Constitúese o Consello Galego de Artesanía Alimentaria

A finalidade deste órgano é mellorar a calidade e a promoción das produción de Galicia e nel están representadas distintas organizacións profesionais agrarias, o sector cooperativo, consellos reguladores e asociacións de artesáns alimentarios

Constitúese o Consello Galego de Artesanía Alimentaria

A Xunta creou o Consello Galego de Artesanía Alimentaria, un órgano consultivo que ten como obxectivo mellorar a calidade e a promoción das produción de Galicia. Neste órgano están representados distintos departamentos da Xunta, así como as organizacións profesionais agrarias, o sector cooperativo, consellos reguladores e asociacións de artesáns alimentarios.

Actualmente están inscritos en Artesanía Alimentaria un total de 136 operadores das catro provincias galegas, dos cales 47 son da Coruña, 43 de Lugo, 21 de Ourense e 25 de Pontevedra. Todos eles pertencen aos diferentes grupos de produción regulados mediante norma técnica, como panadaría e confeitaría, derivados lácteos, conservas vexetais, mel, cervexa, aceites, licores ou marmeladas, entre outros.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, presidiu a reunión na que quedou constituído dito órgano. Na cita, tamén estiveron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; de Comercio e Consumo; Gabriel Alén; e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial.

A artesanía alimentaria é unha forma de producir e de elaborar, pero tamén debe avanzar cara á excelencia e á calidade final das producións

Na sesión abordáronse cuestións como a presentación da normativa reguladora, a análise da situación actual do Rexistro da Artesanía Alimentaria, a difusión do catálogo de empresas operadoras, as accións desenvolvidas en materia de promoción do distintivo de calidade Artesanía Alimentaria de Galicia, a captación de novos operadores e o control da actividade.

Alemparte destacou que a artesanía alimentaria é unha forma de “producir e de elaborar, pero tamén debe avanzar cara á excelencia e á calidade final das producións”. Neste sentido, engadiu que é preciso elaboralas cada vez mellor e con máis coidado e respecto polo produto.

O director da Axencia subliñou ademais a importancia de protexer o termo “artesán”, evitando o seu uso fraudulento en produtos que non respectan a normativa nin están rexistrados. “Defender o que é auténtico é unha responsabilidade colectiva, e este Consello nace precisamente para iso: para traballar xuntos na promoción, no control e no impulso da artesanía alimentaria galega”, indicou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información