Continúan este luns as XVIII Xornadas Técnicas de Seragro co uso responsable de antibióticos

Seragro SCG continua o luns e o martes coas súas XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Ambos os módulos darán comezo ás 15:30 horas e poderán seguirse a través de www.xornadasseragro.com.

O segundo módulo, que se celebrará o luns 18, dividirase en tres relatorios e centrarase no uso responsable de antibióticos que supoñen unha necesidade e un beneficio. A encargada de abrir a cita será Cristina Muñoz Madero, coordinadora nacional do PRAN, quen responderá en que punto se atopa o Plan Nacional fronte a Antibióticos. Seguiraa o veterinario e profesor de Sanidade e Benestar do Gando na Universidade de Michigan Ángel Abuelo Sebio, o cal falará sobre un posparto sen antibióticos. Pechará esta segunda cita a veterinaria do Servizo de Calidade do Leite de Seragro SCG Margarita Penelas López, cunha reflexión sobre o tratamento da mamitis, que é moito máis que antibióticos.

A terceira sesión, que será o martes 19, tratará a economía e a nutrición. Empezará o enxeñeiro agrónomo do Servizo de Xestión Técnico-Económica de Seragro SCG Alejandro Aneiros Martínez, quen responderá á pregunta: Canto custa producir un litro de leite en Galicia? E tamén exporá a influencia da nutrición. Continuará Albart Coster, enxeñeiro agrónomo e especialista en nutrición animal, que falará sobre a mellora da calidade do leite mediante a nutrición. Por último, pechará este módulo Alexandre Udina, veterinario especialista en ensilado de forraxes, que charlará sobre os ensilados de herba e os riscos e oportunidades que ofrecen.

Desde a organización esperan continuar co éxito da primeira sesión xa que “seguimos ofrecendo temas que poden suscitar moito interese entre os nosos asistentes, ademais de contar con expertos e profesionais do sector do máximo nivel”.

As exposicións online pecharanse os días 18 e 19 de novembro, a partir das 15:30 horas, con dous módulos que abordarán a saúde desde o primeiro día e o medio ambiente e a sustentabilidade da produción láctea, ademais de clausurar as citas co xa tradicional brinde do leite.

Segue as XVIII Xornadas Técnicas de Seragro en www.xornadasseragro.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información