“Contar con relevo xeracional dá tranquilidade e motiva a seguir mellorando a granxa”

Na gandería Casa do Rei de Rodeiro seguen a medrar paulatinamente e actualmente encóntranse mellorando as instalacións para ofrecer un maior benestar aos animais

“Contar con relevo xeracional dá tranquilidade e motiva a seguir mellorando a granxa”

Jesús e José Manuel Montes, propietarios da gandería Casa do Rei

Xabier Montes foi un dos nomes máis sonados no sector tras participar no campionato europeo Young Breeders School e acadar un cuarto posto de maneira individual e o primeiro co equipo de España. Este mozo naceu e criouse entre vacas, en concreto na gandería Casa do Rei SL (Rañestras, Rodeiro, Pontevedra) e ten claro que aí seguirá a súa traxectoria profesional.

O seu interese polos concursos xa comezou co seu pai Jesús Montes, quen é propietario da gandería xunto ao seu irmán José Manuel Montes, e que compaxina co manexo doutra granxa de polos e a presidencia da cooperativa O Rodo. De feito, na nave principal entre ambos preparan aos animais que teñen para participar nos certames, aos cales lle dan uns coidados e un agarimo especial.

A gran motivación que teñen en Casa do Rei é a seguridade de Xabier por seguir á fronte da gandería. “Motívanos moito para seguir mellorando a explotación e danos tranquilidade. Ten 17 anos e agardamos que non lle cambien as ideas”, indica Jesús Montes.

Vacas que se atopan apartadas para concurso ou que teñen algún problema

Vacas que se atopan apartadas para concurso ou que teñen algún problema

Historia da granxa
Esta granxa familiar xa comezou cos avós de Jesús, quen tiveron vacas de carne. Logo de emigrar a Francia, a súa nai retornou para poñerse á fronte da gandería e mudar ás vacas de leite. No 2004 incorporouse Jesús e uns anos máis tarde o seu irmán, quen compaxinaba o traballo na gandería coas labores nunha fábrica de pensos.

A granxa foi medrando tanto en instalacións como en número de animais. Actualmente contan cun total de 407 animais, dos cales 170 están en produción. Todos eles están distribuídos en dous puntos. Na nave máis ampla e nova encóntranse as vacas de leite e as próximas a parir. Tamén nestas instalacións teñen localizadas ás vacas que levan para concurso nunha corte especial, xunto con aquelas que presentan algún problema.

Ao carón desta nave está a antiga, na que viven a recría e as vacas secas. O outro punto sitúase nunha granxa localizada la parroquia rodeirense de Carboentes, localizada a 4 km. “Mercamos SAT Palmou cando pechou e trasladamos para alí parte da recría. Debemos ter uns 70 animais nestas instalacións”, explica o gandeiro. Finalmente, as vacas secas e xovencas preñadas reconfirmadas a partir de 60 días están fóra.

Buscamos abaratar a ración e por iso, cada ano, sementamos unhas hectáreas máis de millo

Para os cubículos empregan area e “non seguimos ningún protocolo de manexo”. Deste xeito, cando a area diminúe “imos enchéndoos nos anacos libres”. Como elementos de benestar dispoñen de cepillos cow confort e tamén lle colocaron o cable flexible na barra educadora para que os animais non sufrisen ningún dano.

Aumento da produción de silo para abaratar custos
Actualmente esta gandería conta cunha media de produción de uns 36,5 litros/vaca/día, con dous muxidos de media na sala de 20 puntos (10×2). As calidades aproxímanse ao 4 % de graxa e aos 3,4 % de proteína. O reconto celular “leva uns meses regular”, en torno aos 300.000 células/ml e a bacterioloxía entre 10.000 e 20.000.

Para conseguir estes datos, “a alimentación centrámola en silo de herba e de millo”. De feito, nos últimos anos están a sementar máis millo “para abaratar as racións”. En concreto, a ración das vacas de produción componse de: 23 kg de silo de millo, 20 kg de herba, 11 kg de penso, 5 kg de bagazo, 1 kg de palla picada e 1 kg de trigo. “Engadímoslle trigo neste ano porque o colleitamos e o moemos nós, xa que o prezo de venda era ridículo e compensábanos máis”, subliña o gandeiro. Puntualiza que nos últimos anos a porcentaxe de millo “foi aumentando para non gastar tanto en penso ou palla picada, que é o único que mercamos”.

En Casa do Rei traballan unhas 120 hectáreas, das cales a maioría son de aluguer. Jesús explica que aínda seguirán aumentando “porque queremos sementar máis millo para depender cada vez menos de insumos exteriores e abaratar a ración”. Dentro desta extensión, unhas 70 hectáreas destínanas a millo, das cales unhas 25 ha quedan dun ano para outro e nas restantes fan rotación con herba. Tamén sementan unhas hectáreas de trigo, que “no primeiro ano vendemos para fariña, pero este decidiron moelo”.

