Control da EHE: medidas de prevención, balance do impacto e próximas axudas

Durante a xornada sobre vixilancia nas ADSG de Galicia, presentouse a situación da EHE e tamén se falou da relevancia das medidas preventivas e da vacina, así como das indemnizacións que se activarán proximamente

Control da EHE: medidas de prevención, balance do impacto e próximas axudas

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL), en colaboración coa Subdirección Xeral de Gandaría da Consellería do Medio Rural e as ADSG Boimorto e Terras do Queixo, organizou en Arzúa unha xornada técnica sobre ‘Vixilancia sanitaria das ADSG de Galicia. Enfermidades e aplicacións informáticas’.

Durante a sesión, abordouse a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) da man de Margot García Liñeira, da ADSG Terras do Queixo e Isabel Díaz Iturralde, da ADSG Boimorto. Ambas fixeron un repaso pola enfermidade explicando como se transmite, como é o vector e tamén recalcaron a importancia das medidas preventivas e da vacina para erradicala. Así mesmo, Santiago Martínez Calvo, da subdirección xeral de Gandería, explicou cales son as indemnizacións que se abrirán proximamente en Galicia. Para rematar, durante a mesa redonda saíron algúns casos de gandeiros afectados por esta enfermidade.

Subvencións para compensar prexuízos económicos EHE
O representante da subdirección xeral de Gandería indicou que actualmente, Galicia atópase traballando nunha resolución do procedemento de concesión de subvencións directas, destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola EHE en Galicia.

Os beneficiarios serán titulares de explotacións bovinas de alta en Rega. Estarán excluídos todas explotacións ou titulares que teñan expedientes sancionadores en firme en materias de sanidade, identificación, benestar animal, hixiene ou seguridade alimentaria en 12 meses.

Tamén se beneficiarán os titulares que recibirán indemnización por morte tramitada conforme a orde do 13 de decembro de 2023. Serán receptores desta axuda, co cálculo da diferencia entre a contía percibida e a correspondente por esta resolución en función da idade do animal morto a causa da EHE.

Subvencionaranse os animais mortos con resultado de laboratorio a EHE, ou aqueles nos que os seus veterinarios oficias consideren que a morte foi consecuencia da EHE. Do mesmo xeito compensarase o custe de tratamentos veterinarios e desinsectantes para animais de explotacións en explotacións con casos de EHE dende o mes de setembro de 2023. Será única, de forma que non se subvencionará o mesmo concepto por ambos anos.

Gandeiros aos que lle afectou a EHE destacan que a situación provoca moito desgaste e desesperación na xestión da gandería

No caso dos animais mortos dos que excepcionalmente non consta toma de mostras: se a persoa gandeira considera que a morte foi debida á EHE, debería comunicalo inmediatamente á Oficina Rural, aos efectos de que os servicios veterinarios oficiais (SVO) poidan visitar a explotación e avaliar os signos (máximo 24 h dun día hábil tras a detección). A comunicación de animais con sintomatoloxía compatible coa EHE deberá ser inmediata. Non se deberá retirar o cadáver ata a visita do SVO. Se non fose posible a visita, a persoa gandeira deberá presentar un certificado veterinario oficial que especifique ao detalle os datos de solicitude dos servizos, data da visita, data de inicio dos síntomas e data da morte.

En canto aos importes, por morte de animais de menos de 4 meses pagaranse 400 euros. Nos bovinos maiores de 4 e menores de 8 serán 900 euros; nos de máis de 18 meses E menos de 120 chegarán aos 1.600 euros e máis de 120 meses 1.000 euros.

Nos gastos veterinarios e produtos pagaranse 20 euros/animal censado a 12 de xuño de 2024 cun mínimo de 140 euros en explotacións con censo de máis de 7 animais e cun máximo de 4.000 euros por explotación. No caso de que o crédito sexa insuficiente, daráselle prioridade ás mortes.

As axudas serán directas, polo que non haberá que solicitalas, senón revisar a resolución e comprobar se aparecen as explotacións afectadas. Unha vez que se publique haberá cinco días hábiles para mirar e se non se está, poderase reclamar con facturas e papeis precisos.

Casos de gandeiros
Durante a xornada, celebrouse unha mesa redonda na que interviñeron persoas asistentes, entre elas gandeiros que relataron as súas experiencias. A un deles, no pasado ano morréronlle sete animais e un neste ano, pero “en sangue só saíu un positivo”. Declarou que o pasado ano foi “desolador porque é unha impotencia ver os síntomas e non saber que facer”. Ten claro que a vacina, teña o custo que teña, “compensa”. “Hai que ter en conta que coa perda do animal en si, pérdese a produción dese animal e tamén hai que incluír un custo que tivo para o gandeiros a atención que lle dedicamos”.

Explicou que a sintomatoloxía foi complexa de observar, no caso das xovencas presentaron máis síntomas, pero nesta categoría as perdas foron poucas, porén, nas vacas adultas non había case sintomatoloxía, pero as perdas foron maiores. No caso dos animais máis pequenos “observamos os morros rosados ou úlceras, pero nas outras viamos que non ían ben porque de repente non producían e xa sospeitábamos que algo pasaba”.

