Continúa o repunte de prezos no mercado de produtos lácteos industriais

A poxa de Fonterra rematou cunha suba do 15% do seu índice de cotizacións, o aumento máis elevado dos últimos anos, en tanto na Unión Europea mantense a tendencia á alza en manteiga e leite en po

Continúa o repunte de prezos no mercado de produtos lácteos industriais

Fonterra organiza quincenalmente unha subasta de lácteos que serve de termómetro do mercado internacional.

O mercado de produtos lácteos industriais, que adoita ter un impacto directo nos prezos no campo en Europa, mantén unha tendencia positiva. A última poxa de lácteos da neozelandesa Fonterra, referencia mundial, concluíu cunha suba do 15% no seu índice de cotizacións, o maior aumento dos últimos anos. Esa alza debeuse principalmente ó leite en po enteiro, que se encareceu un 21% e á manteiga, que se disparou un 13’7%. Tamén remontaron a graxa de leite anhidra (Amf) un 7,4% e o leite en po desnatado un 3,5%.

En Europa, a tendencia das últimas semanas tamén é positiva. Se ben o europeo é un dos mercados que se mantén máis competitivo en prezos, sobre todo en comparación con Oceanía, no último mes protagonizou incrementos do 3,8% en manteiga, do 2,9% en leite en po desnatado, do 4,3% en leite en po enteiro e do 9,3% en soro; en tanto en queixos hai subas (edam, gouda) e baixas (cheddar, emmental).

O bo momento do mercado confírmano tamén as cifras de exportacións europeas do 2020, pois en leite equivalente medraron un 3% en relación ó 2019; en valor, o aumento foi do 4%. Houbo aumentos de vendas ó exterior en case todas as categorías (queixos, +8%; manteiga, +15%; soro, +9%), a excepción do leite en po desnatado, que baixou as exportacións un 13%.

As novas sobre o bo escenario de mercado están estes días xerando sorpresa nas granxas galegas, pois en tanto as perspectivas que se presentan son boas, hai empresas como Reny Picot que están aplicando baixadas na oferta de renovación de contratos coas súas ganderías proveedoras.

Lixeiro descenso da produción

O ano arrancou en España cunha baixada das entregas de leite en xaneiro do 1,3%, en relación ó mesmo mes do ano anterior. Foi unha baixada de entregas da que tampouco escapou Galicia, que calcou a reducción estatal do 1,3% na produción. En prezos, a media española mantense en 34 céntimos e a galega chega a 33 céntimos (+0,1 céntimos), segundo os datos do último informe do Fondo Español de Garantía Agraria, correspondentes a xaneiro.

Entre as comunidades veciñas, Asturias chegou a 36 céntimos de media en xaneiro (+0,2 céntimos), Castilla y León a 34,6 (+0,2 céntimos) e Cantabria a 33,8 céntimos (+0,2 céntimos).

Por calidades, o leite galego continúa á cabeza do producido en España, cun 3,94 de graxa, fronte ó 3,87 da media estatal, e cun 3,37 de proteína, na media do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información