A conservación do patrimonio histórico, unha oportunidade para visibilizar a versatilidade da madeira galega

A Axencia Galega da Industria Forestal XERA e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela firmaron un convenio de colaboración en virtude do cal, o CIS-Madeira prestará todo o asesoramento técnico necesario nos labores de restauración

Publicidade
A conservación do patrimonio histórico, unha oportunidade para visibilizar a versatilidade da madeira galega

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que a conservación do patrimonio histórico é unha moi boa oportunidade para visibilizar a versatilidade estética e a durabilidade da madeira empregada na construción. Así o manifestou durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega da Industria Forestal XERA e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela.

Un convenio en virtude do cal, o CIS-Madeira prestará todo o asesoramento técnico necesario nos labores de restauración que se van levar a cabo na balaustrada do cimborrio e na estrutura de madeira da Torre do Reloxo, así como na construción dun novo xugo para a campá da Berenguela.

Lorenzana enxalzou o “extraordinario” labor dos técnicos do CIS-Madeira e “o coñecemento tan profundo que teñen” dos diferentes usos deste material, tanto en proxectos de conservación e restauración como en nova construción. Ao respecto, lembrou que tamén está colaborando na rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra.

O acordo asinado, sen custo económico e cunha duración de catro anos, dá continuidade ao que a XERA, de quen depende o CIS-Madeira, e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela xa asinaran en 2018. Daquela restaurouse o baldaquino (na capela maior) con vigas de madeira de castiñeiro, os xugos de carballo da Torre das Campás, e tamén se interveu nas capelas absidiais da cabeceira do templo -A Branca, Mondragón e O Pilar- e na cuberta de madeira de carballo de Santa María A Antiga da capela da Corticela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información