O sector agrario trasladaralle aos partidos no Congreso unha serie de propostas para corrixir o proxecto de lei para a protección dos animais, pois o texto continúa presentando aspectos que o fan incompatible coa actividade gandeira, segundo asegura a organización Unión de Unións.
Desde a organización explican que, aínda que o Ministerio de Agricultura fixo algunhas propostas de mellora á situación dos cans pastores no proxecto de lei impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais, “son totalmente insuficientes”, valoran.
Neste contexto, Unión de Unións sinala que o principal problema que supón esta Lei é para a gandería extensiva, ao incluír dentro do ámbito de aplicación aos cans de pastoreo e garda de gando, que quedan considerados como animais de compañía, a pesar de ser animais utilizados en actividades específicas.
Esta inclusión provoca que moitas das obrigacións que se impoñen para os animais de compañía se apliquen aos cans pastores, a pesar de ser totalmente incompatibles cos labores que realizan.
Neste sentido, Unión de Unións destaca o caso de que os chamados animais de compañía teñan prohibido estar soltos en lugares de “acceso público, especialmente nos parques nacionais ou outros espazos naturais protexidos onde poidan causar danos ás persoas, ao gando ou ao medio natural”; aínda que é esencial que se esixa para as mascotas, non pode aplicar de ningunha maneira aos cans pastores, cuestiona a organización.
“Non ten sentido que se esixa isto aos cans pastores por consideralos animais de compañía; polo seu labor, han de estar soltos e exercendo a súa tarefa de protexer ao gando en espazos naturais e en parques nacionais, polo que deben considerarse excepcións como esta, entre moitas outras”, explican desde Unión de Unións.
Outro exemplo, é que teñan que manterse integrados no núcleo familiar, “unha esixencia totalmente incompatible co labor do can pastor e de garda do gando, cuxo lugar é co rabaño”, apuntan desde a organización.
A organización, por último, lembra que o Ministerio de Transición Ecolóxica quere aumentar o número de lobos, en tanto o Ministerio de Dereitos Sociais pon “paus nas rodas” de medidas preventivas dos ataques, como é o uso dos mastíns de defensa do gando.