permita chegar a predicir en que momento se van a producir explosións demográficas e poder atallalas”, valora o experto, que está a colaborar na coordinación das accións desenvolvidas por Medio Rural en Galicia.

Non son as únicas liñas de traballo que teñen na mesa do Serida sobre a rata toupa. Somoano tamén está a abordar a presenza de patóxenos e parasitos que poidan afectar á rata toupa, non só polo que condicione a súa supervivencia, senón polo risco que poidan supoñer para outras especies. Cómpre ter presente que os roedores son portadores potenciais de microorganismo que poden afectar ós humanos, así como ó gando e a outra fauna salvaxe.

toupeiras de rata toupa

Toupeiras causadas pola rata toupa en pradeiras da montaña de Lugo. // Foto SGPF.

Cando actuar?

Outra das claves para atallar a praga da rata toupa pasa por escoller o momento axeitado para aplicar as medidas de control. Os estudos realizados durante máis de 20 anos polos franceses ratifican que é preciso actuar cando a especie se atopa en momentos con baixa densidade de poboación, xa que en plena explosión demográfica non hai solucións que consigan reducir a incidencia.

O estudo realizado en Francia sobre o impacto dos depredadores no control das poboacións da rata toupa ratifica que nas explosións demográfica, aínda cunha presenza superior de depredadores non abonda para facer fronte á rata toupa. Así, se a principios de ano se contabiliza unha presenza de rata toupa de 77 exemplares por hectárea a finais de ano pode chegar a reducirse esa cifra ata os 66 animais, debido á incidencia dos depredadores. Porén, se ese número se eleva a 200 rata toupas por hectárea e aínda que se incrementen os depredadores, chegaranse a contabilizar uns 600 exemplares a finais de ano.

“Precisamos ese seguimento constante sobre as zonas afectadas. Non podemos pensar que en canto baixe a poboación xa desapareceu o problema”: Joan Alibés, presidente da SGPF

“Os expertos coincidiron en que é en momentos de baixa densidade de rata toupa cando debemos facer fincapé nas medidas de control para evitar unha explosión demográfica como a que estamos tendo agora en Lugo”, incide Joan Alibés, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. De aí que tamén insista na necesidade de manter ese seguimento por parte da Administración para poder actuar de xeito efectivo contra a praga. “Precisamos ese seguimento constante sobre as zonas afectadas. Hai que ter clara a dinámica da poboación e xa que vai haber picos cada certo tempo precisamos coñecer en que momento é máis efectivo actuar e incrementar esforzos”, apunta Alibés. “Non podemos pensar que en canto baixe a poboación xa desapareceu o problema, como aconteceu no 2007”, recorda.

Medidas contra a praga

Tan importante como escoller o momento axeitado para aplicar medidas contra a praga é conseguir que a aplicación se leve a cabo dun xeito coordinado e coa implicación de tódolos axentes implicados, dende a Administración ata os gandeiros e produtores. “De nada serve actuar de xeito individual fronte á rata toupa, as actuacións dun gandeiro a nivel individual poden axudar a frear momentaneamente, pero sen unha resposta conxunta non haberá resultados. O gandeiro non pode estar só, precisa da coordinación de moitos axentes e a colaboración pública”, explica Patrick Giraudoux, un dos expertos franceses que asistiu á xornada e investigador da Universidade de Franco-Condado.

Os depredadores naturais son un dos mellores aliados para o control da rata toupa

Garantir a presenza de depredadores naturais como o raposo, o gato montés e o doméstico, a garduña, o teixugo ou as aves rapaces é fundamental para manter controlada a poboación da rata toupa, tal e como sinalaron os investigadores franceses.

Na xornada tamén se apuntaron tanto factores que poden influír na explosión demográfica como algunhas das medidas que se están impulsando dende a Consellería de Medio Rural para tentar frear a praga, que afecta a unha superficie de 1.629 hectáreas repartidas en 2.995 parcelas dos concellos lucenses de Pedrafita, Folgoso do Courel, Triacastela, Samos, As Nogais e Cervantes.

