Un real decreto modificaba a semana pasada os limiares de renda e patrimonio familiar para acceder ás axudas ao estudo. A pesar de que hai modificacións “positivas”, en opinión da organización rural UPA, “segue habendo moitas condicións que deixan fóra das bolsas a fillos de produtores agrarios en situación de necesidade”.
“Mentres que o mínimo esixible para incorporarse serían, no caso do secaño, unhas 90-110 hectáreas, en función do cultivo e da zona de España da que esteamos a falar, con 40 xa che consideran un potentado, e os teus fillos non teñen dereito a bolsa”, lamentaron desde UPA.
UPA cre que a modificación dos limiares de patrimonio familiar en zonas rurais aprobada polo Ministerio de Educación é “claramente insuficiente” e demostra dunha “falta de sensibilidade coa igualdade de trato entre o mundo rural e o urbano”.
“O Goberno debe modificar o límite dos valores catastrais das leiras rústicas”
En concreto, o Real Decreto eleva os valores catastrais das construcións situadas en leiras rústicas, excluído o valor catastral da construción que constitúa a vivenda habitual da familia, de 13.130 a 42.900 euros. Esta modificación non fai senón igualar o limiar das construcións rurais ás urbanas. Este cambio, sendo positivo, “non é suficiente”, afirma UPA, porque non modificaron o límite dos valores catastrais das leiras rústicas pertencentes aos membros computables da familia. O que fai que por exemplo en secaño cunhas 40 hectáreas en propiedade xa se estaría excluído das bolsas.
No caso do regadío, a partir de 16 hectáreas e se se trata dun regadío de leñosos con 8 hectáreas xa non se concedería a bolsa. Como referencia, para unha incorporación á actividade agraria esíxense como mínimo de media (depende do tipo de cultivo e a zona de España) de 90 a 110 hectáreas en secaño, de 20 a 35 hectáreas de regadío e de 12 a 18 hectáreas de leñosos.
“O máis obxectivo é ter en conta a renda da unidade familiar”
Respecto ao requisito do rendemento das actividades económicas ocorre que, segundo os anos e o sector, con ingresos superiores ao límite establecido pódense ter uns ingresos netos mesmo negativos. Noutras ocasións, con ingresos brutos inferiores pódese chegar a uns ingresos netos elevados que xustifiquen o quedar fóra dos beneficiarios das bolsas. UPA propón “eliminar este límite de volume de negocio e atender ao elemento máis obxectivo á hora de valorar os ingresos realmente dispoñibles: a renda da unidade familiar”.
UPA propón adecualos á realidade da actividade agrícola e gandeira de tal forma que se diferencie entre os que teñen leiras, construcións rurais ou urbanas que as utilizan como medio de produción, para desenvolver a súa actividade agraria, e entre aqueles que son un elemento patrimonial sen máis. Proponse incrementar os límites establecidos nos valores patrimoniais das fincas urbanas e rústicas cando estas están ligadas ao desenvolvemento dunha actividade agrícola ou gandeira.