
Xan Pouliquen, Efrén Castro e Concha Blanco, durante a xornada resumo da viaxe de estudo a Nova Zelandia
Os gandeiros que visitaron Nova Zelandia no mes de decembro para coñecer o seu sistema de produción leiteira fixeron o pasado venres unha xornada de presentación pública de resultados que sacou á luz as contradicións dun país que se atopa entre os principais exportadores de produtos lácteos a nivel mundial.
O obxectivo deste encontro celebrado na Deputación de Lugo, segundo explicou o vicepresidente da institución, Efrén Castro, era compartir con outros produtores a experiencia e os coñecementos adquiridos nesta viaxe de estudo levada a cabo por un grupo de 21 gandeiros e técnicos galegos.
“Nova Zelandia basea a súa produción láctea no pastoreo. É un modelo do que se poden tirar aprendizaxes para a nosa gandería, que ten no control de custos un reto continuo”, asegurou. Pero a viaxe tamén serviu para desmitificar certas imaxes.
A xornada de difusión levada a cabo na Deputación de Lugo tiña por obxectivo compartir o visto e abordar unha aplicación práctica dos coñecementos adquiridos
Nova Zelandia produce leite a baixo custo cunha alimentación do gando en base a pasto pero comparado coa realidade das granxas galegas que fan pastoreo, a conclusión é que non é ouro todo o que reloce nin ecolóxico todo o que é verde.
“Eu volvín moi decepcionado, porque tiñamos unha idea do que iamos a ver e o que vimos non tiña nada que ver con iso”, afirma Xan Pouliquen, asesor de granxas e coordinador da viaxe realizada entre os días 6 e o 16 de decembro pasado.
Temos gandeiros en Galicia que saben máis de pasto que os gandeiros de Nova Zelandia
“Vimos unha gandería de leite e de carne intensiva. Eles son intensivos en pasto. Se eses gandeiros os metemos aquí, todos terían 4 robots e ración a base de silo de millo, porque a mentalidade é a mesma: buscar a máxima produción”, razoa.
“Vimos pradeiras malas e gastadas. Hai xente en Galicia que fai pastoreo tan ben ou mellor que en Nova Zelandia. Iso si, vimos moitas zonas que aquí considerariamos zona de monte e que alí están a pastos produtivos. É dicir, moitos montes galegos tamén poden ser produtivos con herba e non so con eucalipto”, conclúe.
Coñecemos a continuación a opinión dos gandeiros de Galicia e Asturias que visitaron o país maorí e as principais conclusións que sacaron sobre o seu sistema de produción:
Modelo intensivo

Algúns dos gandeiros que visitaron o país maorí en decembro
Nova Zelandia conta cun modelo estandarizado de produción de leite en base a pasto, no que todo o gando (tanto as vacas como a recría) está fóra todo o tempo, sen apenas instalacións a cuberto máis que as salas de muxido e, nalgún caso, unha zona de comedeiro.
“Trátase dun modelo único, pois até as estacas e as cancelas eran iguais en todas as granxas”, destaca Xurxo Rodríguez, da gandería ecolóxica e queixería Bértolos e Serranos, de Friol. “Alí a herba está verde, pero a golpe de nitróxeno”, engade Manuel Paredes, de Ecolóxica Paredes, da Baña.
Vimos solos moi castigados, porque o solo abonado con tanto nitróxeno é un solo ionki, ten dependencia continua del
“O de Nova Zelandia é un sistema moi intensivo de manexo do solo e de uso do pasto. Non se vían os solos vivos, penso que están moi castigados, porque na primavera fan quendas de pastoreo moi curtas, de 20 días, e abonan continuamente con abonos químicos. O solo abonado con tanto nitróxeno é un solo ionki, ten dependencia continua del, por iso canto antes o desenganches mellor”, afirma Jesús Méndez, de Gandería Adelina, unha granxa en ecolóxico de Castropol.
Elevadas cargas gandeiras

A maioría de granxas traballan con medias de 3 vacas por hectárea
As ganderías neozelandesas caracterízanse por ter cargas gandeiras moi altas, que superan con frecuencia as 3 vacas por hectárea. “Teñen medias de 3 vacas por hectárea e de 450 kg de sólidos por vaca. É dicir, producen uns 12.000 litros de leite por hectárea feitos con pasto”, calcula Manuel Pose, de Cabana de Bergantiños.
