Consulta o impacto que vai ter a vespa asiática no teu concello

Un programa creado pola Universidade de Santiago prognostica a expansión da ‘vespa velutina’ e o impacto que terá en cada municipio neste 2018

Consulta o impacto que vai ter a vespa asiática no teu concello

Mapa de risco da vespa asiática no 2018. / Fonte: USC.

A expansión da vespa asiática é un motivo de preocupación en todo o rural de Galicia. É unha praga que afecta á produción de mel, á colleita de froita, a viñedos e tamén aos traballos forestais. Por iso é importante coñecer a evolución da praga sobre o territorio, de cara a tomar as medidas preventivas e de vixilancia que sexan posibles.

Que expansión vai ter a vespa asiática en 2018? Como vai afectar ao meu concello? Son preguntas que trata de responder un programa creado pola Universidade de Santiago en colaboración coa Deputación de Coruña. O sistema pronostica cal será a presenza da praga en cada un dos concellos de Galicia e o grao de superficie de cada municipio que terá un impacto alto, medio e baixo. Pódese consultar neste documento a afección que terá a vespa asiática en cada concello de Galicia, de acordo con esas previsións.

No 2017, a presenza da avespa asiática incrementouse especialmente na comarca de Betanzos, Bergantiños, Ordes, Arzúa e Rías Baixas. Para 2018 prevese unha maior presenza, tanto en territorio como en densidade, en toda a franxa costeira galega.

Os concellos con maior superficie potencialmente afectada na categoría de risco moi alto no 2018 son os seguintes:

A Coruña: Mugardos, Cambre, A Coruña, A Laracha, Dodro, Padrón, Bergondo, Rois, Oleiros, Narón, Teo e Betanzos.

Pontevedra: Cambados, Pontecesures, Ribadumia, Valga, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Portas e Vigo.

Este sistema de detección baséase nos niños de de avespa asiática localizados no 2017, así como en datos ambientais e meteorolóxicos. A avespa asiática ten preferencia por zonas de clima atlántico, con menor contraste de temperaturas entre inverno e verán que as zonas do interior, cun clima máis continental.

En canto ao territorio máis proclive para os niños de avespas asiáticas, un 41% das localizacións de niños fanse en zonas de mosaico agrícola, un 34% en chan urbano ou infraestruturas e a parte restante en monte, onde a avespa ten preferencia por facer os niños en eucaliptos (6,87% do total), por encima de coníferas e frondosas caducifolias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información