A construción industrializada en madeira, novo horizonte para as coníferas galegas

A edificación de vivendas nas cidades avanzará cara unha substitución parcial do formigón e o ladrillo por estruturas de madeira, segundo se puxo de manifesto no encontro Piñeiros 22

A construción industrializada en madeira, novo horizonte para as coníferas galegas

Mesa temática de construción en madeira, no encontro Piñeiros 22, organizado pola Fundación Arume.

O sector da construción está a cambiar de paradigma. Da edificación húmida en obra, con formigón, aceiro e ladrillo, pasarase nos próximos anos a un modelo híbrido, no que o formigón convivirá cunha introdución progresiva da madeira. “É a única vía de avanzar cara a unha construción máis ecolóxica” -resume o arquitecto Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña-. “A poboación mundial está medrando, precísanse máis vivendas e a madeira é o único material de construción renovable e que axuda a mitigar o cambio climático”.

A maiores do factor verde, a edificación en madeira presenta outras vantaxes para o sector da construción, como a redución de tempos da obra, pois o material chega ó terreo coas medidas e cortes requeridos, listo para a súa ensamblaxe.

“No País Vasco, un proxecto de edificación de 68 vivendas en madeira rematou a súa montaxe en 12 semanas” – pon como exemplo Daniel Ibáñez-. “A madeira ten un gran potencial en edificios de altura media, entre 6 e 14 plantas, de cara a promover a bioconstrución nas cidades. Pensemos que o 60% da pegada de carbono dun edificio está na construción”, subliñou Ibañez, que onte participou no encontro Piñeiros 22, organizado pola Fundación Arume en Santiago para abordar os novos horizontes que se abren para as coníferas, principal madeira empregada na construción.

“As estruturas de madeira son ideais para edificar nas cidades, en alturas de ata 12 ou 14 pisos” (Daniel Ibáñez, Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña)

“Estamos ante un proceso de industrialización da construción, no que o groso do traballo faise por parte de arquitectos e industrias de madeira, antes do inicio da obra no terreo”, explica José Carballo, presidente da Fundación Arume, que augurou unha progresiva introdución da madeira na construción en España, na liña do que se está a facer noutros países europeos.

En España constrúense cada ano máis de 160.000 vivendas, das que actualmente menos do 1% se levanta en madeira estrutural, unha tendencia que se espera que cambie radicalmente nos próximos anos.

O presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España, Juan Antonio Gómez-Pintado, salientou tres obxectivos clave para lograr unha maior presenza da madeira estrutural na construción.

“En primeiro lugar, precísase unha maior capacidade de industrialización da madeira para construción, para o que é necesaria a obtención de boa materia prima nos montes e tecnoloxía para a súa transformación. En segundo lugar, hai que reducir custos, co que chegaremos ó terceiro obxectivo, facilitar un maior acceso á vivenda” -detallou-. “Se non melloramos a capacidade de acceso á vivenda da cidadanía, o impacto que teremos será insuficiente”, valorou.

O Grupo Casais introduciu en Portugal a construción con estruturas híbridas prefabricadas de formigón e madeira. “Tódalas semanas temos peticións para edificar con este sistema, pero aínda non temos capacidade de resposta” (Antonio Carlos Rodrigues)

Desde Portugal, Antonio Carlos Rodrigues, director do Grupo Casais, unha das maiores empresas do sector da construción, presentou en Piñeiros 22 unha solución híbrida de estruturas de formigón e madeira que está a empregar o seu grupo. “O primeiro proxecto inmobiliario con este material fixémolo nun edificio do grupo, que está a servir de modelo. Desde que o edificamos, tódalas semanas temos visitas de profesionais e políticos que nos piden edificacións con este sistema, pero na actualidade non temos capacidade de resposta. Precisamos alinearnos coa cadea de valor da madeira e contar con máis recursos”, sinala Rodrigues, que pronostica que nos próximos 2 – 3 anos cambiará o xeito no que se constrúe.

Demanda
Para a produción dos novos materiais que esixe a construción en madeira (madeira contralaminada, estruturas lixeiras en madeira maciza, laminados, etc.), os expertos que se xuntaron en Piñeiros 22 coincidiron en que se precisará recurso en cantidade e calidade suficiente.

Ao fío diso, o Centro Pinus (Portugal), que aglutina á cadea forestal – madeira do país veciño, advertiu da necesidade de aumentar a superficie e volume de produción das coníferas, xa que na actualidade o consumo de piñeiro da industria portuguesa da madeira é superior ó crecemento dos piñeiros en monte. “Houbo unha regresión dos montes de piñeiros, en boa medida propiciada polo abandono e por factores desincentivadores da actividade forestal, como os incendios e a praga do nematodo”, analizou a directora do Centro Pinus, Susana Carneiro.

Outro risco que perciben en Portugal é o aumento do consumo de madeira de piñeiro para pellets e centrais de biomasa, o que introduce unha competencia adicional polo recurso forestal.

En Galicia, estase a elaborar na actualidade unha análise da situación do recurso en monte, a cargo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), responsable de acometer o Inventario Forestal Continuo de Galicia. En canto ese Inventario estea rematado, poderase facer un diagnóstico da situación dos montes de coníferas na comunidade, pero desde a perspectiva do sector e da propia Administración xa se avanza que son necesarias máis plantacións de piñeiro, e en masas sometidas a coidados silvícolas (podas e rareos), para garantir a produción de suficiente madeira de calidade nos próximos anos.

Máis de 200 profesionais do sector forestal, madeira, arquitectura e construción déronse cita en Piñeiros 22.

Máis de 200 profesionais do sector forestal, madeira, arquitectura e construción déronse cita en Piñeiros 22.

O encontro Piñeiros, organizado pola Fundación Arume e cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), contou cun panel de relatores que incluiu a destacados profesionais de España e Portugal, tanto do ámbito empresarial como do investigador e técnico, así como a representantes políticos. Inaugurou a xornada o director de XERA, Jacobo Aboal, que destacou a boa acollida que teñen as subvencións convocadas para construción en madeira, pois en menos de dúas semanas desde que se abriu a convocatoria xa se esgotou a partida presupostaria prevista, segundo os cálculos que manexan na Axencia. Por parte da Consellería do Medio Rural asistiu tamén o conselleiro do Medio Rural, José González, quen clausurou o encontro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información