Continúan as protestas gandeiras, en tanto Larsa sostén que está a subir o prezo do leite

Continúan as protestas gandeiras, en tanto Larsa sostén que está a subir o prezo do leite

Protesta da Federación de Mulleres Rurais no Alcampo da Coruña. / Imaxe: Unións Agrarias.

O Alcampo da Coruña foi escenario dunha nova protesta gandeira, nesta ocasión protagonizada por Fademur, a federación de mulleres rurais ligada a Unións Agrarias. O colectivo fixo unha acción de información aos consumidores sobre as marcas que considera que non están a pagar un prezo xusto no campo.

O foco, igual que en semanas previas, púxose nas marcas de dúas industrias, Lactalis e Capsa, que son as que máis volume de recollida teñen na comunidade e tamén dúas das que máis presenza copan nas cadeas de distribución. As mulleres participantes no acto fixeron unha retirada simbólica en carriños de todo o leite de ambas empresas que estaba nos lineais.

Para a próxima semana, anúnciase unha nova acción o martes 21 en Lugo; en tanto para hoxe venres está prevista unha tractorada unitaria en Cantabria, con participación de Asaja, Coag e Upa (a matriz estatal de Unións Agrarias). A tractorada cántabra, que leva por nome ‘Rodea la distribución’, ten por obxectivo demandar das cadeas de distribución maiores aumentos de prezo no leite do que xa fixeron nas últimas semanas.

Desde Galicia, compártese a necesidade de que o prezo da distribución continúe subindo, pero sinálase principalmente ás industrias, pois enténdese que non están repercutindo nas granxas o aumento de prezo que xa houbo nos supemercados, que cifran en arredor de 5 céntimos nas marcas brancas e en 3 céntimos nas primeiras marcas.

Comunicado de Larsa
Entre tanto, Larsa, unha das marcas da compañía asturiana Capsa, emitiu onte un comunicado para defender que está a subir o prezo do leite no campo e que volverá facelo nos contratos coas ganderías que ten que renovar na primavera do 2022.

Larsa mantén en Galicia un contrato coas granxas do tipo 70-30, onde paga un 70% do leite a prezo fixo e un 30% en función do valor dos produtos lácteos industriais, como manteiga e leite en po, que no último ano dispararon o seu prezo por riba dun 40%. Froito dese aumento de prezo dos lácteos industriais, Larsa sinalou en outubro que lle subira ós prezos ás granxas nun céntimo desde xaneiro. A mediados de novembro, confirmou a suba doutro céntimo, para un total de dous céntimos, e agora Larsa asegura que desde novembro do ano pasado a novembro deste ano subiu en realidade un total de 4 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información