Na sesión deste martes da Central Agropecuaria de Galicia en Silleda continuou a depreciación dos xatos pintos e das vacas de matadoiro en relación á poxa da semana pasada, pero a un ritmo menor.

Na recría, os becerros frisóns de 15 a 20 días baixaron 5 euros de media, unha caída que foi de 4 euros na categoría de 21 a 50 días e de 6 euros de media na máis de 50 días. Ralentízase a baixada despois dos fortes descensos das últimas semanas.
No caso do gando para vida de cruzamento industrial, a sesión desta semana foi desigual, pero con tendencia á baixa: Os machos de 15 a 20 días subiron de media case 40 euros; os de 21 a 50 días caeron case 70 euros de media e os de máis de 51 días baixaron uns 120 euros. Nas femias as oscilacións foron de -8, -31 e de +32 euros, respectivamente.
No tocante aos pasteiros, a tendencia da sesión foi tamén á baixa, pero con suba de 95 euros nos becerros machos de cruce industrial e unha baixada similar femias. Nos de raza rubia galega, os machos caeron de prezo case 60 euros e as femias uns 90 euros.
No gando de matadoiro, os becerros carniceiros tamén baixaron lixeiramente, cun descenso de 25 euros nos machos de cruzamento industrial, mentres que, pola contra, as femias subiron case 120 euros. Na rubia galega, pola contra, a revalorización foi a tónica da sesión, con prezos medios 10 euros máis elevados nos machos.
O vacún maior caeu, pero a menor ritmmo que a pasada semana. As vacas de categoría Extra baixaron 45 euros de media, mentres as de Primeira perderon case 80 euros.
Nas cotizacións do gando porcino e dos ovos non houbo cambios en relación á pasada semana.

Suspéndese a poxa de becerros de recría do 11 de agosto
Por outra parte, dende a Central Agropecuaria de Galicia informan de que se suspende a poxa de becerros de recría do martes 11 de agosto. Celebranse as de becerros pasteiros, cebados e de vacún maior.
Galego









Control OJD