“Para sobrevivir en Nova Zelandia hai que ter como mínimo 70 hectáreas e 200 vacas de leite, segundo nos dicían os gandeiros que visitamos”, lembra Eloi Villada, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
A pradeira máis común é a de raigrás inglés con trevo branco
“A flora que atopamos nos prados en Nova Zelandia é practicamente a mesma que podemos atopar en Europa, porque fai décadas introduciron a flora europea alí. A pradeira máis común é a de raigrás inglés con trevo branco e para rexenerar a fertilidade en solos recentes como son os solos volcánicos en zonas pobres como os da rexión de Taranaki introduciron fauna de solo europea (miñocas e outros aradores microscópicos)”, explica.
Nalgúns casos, as granxas plantan achicoria. “Ten raíz profunda e na época seca resiste mellor. Ademais, aporta tamén zinc. Nova Zelandia está moi exposta á radiación solar, o que provoca eccemas faciales no gando, unha enfermidade tamén coñecida como intoxicación por esporidesmina e pitomicotoxicose que está causada polo fungo Pithomyces chartarum que medra con frecuencia nos pastos de raigrás perenne en Nueva Zelandia. O zinc serve para combatelo”, indica Eloi.
Ausencia de biodiversidade

A sulfatadora é un elemento habitual na maioría de explotacións lácteas de Nova Zelandia
Para maximizar a produción de herba, ademais da utilización de nitróxeno (o límite legal está fixado en 190 kg/ha/ano), está estendido o uso de herbicidas para o control das malas herbas. En zonas costentas a aplicación faise con helicóptero, ao igual que o abonado.
Abusan moito do herbicida; teñen sulfatado ata a beira dos ríos
“Teñen todo sulfatado até as beiras dos ríos e con cargas gandeiras tan elevadas teñen que cargarlle ao nitróxeno”, di Víctor Vilar, un mozo de Castroverde de 25 anos que vén de incorporarse á explotación familiar.
“Hai falta de biodiversidade. A paisaxe decepcionoume un pouco porque a machacaron. Todo son pradeiras, como se fosen campos de fútbol divididos con peches, pero ao final hai unha cantidade de nitróxeno e de glifosato que bota para atrás”, di Xurxo.
Hai falta de biodiversidade, machacaron a paisaxe, parece que son todos campos de fútbol con peches polo medio
“A min tamén me sorprendeu a magnitude da transformación das terras en pastos, a súa inmensidade e continuidade no territorio, que é un auténtico exceso e está presente en toda a paisaxe”, concorda Eloi.
Parcelas de castigo para o inverno
A maioría das explotacións destina tamén determinadas áreas (as menos produtivas ou as máis afastadas da sala de muxido) a zonas de castigo para o inverno, onde ter o gando os dous meses nos que as vacas están secas para deste xeito non estropear as pradeiras de cara á primavera.
A torta de palmister procedente da extracción de aceite de palma en Malasia ou Indonesia é habitual como suplemento
Algunhas granxas (as menos) comezan a ter xa sinxelas instalacións a cuberto, tipo invernadoiro ou con cubertas a unha auga, para estes períodos, onde tamén suplementan o pasto con ración en pesebre (ben todo o ano ou tan só no inverno) con silo de herba, silo de millo, algo de concentrado ou subprodutos da industria alimentaria como torta de palmister importada de Malasia ou Indonesia procedente da extracción de aceite de palma.
“Todos insistían en que o máis barato é o pasto, que o que se dá en pesebre ten que ser un complemento, non un substituto do pasto”, destaca Manuel Pose, que considera que alimentar vacas a base de penso para producir leite, como ocorre en moitos casos en Galicia, non é rendible.
Clasificación das granxas polo nivel de autoabastecemento forraxeiro
Nova Zelandia basea a súa produción gandeira nos seus recursos propios. DairyNZ, a entidade independente de asesoramento do país, ten unha clasificación das granxas en 5 grupos, en función do nivel de autosuficiencia alimentaria, que vai do 100 ao 50%, en función da cantidade de insumos mercada e a época do ano administrada.
“En función do nivel acadado, que vai do 1 ao 5, Fonterra apenas varía 1 céntimo de dólar neozelandés o prezo do leite sobre o prezo base de 10 céntimos que está pagando neste momento, pero os custos de produción das granxas son diferentes, con custos de 4 dólares neozelandeses por kg de sólido nos sistemas menos intensivos e 6 nos máis intensivos”, detalla Ibán Vázquez, profesor do departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica de Lugo.
