Continúa a converxencia dos dereitos de pago básico no 2021 e 2022

O Ministerio aproba o decreto de transición da PAC para os dous próximos anos. A norma aprobada garante a continuidade dos apoios até a entrada en vigor do novo ciclo da Política Agraria Común, que se espera para 2023

Continúa a converxencia dos dereitos de pago básico no 2021 e 2022

O Consello de Ministros aprobou hoxe o real decreto polo que se establecen as disposicións específicas para a aplicación no 2021 e 2022 da Política Agraria Común (PAC) en España. Esta norma, que adapta o regulamento europeo de transición aprobado en decembro, permitirá continuar coa aplicación da PAC durante os dous próximos anos, até a aprobación definitiva no ámbito comunitario da nova reforma da PAC, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023.

O real decreto aprobado permite, durante este período de transición, dar continuidade ao pago das axudas directas que perciben agricultores e gandeiros, así como ao das medidas dos programas de desenvolvemento rural.

Converxencia de pagos
No réxime do pago básico, que se abona en base a un sistema de dereitos agrupados en 50 rexións diferentes, continúase coa converxencia paulatina do valor de todos os dereitos de cada rexión cara ao seu valor medio rexional. O obxectivo é que dous agricultores que realizan unha actividade igual na mesma rexión reciban a mesma contía de pago básico, que é a principal axuda á renda dos produtores.

Este mecanismo de converxencia baséase no recomendado no regulamento transitorio e é continuación da converxencia que se iniciou en 2015 e que o ministerio propuxo que conclúa no período 2023-2027, respondendo así ás necesidades detectadas nas análises realizadas nos dous últimos anos en relación a este réxime de axuda.

A Comisión Europea ademais recomendoulle a España, na súa recente comunicación do pasado 18 de decembro, a necesidade de avanzar nesa converxencia para que exista unha distribución máis equitativa das axudas.

Como en campañas anteriores, os agricultores poderán coñecer o valor dos seus dereitos de pago básico para a campaña 2021 a través da consulta pública creada para ese efecto na web do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

Solicitude 2021
Neste real decreto tamén se introducen outras novidades. Flexibilizáronse as axudas asociadas á gandaría para facilitar o acceso a mozos gandeiros, tamén a aqueles que comezan a actividade e presentan a solicitude única por primeira vez.

Respecto da condicionalidade, e respondendo á ambición ambiental que desde hai anos forma parte da PAC, incluíuse un novo requisito que penaliza a recolección mecánica nocturna en plantacións intensivas nas que se produza a anidación ou pernoctación de aves, con obxecto de protexer ás aves durante a época de cría e reprodución.

Este 1 de febreiro abrirase o prazo xeral para presentar a solicitude única de axuda, que despois se adaptará en función de cando se publiquen os correspondentes decretos autonómicos.

Na solicitude poderanse incluír as mesmas axudas directas que na campaña previa (réxime de pago básico, pago verde, pago complementario aos novos agricultores, réxime de pequenos agricultores e axudas asociadas á produción agrícola e gandeira), así como as axudas das medidas de desenvolvemento rural das comunidades autónomas que se pagan por superficie ou por cabeza de gando (agroambientais, zonas con limitacións naturais).

Este prazo estará aberto até o próximo 30 de abril. Do mesmo xeito que en 2020 fomentarase a presentación telemática das solicitudes para facer fronte ás restricións de movemento existentes en cada territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información