Neste senso, a redución do pastoreo apúntase como un dos posibles desencadeantes, posto que a presenza do gando contribúe a destruír as galerías da rata toupa e limita a súa presenza. Por iso, unha das medidas pasa por alongar as quendas de pastoreo e que este se prolongue durante todo o ano. Neste senso, Alibés advirte da importancia de contar con medidas que fomenten estas prácticas e que os gandeiros non saian prexudicados por este motivo na nova PAC.

Incrementar as quendas de pastoreo e recuperar a rotación de cultivos poden contribuír a manter baixo control a poboación de rata toupa

Xunto coa recuperación do pastoreo, a rotación de cultivos nas pradeiras tamén se presenta como unha opción para destruír as galerías. “Retomar o cultivo de cereais en rotación coas pradeiras pode traer beneficios coa rata toupa á par de ser unha alternativa para reducir a dependencia de concentrado das ganderías nun contexto de incrementos de prezos como o actual”, valora Alibés.

Tendo tamén en conta os efectos do pastoreo, dende Medio Rural desenvolveron un rulo con pistóns, cun peso de 3.500 quilos e con tacos lisos e troncocónicos co que simular a presenza do gando vacún nas pradeiras e conseguir romper as galerías da rata toupa. Tamén levaron a cabo probas con trampas de caída, pero que non remataron con éxito.

rulo contra a rata toupa

Rulo con pistóns para simular o efecto do gando pacendo na pradeira. // Foto. Medio Rural.

Dende marzo deste ano, optaron por adquirir unhas 2.000 trampas tipo golpe, modelo Supercat, que cederon a case un cento de veciños dos municipios afectados para que poidan realizar o trampeo nas pradeiras. “Tamén temos de xeito permanente 4 técnicos de Tragsatec que lles proporcionan información sobre estas prácticas de trampeo ós veciños e contribúen no seguimento da evolución da praga así como no propio trampeo ó xestionar 250 trampas”, concreta Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións de Lugo.

Tamén están a estudar a aplicación doutras solucións fitosanitarias, como fosfuro de aluminio empregado en Asturias, pero para o que se require formación especializada polos riscos que pode supoñer durante a súa aplicación. Outra das materia activas que se valora empregar é o fosfuro de zinc, que se presenta como unha alternativa eficaz contra os roedores e que non se degradaría coa choiva, reducindo as posibles contaminacións.

Novas liñas de investigación

Pola súa banda, dende a Facultade de Veterinaria de Lugo están a traballar noutras alternativas para diminuír a presenza de rata toupa. En concreto, o equipo liderado polo investigador Pablo Sánchez propón botar man dos sinais químicos producidos polos depredadores da rata toupa, como pode ser o raposo ou as rapaces, para xerar unha situación de estrés no animal e limitar así a súa capacidade de reprodución. “Trátase de empregar as chamadas cairomonas, as feromonas que as rata toupas identifican cos seus depredadores e lle fan estar alerta ante o perigo que lle supón”, concreta Sánchez. Ademais, o emprego destas cairomonas non supón ningún risco, xa que son as propias secrecións dun depredador.

“A rata toupa ten un sistema vomeronasal máis desenvolvido que outros roedores, o que abre a posibilidade de empregar as cairomonas para axudar a regular esta especie”: Pablo Sánchez, investigador da USC

Para levar a cabo esta proposta, o equipo de Sánchez estivo a estudar en detalle a anatomía da rata toupa, en concreto o seu sistema vomeronasal, órgano encargado de identificar as feromonas, así como as conexións cerebrais deste. “Vimos que esta especie ten un sistema máis desenvolvido que outros roedores, o que abre a posibilidade de empregar as cairomonas para axudar a regular a poboación de rata toupa”, detalla o investigador.

A investigación abre o camiño non só para empregar as cairomonas no control da rata toupa, senón para seguir traballando nestes métodos de control noutras pragas ou fauna salvaxe que supón problemas no agro, coma os xabarís.

Á marxe destes traballos, dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes reclaman que tamén se inicien outras investigacións agrarias para aproximarse dende outros ámbitos e nos centros agrarios públicos a solucións que poidan funcionar e adaptar as prácticas ós coñecementos que se vaian manexando sobre a rata toupa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información