Nun mercado mundial de comercio de produtos lácteos de 60 millóns de toneladas anuais China merca un 25%
Fonterra, a cooperativa propiedade de 9.000 gandeiros creada no 2001 grazas á fusión de varias entidades cooperativas locais (Kiwi Dairies, a cooperativa de Taranaki, con New Zealand Dairy Group, con sede en Waikato), absorbe o 80% do leite producido en Nova Zelandia, arredor de 16 dos 22 millóns de toneladas de leite producidos anualmente no país.
Só unha das 30 plantas de Fonterra, a de Whareroa, na illa norte, procesa 12 millóns de litros de leite ao día, “12 veces máis que as tres plantas de Leite Río xuntas”, compara Ibán. “É outra das fortalezas do sistema de produción de leite neozelandés, a súa capacidade industrial nas mans dos gandeiros”, asegura.
Superficie concentrada
Nova Zelandia produce sete veces máis leite ca Galicia tras un desenvolvemento espectacular do sector no último medio século, sobre todo a raíz da substitución das ovellas polas vacas en boa parte do seu territorio.
O país, que foi colonia británica desde o 1840, surtía tradicionalmente ao Reino Unido de carne de año e de lá, até que o poliéster e outros derivados do petróleo comezaron a mudar a materia prima da industria téxtil.
Eu xa non digo ter 200 hectáreas ao lado da casa como teñen eles, confórmome con 10 ou 12, xa non pido máis
“Para min, o máis sorprendende da paisaxe neozelandesa é a ordenación do territorio. É habitual que as granxas teñan 200 hectáreas nunha peza”, destaca Víctor. Na súa opinión, esa ordenación do territorio e a superficie concentrada é a gran vantaxe que teñen os gandeiros de Nova Zelandia. “Quería ver eu un gandeiro neozelandés nas nosas condicións”, di.
“Eu xa non digo ter 200 hectáreas ao lado da casa como teñen eles, confórmome con 10 ou 12, xa non pido máis. No meu caso traballo 70 hectáreas, pero algunhas delas a 16 km da casa. Nesta época gasto rodas e queimo gasóleo desbrozando esas fincas porque téndoas a esa distancia non podo pacelas coas vacas”, evidencia.
Non se nos pode esixir producir con estándares do século XXI cunha estrutura da propiedade do século XVIII
“A ordenación do territorio é algo básico”, concorda con el Jesús. “Non se nos pode esixir que produzamos no século XXI cunha estrutura da propiedade do século XVIII porque a man de obra e a xente que hai nas casas non é a mesma”, engade.
“Unha persoa en Nova Zelandia atende 200 vacas porque ten a terra concentrada e un sistema de cercados e de camiños perfecto. En moitas das nosas granxas, sobre todo nas que están neste sistema de pastoreo, o que predomina é a desorde”, compara Eloi.
Unha parte esencial do traballo nas granxas é manter en bo estado os peches das fincas e os camiños
Boa parte do traballo diario nas granxas consiste en manter en bo estado os peches de madeira e os camiños entre as fincas. “Os camiños son deles e o seu mantemento resulta custoso porque hai granxas que teñen até 10 km de camiños propios”, describe.
Sen axudas, todo nas mans da oferta e a demanda
Nova Zelandia eliminou os subsidios á produción agraria no ano 1984. Desde entón, o sistema de libremercado (oferta e demanda) marca as cotizacións e a rendibilidade das explotacións, obrigadas a buscar a máxima eficiencia. “Os gandeiros neozelandeses teñen unha mentalidade moi empresarial e están obrigados a ser super eficientes porque compiten nun sistema de mercado libre moi esixente”, afirma Jesús.
Sen o colchón das axudas á produción, os gandeiros buscan producir o máis barato posible para non entrar en números vermellos cando o prezo do leite cae
O prezo do leite que perciben os produtores de Nova Zelandia está marcado por unha elevada volatilidade. Neste momento atópase en niveis máximos, situado o prezo base que paga Fonterra, a referencia no país, en 10 dólares neozelandeses (uns 5 euros) por cada quilo de materia seca. A maiores teñen unha prima de 3,5 dólares por producir leite nos meses do inverno e outra de 1,6 dólares para o leite ecolóxico (as granxas ecolóxicas representan menos do 5% do total).