Outro gandeiro tivo unha morte neste ano e tamén realtou que a situación é de impotencia “porque non sabes ata que punto vai afectar a outros animais e estás nunha incertidume xa que estás pendente da sintomatoloxía noutras vacas”. Incide na desesperación e no desgaste que produce a entrada da enfermidade na explotación porque non é fácil de controlar.

Ambos coinciden na importancia de que funcionen as subvencións para que os gandeiros non teñan medo a notificar os casos, “que é moi importante para poder facer unha xestión da enfermidade óptima e acadar a erradicación”.

Transmisión e síntomas da enfermidade
Isabel destacou que neste ano, o período de risco activouse en abril e “vendo os antecedentes, creo que para os próximos anos adiantarase”. Así, dende que se activou o risco rexistráronse focos en 45 das 54 comarcas veterinarias, chegando a 1.986 explotacións de leite e carne confirmadas positivas, “tendo principal incidencia nas de carne en extensivo”. En canto ao número de animais, constan 4.778 animais confirmados no laboratorio.

Observouse que en zona moi afectadas en 2023, como foi Ferrolterra, neste ano os síntomas foron leves

En canto á transmisión, a profesional puntualizou a importancia da temperatura ambiente, que ten que ser superior aos 13 graos para sobrevivir o mosquito. Tamén é preciso ter en conta tres factores: non se transmite dun animal a outro, senón que se necesita sempre o mosquito; non se transmite á xente e os síntomas só se van a percibir en bóvidos, corzos e gamos. “Nas ovellas e nas cabras é pouco susceptible a infección”, puntualiza.

En canto aos síntomas, incide en que vai depender do estado do animal e da súa resposta inmunitaria, idade, parto e outros factores. Dentro dos síntomas, pódense observar disfaxias severas, secreción nasal ou ocular, coxeira, febre, edemas, abortos… “Os síntomas son bastante inespecíficos, por iso se pode confundir con IBR ou Lingua Azul, por iso é relevante a análise de laboratorio, que é definitivo”. Aclara que cando un animal mostra algún síntoma, é preciso coller a mostra de sangue e mandala ao laboratorio e aí detectarase a virose. Nalgúns animais pode chegar a detectarse o virus ata 21 días despois da infección, incluso noutros ata 70 días teñen virus na sangue.

Con respecto aos anticorpos, como se trata dunha enfermidade recente e que está en estudo, hai pouca información neste sentido. Aínda así, viuse que en zona moi afectadas en 2023, como foi Ferrolterra, neste ano os síntomas foron leves.

Control do vector
Durante a súa intervención, Margot puxo o foco no ciclo de vida dos mosquitos, que a diferencia do das moscas é que precisa dun medio húmido. “É un detalle a ter en conta para poder facer un control integral dos insectos”. Este insecto pasa de ovos, a larvas, para logo transformar en crisálidas e finalmente en mosquito adulto.

Para facer unha prevención da enfermidade, hai que realizar varias actuacións dentro das instalacións. “É importante atacar nos diferentes ciclos da vida senón nunca chegaremos a lograr unha desinsección completa da explotación”, subliña.

Para unha boa prevención é necesario aplicar larvicidas e insecticidas, e tamén vacinar

Na fase de larvas débese empregar larvicidas, que sempre se empregan en zonas sucias onde se acumula materia orgánica. “Espazos como as camas de palla das xatas, que debaixo teñen os ouriños e humidade, son puntos nos que incidir. Tamén nos xurros, onde se poden facer unha franxa dun metro para que as larvas non saian para arriba”, explica. Estes produtos “normalmente hai que aplicalos por metro cadrado” e é complexo, porque débese calcular o espazo. “Non hai moita fe neles porque son difíciles de aplicar, e se non se bota a dose correcta no espazo indicado, xa non teñen o mesmo efecto. Por iso, eu sempre incido na importancia de aplicalo ben”, recalca.

En canto aos insecticidas para incidir nas fases adultas, “xa se empregan doutro xeito”, debendo aplicarse nas paredes, teitos, ferros e en xeral por todas as instalacións.

“É necesario facer ambas aplicacións, pero tamén hai que vacinar”, indicou Margot e engadiu que entende o “medo” ao non estar totalmente testada, “pero tamén é unha medida de prevención”.

Servizos da oficina virtual en sanidade animal

ovgan
A Oficina virtual do medio (OVGAN) ofrece un servizo aos gandeiros para non terse que desprazar ás oficinas rurais e facer os trámites dende as explotacións. Esta aplicación ten unha parte de información pública, para todos os gandeiros que estean ou non dados de alta. Logo hai outra parte de oficina privada para cada un dos gandeiros. Aí ofrécese información de todos os trámites pendentes ou xa realizados, como pode ser a solicitude de subvencións como as que se activarán da EHE, que, segundo indica, poderán xestionarse por esta vía.

A través deste sistema pódense observar informacións relevantes como poden ser os prezos ou a prevalencia de enfermidades como a tuberculose, Lingua Azul ou EHE por Comunidades Autónomas e por comarcas gandeiras. Tamén se poden obter resumos dos movementos dos animais, como facer cos vehículos, as desinseccións das instalacións ou produtos repelentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información