A Fundación Arume desenvolveu na Cidade da Cultura de Santiago o encontro ‘Piñeiros 24, foro de coñecemento entre Galicia e Nova Aquitania – Francia’. O evento, que chega este ano á súa cuarta edición, convertiuse xa nunha referencia internacional na análise da cadea forestal – madeira de coníferas, este ano con coprotagonismo para Nova Aquitania – Francia.
A conferencia principal correu a cargo do arquitecto Christophe Ouhayoun, fundador do estudio KOZ, un dos que liderou o deseño das infraestruturas de madeira dos Xogos Olímpicos de París. Christophe resumiu os motivos que o impulsaron a comezar a traballar con madeira hai dúas décadas en “razóns subxectivas”, como “a fermosura e o confort” que transmite, xunto a “razóns obxectivas”, como o cambio climático e a necesidade dunha maior sostibilidade na construción.

Christophe Ouhayoun, en Piñeiros 24.
Loita contra o cambio climático e vivenda
Desde a perspectiva do presidente da Fundación Arume, José Carballo, dúas son a día de hoxe as claves principais da madeira como materia prima para a construción. Primeiro, a loita contra o cambio climático, pola redución da pegada de carbono que ofrece a madeira, pois cómpre lembrar que as árbores durante a súa vida captan carbono da atmósfera. E en segundo lugar, pola redución de prazos que ofrece a construción industrializada en madeira.
A construción industrializada en madeira é un cambio de paradigma no sector, pois pásase de facer o edificio en obra a facelo en fábrica, reducíndose a obra a unha montaxe dunhas poucas semanas. “A madeira ofrece unha oportunidade evidente para acurtar os prazos na ampliación do parque de vivendas, que é unha das principais demandas sociais”, subliña Carballo.
Tendo en conta todo o proceso de deseño, produción e montaxe, a construción en madeira permite acurtar os prazos das edificacións de vivendas en altura ata en máis dun 50%, en comparación coas obras convencionais.

Vista do público da xornada.
“Na construción en madeira, hai unha parte importante de deseño e proxecto, que leva tempo, pero ten un custo menor; e unha parte de obra moi curta, que é a que tradicionalmente ten maior custo. Polo tanto, cando se di que a madeira é un material máis caro cómpre facer ben as contas, xa que hai que ter en conta os aforros que xera na obra”, subliña.
Compromisos da Xunta
Na clausura da xornada de mañá, o presidente da Fundación Arume emprazou ó presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a empregar as posibilidades que ofrece a madeira para impulsar o parque público de vivenda, acurtando os prazos de execución.
Rueda recolleu o guante e insistiu no seu compromiso de que “a madeira represente o 20% dos materiais das vivendas públicas de Galicia”, en alusión a unha posible construción híbrida formigón – madeira, unha das opcións de deseño que se viu na xornada. “No 2028 teremos 4.000 vivendas públicas máis e o 20% dos materiais que empreguemos nelas serán madeira”, sinalou.
En canto á potencialidade da construción de vivendas en madeira, Rueda incidiu na necesidade de que o compromiso da Xunta na materia sirva de exemplo ós promotores privados, así como a outras institucións públicas, como os Concellos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co presidente da Fundación Arume, José Carballo.
Experiencias en montes
A oportunidade que representa a madeira para a vivenda é recíproca, pois a vivenda tamén constitúe unha oportunidade para os montes de piñeiros orientados a unha silvicultura de calidade, que ven na vivenda un destino que valoriza a materia prima.
Propietarios particulares e comunidades de montes que coidan os seus montes cunha silvicultura de calidade, con rozas, podas e rareos, teñen a expectativa de que a construción en madeira sirva de tractor de toda a cadea forestal – madeira de coníferas, de xeito que a demanda deste segmento contribúa a fortalecer os prezos
da materia prima. Esta, defenden, é a mellor vía para garantir o coidado dos piñeirais de cara ó futuro, evitando o seu abandono.
Desde a Fundación Arume, o seu presidente, José Carballo, reclamou un maior investimento público no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, de cara a fortalecer o seu traballo en coníferas. O obxectivo é avanzar máis e máis rápido na calidade xenética das plantas de piñeiro, de xeito que sexan máis produtivas e máis sans.

Mesa de experiencias de propietarios forestais.
Innovación
Un terceiro foco de Piñeiros 24 estivo na innovación en toda a cadea forestal – madeira, con presentacións que abordan esta tarde cuestións como as biorrefinerías baseadas en piñeiro, con obtención de produtos de valor para numerosas industrias (bioadhesivos, espumas, resinas, etc.).
O evento, organizado pola Fundación Arume, contou coa colaboración da Xunta a través de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

Clausura co director de XERA, Jacobo Aboal.
Apoios públicos para máis de 200 proxectos que empregan a madeira na edificación
A Xunta de Galicia vén de resolver recentemente a concesión da convocatoria de axudas para a realización de proxectos e obras que empreguen a madeira como elemento estrutural na construción. Foron máis de 200 proxectos os que resultaron beneficiados dunha iniciativa impulsada pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, que conta cun orzamento de 5 millóns de euros.
Estas axudas, que se convocan de xeito bianual, están dirixidas a pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como as persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto.
Así, 244 proxectos dun total de 682 solicitudes recibidas, case o dobre que na anterior convocatoria, están a recibir achegas que poden ir desde os 15.000 euros por proxecto, no caso das persoas físicas, até os 120.000 no caso de obras en execución por empresas promotoras de edificacións en altura, unha novidade nesta convocatoria que conta por primeira vez cunha partida específica para este tipo de construcións.
Perfil dos proxectos subvencionados
Os investimentos subvencionados a través desta orde executaranse en 174 concellos das catro provincias galegas. Así, o 49 % das iniciativas desenvolveranse na provincia da Coruña, seguida de Pontevedra cun 27 %, Ourense cun 13 % e Lugo cun 11 %.
Con respecto ao tipo de actuación que se vai desenvolver, hai un equilibrio entre as accións de rehabilitación no parque actual de inmobles (52 %) e obra nova (48 %).
E atendendo aos usos da instalación, no caso de particulares (liñas 1.2 e 2.2), o uso das edificacións promovidas é de tipo residencial unifamiliar e, nas liñas 1.1 e 2.1, destinadas ás pemes, persoas
autónomas ou entidades sen ánimo de lucro, entre outras, as bases reguladoras recollían un amplo abano de usos (industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, residencial colectivo, sanitario-asistencial, educativo e cultural), ben que a maioría das beneficiarias promoveron proxectos e obras vinculadas a actividades de aloxamento temporal ou uso hoteleiro.