Continúan as subas na recría frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra novos incrementos nos prezos medios da recría. Baixa o vacún maior en tódalas categorías. Mantense á alza o porcino e sen cambios os ovos

Continúan as subas na recría frisoa en Silleda

Recría frisoa nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes novas subas nos prezos medios dos becerros de recría. A diferenza do acontecido a semana pasada, desta vez houbo incrementos das cotizacións de referencias en boa parte das seccións tanto dos animais de raza frisoa como nos de cruces industriais.

Mentres, nos tenreiros carniceiros non houbo unha tendencia predominante e producíronse subas ou baixadas dos prezos en distintas categorías. No vacún maior houbo unha baixada xeral das cotizacións, en tódalas seccións.

As mesas de cotización do porcino continúan esta semana con subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O mercado do ovo mantense estable.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa houbo unha suba xeral dos prezos medios en case tódalas seccións. O prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 137 euros, o que supuxo un incremento de 24 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse nos 147 euros, logo dunha suba de 6 euros. Os becerros de máis de 50 días foron a excepción ó rexistrarse unha baixada de 21 euros no prezo medio de referencia con respecto da semana pasada e quedan nos 168 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, a tendencia foi tamén semellante. Os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 310 euros, o que amosa un suba de 95 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección foron a excepción, ó rexistrar unha baixada de 43 euros e quedar o prezo medio nos 160 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 337 euros nos machos e de 256 euros para as femias, logo dunha suba de 30 e 24 euros respectivamente. Nos animais de máis de 50, o valor dos machos incrementouse en 75 euros ata acadar os 487 euros. O valor medio das femias foi de 396 euros, 45 euros máis que a semana pasada.

A tendencia tamén foi á alza, con algunha excepción, nos tenreiros carniceiros. Nos becerros frisóns o valor medio foi de 782 euros, o que supón 145 euros máis que o prezo manexado a semana pasada. Os becerros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.005 euros, cunha redución de 34 euros. As femias desta sección sumaron 65 euros con respecto da semana anterior e están nos 949 euros. En canto ós becerros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.293 euros, o que supón unha suba de 257 euros con respecto do prezo de referencia da última semana. Nas femias desta raza, a tendencia foi á baixa e descontaron 73 euros, ata quedar cun prezo medio de 965 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema, o valor medio foi de 1.159 euros, o que os sitúa en 114 euros máis que a semana pasada.

No vacún maior houbo baixadas xerais. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.013 euros, o que supón 168 euros menos que a semana anterior. As vacas de primeira descontaron 24 euros e o valor de referencia foi de 1.154 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 791 euros, é dicir 3 euros menos. Os animais de desfeito tiveron unha baixada de 39 euros e pasan a situarse nos 457 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo de referencia foi de 1.622 euros, o que supón 681 euros menos que a semana pasada.

Central Agropecuaria vacun 31_01_2023

Continúan as subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,745 e 1,72 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,03 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,039 euros e están a 2,234 euros. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios e cotízanse entre os 0,83 e os 0,89 euros o quilo.

Nos leitóns houbo de novo unha suba de 3 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 87 euros (cun prezo de 4,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 82 euros e cun prezo por quilo de 4,1 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 euros e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,31 e os 0,38 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central Agropecuaria porcino 31_01_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información