A maioría dos traballos agrícolas realízanos eles mesmos, xunto cos tres traballadores que teñen na gandería, e “cando non podemos, fáinolo a cooperativa. Cada vez hai máis problema coa man de obra, entón depéndese máis da cooperativa O Rodo”.

A recría na nave antiga

A recría na nave antiga

Colocación de colares para a detección de celos
En Casa do Rei, a media de número de partos está nos 2,33 por vaca e o intervalo entre partos nos 418 días. A taxa de detección de celos está no 47,98 %, a de fertilidade no 38,85 % e a de preñez no 18,67 %. En canto á idade da primeira inseminación nas xovencas, a media sitúase nos 14,59 meses. “Normalmente, para practicarlles a primeira inseminación miramos a condición corporal, a grupa e que cumpran con máis de 13 meses”.

A detección dos celos, ata o momento, realízana a vista e se non con protocolos, cando a primeira opción non funciona. Na nave das xovencas, na que máis problemas teñen e onde están a sincronizar a todas as que inseminan, “vamos a probar un programa de detección que vai a través de colares, nos que se detectan diferentes comportamentos dos animais”.

Como técnica reprodutiva empregan o implante de embrións de granxa e comprados. “Levamos uns anos facéndoos aquí. Tamén empezamos a xenotipar as mellores vacas por índice xenético ou porque veñen dunha familia que queremos conservar ou por datos xenéticos que nos interesan”. Ademais, sinala que actualmente están xenotipando porque venden moita xovenca.

En canto aos parámetros que buscan dos touros teno claro “que sexan equilibrados”. Porén, “se me preguntas hai uns meses, diríache só índices, pero agora queremos que sexan equilibrados e sen descoidar a produción”. Nesta gandería só se decantan pola raza Holstein e empregan tanto touros españois de Xenética Fontao como touros estranxeiros “dos mellores”. Actuamente empregan seme sexado e botan man do cruce industrial.

O obxectivo non é ter un gran número de animais, senón ter o suficiente para vivir tranquilo coa man de obra que se dispoña

Como resultado do coidado xenético, para o cal empregan os programas de acoplamento de Africor e tamén se asesoran coas casas de seme, obteñen unha media ICO de 1.148 e unha cualificación morfolóxica de 80 puntos.

Dous anos ao frente do Rodo
Jesús Montes foi nomeado hai dous anos presidente da cooperativa O Rodo e neste período, indica que se centraron en profesionalizar o servizo de maquinaria. “Apostamos por dar un servizo diferenciado, con máquinas profesionais, con tecnoloxía 4.0 con GPS para a sementeira e a colleita, e con todos os avances posibles”. Este foi o punto clave da súa lexislatura, que está a piques de rematar e de cara ao futuro indica que se deben centrar “en seguir mellorando todos os servizos para cumprir coas necesidades de todos os socios da gandería”.

Este gandeiro lembra “de toda a vida” a Casa do Rei socia de O Rodo. “Xa lembro a primeira asociación que se montou para compartir algúns servizos”, destaca. Engade que a gandería emprega servizos de maquinaria, almacén e veterinarios.

Silo situado xunto a nave nova dos xurros

Silo situado xunto a nave nova dos xurros

Mellores instalacións
Actualmente, as instalacións de Casa do Rei están a medrar. Xunto a nave principal hai outra nave simétrica que se reformará e na que se aumentarán cubículos para redistribuír aos animais que hai agora. Ademais, construíron unha nova nave de xurro na que farán separación de líquidos e sólidos para facer camas “e así aproveitar o xurro e abaratar máis os custos da gandería”.

Indica que cara a un futuro máis amplo “o obxectivo non é ter un gran número de animais, senón ter o suficiente para vivir tranquilo coa man de obra que se dispoña, que é o principal problema que hai”.

Vacas afectadas posiblemente pola EHE
Dentro da nave principal, conta cuns cubículos apartados para os animais de concurso e outros que teñen problemas. Nestes meses, para aquí destinaron aqueles que presentaron problemas no parto. “Non nos aseguraron aínda que fose motivado pola EHE, pero unhas sete vacas tiveron parto adiantado e os xatos non seguiron adiante”. De feito, recentemente, con motivo dese aborto, faleceu un animal.

En canto á vacina, “este ano non o plantexamos porque é cara e non se sabía se funcionaba ben”. Ademais, relata que o problema “xa estaba encima”. Aínda así, para o próximo ano estudarán se é preciso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información