Construción naval en madeira para impulsar unha industria forestal sustentable

Cunha pegada de carbono preto de cero e unha reciclaxe do 100% das pezas, os barcos bateeiros de madeira son un exemplo de bioeconomía circular.

Construción naval en madeira para impulsar unha industria forestal sustentable

Montaxe da estrutura dun bateeiro

O presidente de Agalcari (Asociación Galega da Carpintería de Ribeira), Ramón Collazo Mosquera, defende que a construción naval en madeira “debería ser un proxecto de país”, xa que “o incentivo á construción destes barcos favorece unha silvicultura sustentable nos montes galegos, ao tempo que impulsa dous sectores estratéxicos para Galicia como son a industria forestal e a industria do mar”.

Na curta documental recén estreada e que podes ver máis abaixo, Bateeiros de madeira, un exemplo de bioeconomía circular, Fearmaga e a asociación Agalcari explican as vantaxes da construción de embarcacións en madeira, así como o coñecemento que gardan os carpinteiros de Ribeira no deseño e construción destas embarcacións.

Segundo explica Ramón Collazo nesta colaboración con Fearmaga, os barcos bateeiros son “a última aportación de tipoloxías de embarcacións que realizaron os carpinteiros de Ribeira ao riquísimo patrimonio marítimo flotante de Galicia”. Ademais, “son barcos cunha pegada de carbono moi preto de cero e non presentan problemas para o despezamento, xa que o 100% das pezas son reciclables”, subliña.

 

O 70% das pezas dun bateeiro proceden dos montes galegos

En base aos datos cos que traballan na Agalcari, nun barco bateeiro de madeira o 70% das pezas proceden dos montes galegos e o 30% da importación. As cadernas do barco, coñecidas como “costelas”, fabrícanse, habitualmente, en madeira de carballo. No interior da estrutura do barco utilízase o eucalipto para varios reforzos lonxitudinais, unha viga central que vai encabillada á quilla e ás cadernas e tamén nos palmexares (pezas encargadas de reforzar a estrutura en forma de costela da embarcación).

A estrutura externa do bateeiro vai forrada de madeira, dende o varadoiro cara abaixo o bateeiro vai recuberto de piñeiro do país, “porque se comporta moi ben coa salinidade da auga e resiste o paso do tempo”, explica Collazo. 

Unha aposta audiovisual para visibilizar o sector

Esta é a última peza audiovisual promovida por Fearmaga coa que se pretende difundir as diferentes etapas da construción dun barco de madeira dende o monte ata o mar. O primeiro, Mulleres na industria forestal: construíndo unha silvicultura moderna repasa con Sandra Vázquez Agra o traballo nunha explotación forestal que aplica un modelo Xestión Forestal Sustentable para obter madeira de calidade para a construción de embarcacións.

Na segunda reportaxe audiovisual, Serradoiros para construir barcos de madeira, os creadores acompañan a José María Suárez Tuñas, da empresa galega Hijos de Vicente Suárez, no proceso de selección e aserrado das pezas para o barco. 

Esta iniciativa da Fearmaga foi desenvolvida en colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), adscrita á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende interésesvos dous serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% das rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información