Continúan as reunións para perfilar os ecoesquemas da PAC e o conxunto do Plan Estratéxico Nacional

Continúan as reunións para perfilar os ecoesquemas da PAC e o conxunto do Plan Estratéxico Nacional

Os ecoesquemas de sega e pastoreo preocupan ás comunidades do norte de España.

O Ministerio de Agricultura retomou a inicios de setembro as reunións e traballos técnicos sobre o Plan Estratéxico da PAC. O obxectivo do Ministerio é ter perfilado a finais de mes o Plan, coa idea de presentarllo a Bruxelas este outono. En calquera caso, a data límite de presentación é o 31 de decembro. Unha das cuestións pendentes de concretar é o deseño dos ecoesquemas, uns novos pagos por compromisos ambientais sobre os que o Ministerio está negociando coas comunidades autónomas.

Desde Galicia, a Consellería do Medio Rural sinala que espera unha adaptación dos ecoesquemas á realidade da España húmida, unha postura que comparte coas outras comunidades da Cornixa Cantábrica, que demandan en conxunto que os ecoesquemas ligados a pastoreo e a sega se adapten ás prácticas gandeiras do Norte de España.

En relación ás negociacións do Plan Estratéxico, Medio Rural valora como positivo que o pasado mes de xullo o Ministerio se comprometera a empregar dereitos da Reserva Nacional para ir concedéndolle novos dereitos ás superficies agrarias declaradas na PAC pero que ata o de agora carecían de dereitos. En Galicia, a Xunta calcula que son unhas 165.000 hectáreas e no conxunto de España rondan as 620.000. Tamén se valora como positivo o anuncio dun aumento das axudas asociadas para vacún de leite.

Os traballos para concretar o Plan Estratéxico Nacional continuarán todo este mes. O Ministerio ten previsto celebrar grupos de alto nivel sobre axudas asociadas, axuda básica e pago redistributivo, así como sobre o segundo piar da PAC (intervencións de desenvolvemento rural). De cara a finais de setembro, celebrarase unha reunión recapitulativa, na que o Ministerio preparará un informe final para a Conferencia Sectorial de Agricultura de outubro, na que se espera que se refrende o Plan Estratéxico Nacional que se lle presentará a Bruxelas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información