Ao non ter PAC cando hai baixada de prezos teñen que vender vacas
Pero as flutuacións no prezo son frecuentes, condicionadas polas compras que fai sobre todo China. “No 2015 tiveron prezos de 3,5 dólares. Neses casos, como non teñen PAC, iso obrígaos a matar vacas até que a produción cae e o prezo se recupera”, conta Manuel Paredes.
Para min é moito máis eficiente o sistema do pago do leite por sólidos que teñen alí, porque como exportan non ten sentido andar transportando auga
As granxas apostan por producir sólidos, con razas como a jersei ou a kiwicross (vacas cruzadas de frisona con jersei), acadando niveis superiores a 5% de graxa e 4% de proteína, dado que o destino final do leite é facer leite en po, ingredientes lácteos e queixos con destino á exportación. “Para min é moito máis eficiente o sistema do pago do leite que teñen alí, porque como exportan non ten sentido andar transportando auga”, di Jesús.
Investimento en terras

O valor das fincas é o maior activo das granxas neozelandesas. O prezo sitúase por enriba dos 30.000 €/ha
“O que vimos alí foi capitalismo puro e duro, aínda que tamén hai algunhas granxas alternativas que subsisten, pero a inmensa maioría é produción intensiva pero con pastoreo”, describe Eloi.
“O capitalismo móvese igual, pero móvese diferente. Alí o investimento vai para os cercados, aquí para as naves de formigón”, matiza Concha Blanco, presidenta da Asociación para a Desintensificación no Agro.
Os gandeiros neozelandeses piden créditos para mercar fincas, non para construír naves de formigón
“Non fan investimentos en naves, pero para mercar a granxa co prezo que ten alí a terra, entre 30.000 e 40.000 euros a hectárea, teñen que gastar moitos cartos, por iso están tan endebedados”, di Jesús.
Pero as granxas dispoñen habitualmente de condicións financiamento vantaxosas. En Nova Zelandia é normal o uso de presamos con débeda perpetua nos que os gandeiros que os solicitan pagan só os xuros do préstamo. Deste modo, a anualidade do préstamo é baixa ao non devolver capital, que se devolve ao final ou se prorroga no tempo. Este sistema depende de contar cun nivel baixo de xuros como ocorreu até 2021 e está volvendo a suceder agora ao ir pasando o período de inflación vivido.
“Alí a terra sempre ten un valor e cando se xubilan son capaces de rendibilizar o investimento realizado; aquí se invistes nunha nave de formigón ou o rendibilizas ou non”, razoa Jesús. A principal instalación coa que contan as granxas leiteiras neozelandesas é a sala de muxido, onde abundan as salas rotativas, algunhas delas con máis de 30 ou 40 anos de uso. “Están todas xa máis que desquitadas”, di Manuel Paredes, que segue muxindo en circuito na súa granxa da Baña.
En toda Nova Zelandia hai so 24 robots de muxido e abundan tanto as salas rotativas como as paralelas de 40 e 50 puntos
Pero Víctor considera novamente que a “vantaxe competitiva” dos gandeiros neozelandeses ao teren as fincas xuntas fai que a necesidade de instalacións sexa menor. “Aquí se queres ter vacas, tes que ter unha nave onde telas e traerlles a comida á casa, porque non te podes plantexar pastorear con vacas de leite fincas que están a 16 km de distancia”, insiste.
Para Isabelle Gómez, de Traloagro, “moitas veces aquí os propios Plans de Mellora lévannos a facer grandes investimentos e grandes naves, porque os criterios da Administración son eses. Aló, como non teñen axudas e eses investimentos teñen que saír do peto, non fan esas grandes naves nin eses gastos ao tolo”, opina.
Un modelo que chegou ao seu límite

Mesmo os outeiros están xa amansados e convertidos en pastizais
Logo dun crecemento exponencial desde fai 40 anos, o aumento na produción de leite de Nova Zelandia permanece estancado na última década. “A demanda de leite e outros alimentos vai seguir aumentando a nivel mundial, pero países como Nova Zelandia están no límite da súa capacidade produtiva”, afirma Eloi.
Aínda que non existen límites ao aumento do tamaño das granxas existentes, si que se dan de facto condicionantes normativos ao cambio de uso da terra e á creación de novas explotacións leiteiras pola vía de prohibir a conversión das ganderías de carne a leite (non así ao revés).
