Constituído o Consello Regulador da IXP Pemento de Mougán

A directora xeral de Produción Agropecuaria presidiu o acto de constitución, no que se analizou a normativa de aplicación para o funcionamento deste órgano e os apoios que a Xunta facilita para o fomento e promoción deste produto

Publicidade
Constituído o Consello Regulador da IXP Pemento de Mougán

Patricia Ulloa no acto de constitución.

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, presidiu este mércores o acto de constitución do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Mougán. Esta reunión tivo lugar trala aprobación do Regulamento da IXP, publicado no DOG o pasado día 8 de xuño.

Neste encontro os representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar realizaron unha breve explicación do camiño percorrido ata o momento para a certificación deste produto, así como da normativa de aplicación para o funcionamento do Consello Regulador e dos apoios cos que van contar, tanto dende a Consellería como dende o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), para o fomento e promoción do pemento.

Nesta liña foi tamén a intervención dun representante do Ingacal, como organismo encargado da certificación da produción e da prestación de servizos de apoio, quen explicou aos produtores interesados que deben facer se desexan inscribirse.

Pemento de Mougán

O ámbito xeográfico da IXP Pemento de Mougán comprende a totalidade do territorio do concello lugués de Guntín. O nome da denominación “Mougán” é o do topónimo desta parroquia, dende onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da capital.

A inscrición do produto como indicación xeográfica protexida baséase tanto nas súas características específicas ligadas ao territorio -por tratarse dun ecotipo de pemento adaptado ás condicións desta área- como pola súa reputación, fundamentalmente recoñecida no ámbito da Comunidade.

Os pementos amparados por esta IXP son os froitos da especie Capsicum annuum L., do ecotipo local recoñecido polo nome de pementos de Mougán. As plantas son de consistencia hebácea, moi ramificadas, porte medio (acadan entre 50 e 90 cm ao aire libre e entre 60 e 120 cm en estruturas baixo cuberta) e de ciclo semi-precoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración con froitos normalmente colgantes.

Os froitos destinados á comercialización teñen un peso de entre 6 e 15 gramos por unidade e unha lonxitude de entre 3 e 6,5 cm, cunha pel de cor verde escura brillante. Na cata presentan unha carne de textura fina e substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e ás veces picante, con aroma de intensidade moderada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información