Contratos lácteos: Denuncian que segue habendo granxas ás que as industrias non lles recollen o leite

O Sindicato Labrego Galego demanda actuacións inmediatas das administracións ante a renovación dos contratos do leite

Momento no que en SAT Os Foros tiveron que abrirlle ao tanque do leite

Mañá fará quince días que se renovaron os contratos do sector lácteo en Galicia e dende o Sindicato Labrego Galego denuncian que “moitas gandeiras e gandeiros se viron na obriga de asinar contratos abusivos e outras que non asinaron levan dende entón tirando o leite”.

Así, dende o SLG teñen constancia de que “a día de hoxe hai granxas ás que aínda non lles vai ninguén a recoller -sabemos de dous casos concretos en Ribadeo e en Ribeira de Piquín (Lugo) que a estas alturas aínda non solucionaron con ningunha empresa, pero de seguro que haberá máis”-.

Ante esta situación, exixen a “actuación inmediata por parte da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura e da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA)”. “A que agardan? A que as granxas pechen e non haxa volta atrás?”, pregúntanse dende o Sindicato Labrego, que lembra que “noutras Comunidades do Estado Español, como o caso de Cantabria, activouse unha axuda destinadas ás granxas que quedaron sen recollida, por encontrarse en zonas afastadas, como alta montaña e de especial dificultade de acceso, para compensar as dificultades que as produtoras e os produtores están a ter”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información