Conta atrás para aclarar os prezos do leite na granxa

Os gandeiros negociarán coas industrias a próxima semana en busca de subas inmediatas. De non logralas, acordan iniciar accións de presión. En xaneiro manterán tamén reunións con Mercadona e con El Corte Inglés

Conta atrás para aclarar os prezos do leite na granxa

Os gandeiros esperan que as industrias lles trasladen unha suba dos prezos inmediata.

Os gandeiros marcaron en vermello a semana do 11 ó 17 de xaneiro. É o tempo que lle van dar ás industrias para aclarar que sucederá cos prezos do leite no campo. Para a seguinte semana, a partir do 18 de xaneiro, as industrias comezarán a pagar o leite de decembro e para daquela os produtores queren ter pechadas as negociacións. Se non houbese acordos, os gandeiros están dispostos a iniciar medidas de presión de inmediato, segundo se acordou nunha asemblea que mantiveron hoxe en Ordes máis dun cento de produtores de distintas comarcas, todos eles participantes en decembro nos bloqueos á distribución.

O sector é consciente de que os acordos coas cadeas de distribución para trasladarlle ás granxas 2 céntimos máis polo leite de marca branca precisan dun compromiso similar das industrias. Do contrario, aqueles pactos quedaríanse en papel mollado.

Durante as festas do Nadal, foi complicado para as organizacións agrarias falar cos responsables das empresas transformadoras. Sábese que Feiraco, beneficiada polas subas de Gadis e de Dia, si subirá o leite en xaneiro, e tamén trascendeu hoxe que Lactalis, que se beneficiará dos acordos con Carrefour e Alcampo, entre outras cadeas, asegurou que repercutirá nas granxas ata o último céntimo que ingrese de máis, segundo sinalou Román Santalla, de Unións Agrarias. De Celta, actualmente a gran empresa suministradora de marcas brancas á distribución, agárdanse tamén compromisos, se ben todo está no aire, á espera de poñer cifras sobre a mesa nas reunións que se manterán para a próxima semana.

Novas reunións coa distribución
De xeito paralelo ós contactos coas industrias, os gandeiros van proseguir durante xaneiro con reunións pendentes con algunhas cadeas de distribución, caso de Mercadona, a única cadea que xa lle subira 2 céntimos nos pagos as súas industrias proveedoras en setembro, e de El Corte Inglés, que actualmente traballa a súa marca branca con Central Lechera Asturiana. Asturiana beneficiarase tamén do acordo dos gandeiros con Dia, se ben con Dia move un escaso volume de leite.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, propuxo na asemblea de hoxe aproveitar as reunións con Central Lechera Asturiana e con Reny Picot para buscarlle unha solución ás elevadas cantidades de leite que ambas industrias pagan a prezo de leite en po, ata un 40% da recollida nalgunhas granxas no caso de Reny Picot e un 20% no caso de Central Lechera.

Outro problema que queda sobre a mesa para máis adiante é o dos primeiros compradores (intermediarios), que son os que menores prezos están a pagar polo leite.

Organización
A asemblea de hoxe en Ordes contou coa participación de máis dun cento de gandeiros das comarcas que participaron nos bloqueos á distribución en decembro, caso da propia comarca de Ordes, Arzúa, Ferrolterra e Eume na Coruña; do Deza en Pontevedra, e dos gandeiros de Lugo que bloquearon o Carrefour lucense. Tamén estiveron parte das organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, como Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga e Oruga.

Na reunión, a parte da cuestión do prezo do leite, houbo un debate interno sobre o mellor xeito de organizarse e de coordinarse en torno á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, se ben, pola urxencia do calendario que hai sobre a mesa, con negociacións clave á vista para a próxima semana, o debate postergouse. Os esforzos centraranse nas negociacións e en sumar tantos gandeiros como sexa posible para as accións de presión que se aveciñan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información