Pese a que na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca non se celebraron hoxe as poxas de vacún, ó non acudir animais debido á incidencia do paro dos transportes, fixéronse públicos os prezos acordados, como cada martes, nas mesas de cotizacións do porcino. Unha semana máis continúan a cotizarse á alza tanto os porcos cebados como os leitóns.
No porco selecto e no normal produciuse un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,325 e 1,300 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, do mesmo xeito que ven ocorrendo nas últimas sesións, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e acadan un prezo de 1,688 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,06 euros e agora cotízanse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 5 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e teñen un prezo por quilo de 2,75 euros.
No mercado do ovo houbo subas por valor de 0,10 euros nas categorías da XL, que pasa a cotizarse a 2,03 euros a ducia; así como nos ovos da L que acadan un prezo de 1,74 euros e nas da S que se sitúan en 1,34 euros. Mentres, os ovos da M experimentaron unha suba de 0,08 euros e quedan en 1,54 euros a ducia. As galiñas de descarte tamén rexistraron unha suba de 0,02 euros e pasan a cotizarse entre os 0,28 e os 0,35 euros por quilo.