Está prohibida a conversión de explotacións de vacún de carne a leite pero non ao revés
As autoridades tratan de frear deste xeito a desaparición acelerada da cabana ovina do país e o incremento desmesurado da produción leiteira, o que desestabilizaría o mercado e faría baixar os prezos en toda a cadea de valor.
Así pois, con toda a superficie dispoñible xa destinada neste momento á produción leiteira, que ocupa unha superficie de 1,64 millóns de hectáreas (aproximadamente 8 veces máis que a adicada en Galicia) o incremento da capacidade produtiva das explotacións existentes só podería vir dada pola vía dunha maior produción por vaca, ben debido a ganancias xenéticas ou a unha maior intensificación, aínda que os gandeiros neozelandeses con conciben un sector no futuro co gando estabulado e unha alimentación que non estea baseada no pasto.
Problemas medioambientais
Co seu territorio totalmente cuberto de pastizais e de gando pacendo neles, o país maorí ten problemas medioambientais que o anterior goberno laborista liderado por Jacinta Arden tratou de reducir mediante un endurecemento da lexislación sobre abonado e emisións de metano, cunhas taxas por emisións do gando que debían entrar en vigor este ano 2025.
Pero o actual primeiro ministro conservador Christopher Luxon está a flexibilizar e reverter a normativa aprobada no 2022 pola súa antecesora no cargo. Case a metade das emisións de gases de efecto invernadoiro de Nova Zelandia proveñen da agricultura, aínda que o sector cuestiona a precisión do sistema de medición.
O afán produtivo prima sobre o coidado do medio ambiente na mentalidade da maioría dos gandeiros
O afán produtivo prima sobre o coidado do medio ambiente na mentalidade da maioría dos gandeiros neozelandeses. O voto rural axudou fai ano e medio á coalición tripartita de centro-dereita a gañar as eleccións e as granxas apoian a marcha atrás nas políticas públicas, centradas agora, segundo anunciou o ministro de Agricultura, Todd McClay no Parlamento, en “atopar tecnoloxía que permita aos gandeiros reducir emisións sen minguar a produción nin as exportacións”.
Pero malia o peso que o sector primario ten na economía, pois representa o 10% do PIB do país e o 65% dos ingresos por exportacións (o 30% das exportacións totais de Nova Zelandia son produtos lácteos), os prexuízos sobre o medio ambiente provocan choques frecuentes coa poboación máis urbana e os grupos ecoloxistas.
Sacrificio de becerros machos recén nacidos
Outro dos cabalos de batalla social entorno á produción leiteira do país é o sacrificio dos becerros machos recén nacidos.“Existe presión social para paralizar estas prácticas, segundo nos contaban os gandeiros”, explica Ibán.
O Goberno aprobou no 2016 unha normativa sobre o seu transporte e benestar animal que esixe que teñan cando menos 4 días de vida no momento do seu sacrificio. Son destinados, sobre todo no caso dos machos jersei ou kiwicross, con menor valor comercial e capacidade cárnica, á fabricación de pensos para alimentación de mascotas.
Dos 5 millóns de vacas leiteiras que hai en Nova Zelandia son sacrificados ao ano 2 millóns de xatos con só 4 días de vida
Nun país copado pola produción leiteira, as ganderías de vacún de carne existentes son sobre todo de raza angus ou hereford e o cebo dos animais tamén se leva a cabo maioritariamente con pasto.
Por iso, considérase que o engorde dos machos frisóns ou jersei competiría polo pasto e restaría recursos á produción de leite. “Dos 5 millóns de vacas leiteiras que hai en Nova Zelandia matan ao ano 2 millóns de xatos pequenos aos 4 días”, concreta Abel Fernández, cunha explotación de carne en Ortigueira, Granxa do Igrexario.
Fonterra prohibiu no 2023 que se mataran os xatos pequenos nas propias explotacións pero permite que se destinen para alimentación de mascotas
Consciente desta problemática, Fonterra está a tratar de mudar a imaxe neste sentido das súas granxas e desde o 1 de xuño do 2023 prohibe aos seus gandeiros o sacrificio nas explotacións dos becerros ao nacer.
“Entendemos que as opcións de venda nalgunhas partes de Nova Zelandia son actualmente limitadas, pero introducimos unha nova cláusula nas Condicións de Subministro de leite que significa que os xatos só poden ser sacrificados na granxa cando existen razóns humanitarias para faceo. Os gandeiros de Fonterra deben asegurarse de que todos os seus tenreiros que non sexan de reemprazo teñan unha vida útil, xa sexa para producir carne de tenreira ou alimento para mascotas”, di a empresa na súa páxina web.
Share Milking: o sistema de muxido compartido que favorece o relevo xeracional

Público asistente á xornada de conclusións da viaxe a Nova Zelandia celebrada na Deputación de Lugo
Nova Zelandia conta cun sistema propio de relevo xeracional que está pensado como un modo de acceso compartido ás explotacións no que a factura do leite se divídese despois entre o propietario da granxa e o gandeiro que a atende mediante contratos renovados cada tres anos.
As modalidades son diferentes en función do aportado por cada unha das dúas partes: propiedade da terra, gando, instalacións, maquinaria, man de obra. Un dos contratos máis frecuentes é o 50-50%, nos que o propietario aporta as terras e as instalacións de muxido e o gandeiro as vacas e o traballo, compartindo algúns gastos, como a produción de forraxes ou o mantemento dos peches.
O 1 de xuño de cada ano comezan os novos contratos, que se renovan cada 3 anos
Pero existen tamén outras modalidades (75-25% ou 25-75%) que permiten aos incorporados un acceso progresivo á propiedade plena da granxa. “O paso das explotacións entre pais e fillos, que aquí normalmente é por herdanza, alí non se dá. O fillo pasa polo banco. As pensións do sistema público son moi baixas, duns 200€ ao mes, polo que teñen que os gandeiros teñen que contratar un seguro e un plan de pensións privado ou rendibilizar a granxa pola vía do muxido compartido”, destaca Manuel Pose.
O paso das explotacións entre pais e fillos, que aquí normalmente é por herdanza, alí non se dá; o fillo pasa polo banco
En Nova Zelandia é habitual que un gandeiro posúa máis dunha granxa ou sexa socio en máis dunha explotación, nun mercado máis dinámico tamén para a compra-venda. “Alí vese moito máis movemento nas granxas, non quedan paradas cando un se xubila, como ocorre aquí, mércanse e véndense continuamente grazas ao apoio financieiro dos bancos sobre o aval que supón o valor da terra”, destaca Sara Gracia, veterinaria da cooperativa Xallas.
Rocío Cabado, que é enxeñeira agrónoma e ten unha explotación de vacún de carne no concello de Friol, considera sen embargo que “Nova Zelandia comeza a ter un certo problema de relevo nas granxas”. “As incorporacións son cada vez máis tarde, polo que as persoas que se incorporan teñen menos anos por diante para pagar os créditos necesarios para mercar a terra”, advirte.
Problemas de man de obra

Steven e Vera moxen 500 vacas e traballan 263 hectáreas de terreo coa axuda de 5 empregados
As explotacións leiteiras en Nova Zelandia están a empezar a lidiar tamén con outro problema habitual en lugares como Galicia: as dificultades para atopar man de obra. O 30% dos traballadores das granxas leiteiras neozelandesas son inmigrantes, procedentes Filipinas, outras illas da Polinesia ou países suramericanos como de Arxentina ou Uruguai.
Os soldos que se pagan nas explotacións son elevados, de entre 25.000 e 30.000 euros brutos ao ano para un traballador básico e 40.000 os especializados. A cobertura básica da Seguridade Social ten moitas deficiencias e obriga a longas listas de espera, polo que a maioría dos traballadores teñen que pagarse un seguro privado.
É frecuente que as granxas conten con reforzos puntuais para atender os becerros nas 6 semanas que duran os partos
Están xeralizadas as quendas de 11 días seguidos de traballo con 3 despois de libranza nas épocas de parideira e de 8+3 o resto do ano, con xornadas laborais dunhas 10 horas de media. O normal, en granxas que moxen de 300 a 500 vacas é contar só con 1 ou 2 traballadores máis o propietario da granxa.
“Unha persoa atende 200 vacas, traballan moito máis ca nós. Fan xornadas de 12 horas, tanto para os empregados como para os donos. Son uns pringaos de moito carallo”, resume a modo de broma Xurxo. Tamén o ten claro Víctor: “vívese moito mellor aquí ca alí”, conclúe este mozo de Castroverde tras volver da viaxe.