A adega Herederos de Marqués de Riscal foi pioneira no uso do sobreenxerto en viñedos, unha práctica moi utilizada noutro tipo de cultivo, pero non tanto en viña. As primeiras probas realizadas a finais dos 90 en viñedos de Rueda animaron á adega para empregar esta técnica para lograr maior calidade en viñas que adquiriran e que contaban con clons máis orientados a obter grandes producións. A día de hoxe na adega teñen reenxertadas xa case 250 hectáreas de viñedo.
Da man de Estaban Ponce de León, responsable de campo da adega, coñecemos as claves para lograr un bo reenxertado, á vez que nos debulla como foi a experiencia con esta técnica e os beneficios que lles supuxo.
-Foron dos primeiros en optar polo sobreenxerto a gran escala. Como comezaron a realizar esta práctica?
-Os primeiros sobreenxertos fixéronse nos viñedos que Marqués de Riscal ten na Denominación de Orixe Rueda, con variedades brancas. Alí comezouse a facer este enxerto aéreo no ano 95. Fíxose unha proba e comprobouse que evolucionou moi ben, polo que despois empezáronse a realizar nos viñedos da Rioja a partir do ano 98.
-Que lles levou a querer facer o cambio en Rioja?
-Nos anos 70 chegaron a Rioja viticultores xerezanos interesados en comprar viñedos, facer adegas e que comezaron a plantar en lugares onde nunca antes se plantara viña e utilizando clons enfocados á produción. Un destes viñedos sería máis tarde adquirido por Marqués de Riscal e a finais dos anos 90 empezamos a ver que había unha diferenza importante en canto a calidade entre estes viñedos e o resto de viñedos da adega. A pesar de que as terras, a climatoloxía e os coidados eran os mesmos, non se estaba logrando a calidade que se quería na adega. Todo era igual a excepción do clon que se utilizara na plantación durante os anos 70. Para alcanzar a calidade que se quería, había dúas opcións ou arrincar as viñas que non estaban a dar os resultados que se buscaban ou deixar esas cepas vellas e probar co sobreenxerto. Vistos os bos resultados que dera o sobreenxerto en Rueda, comezaron a enxertar tamén nesas viñas de Rioja.
“Nós eleximos a madeira para o enxertado de viñedos que teñen, en moitos casos, máis de 100 anos, cunha gran diversidade xenética”
-Por que decidiron optar por esta técnica cando apenas se realizaba?
-Esta técnica permíteche manter o sistema radicular da viña, o cal é moi importante cando contamos con viñas vellas cuxas raíces exploraron e se asentaron en diferentes terreos. Esas raíces xa ‘se instalaron’ no solo, xa están consolidadas, a diferenza de se plantas novas cepas. Por outro lado, con este sistema, a perda de colleita está limitada exclusivamente ó ano no cal se realiza o enxerto e conseguimos dende as primeiras colleitas calidades similares ás das viñas vellas. Nós eleximos a madeira para o enxertado de viñedos, que teñen, en moitos casos, máis de 100 anos, cunha gran variedade xenética.
-En que variedades realizaron o sobreenxerto?
-No noso caso non fixemos un cambio de variedade de tinto a branco como están interesados agora en Galicia, senón que facemos un cambio de clon. Cambiamos os clons de Tempranillo que estaban orientados a lograr maiores producións e que non estaban a alcanzar as esixencias de calidade da adega. Con esas uvas non podiamos facer os viños de calidade que se buscaban, por ese motivo decídese enxertar en madeira de Tempranillo, pero cambiando os clons produtivos por viñas seleccionadas e vellas que historicamente nos deron moita calidade. Xa desde 2016 estamos a traballar coas uvas desas viñas enxertadas con madeira nosa e empezouse a ver que a calidade era a esperada.
-Seguen reenxertando viñedos ou xa realizaron o cambio de todos os clons que necesitaban substituír?
-No ano 98 empezamos a enxertar en Rioja, pero o golpe forte foi a partir do 2016. A partir dese momento enxertamos de media unhas 25-30 hectáreas por ano, ata que practicamente terminamos de enxertar as 250 hectáreas coa nosa madeira seleccionada. Agora estamos xa finalizando o noso labor de enxertado, quédannos viñedos moi puntuais que teñen menor superficie.
“Probamos nalgún caso a facelo á maneira tradicional, co enxerto en púa, pero vimos que o arraigamento era menor”
-Que tipo de sobreenxerto empregaron?
-En Rioja os enxertos utilizados tradicionalmente foron os de púa e eran empregados nas plantacións novas que se facían con barbados. Este sistema nós seguímolo utilizando cando realizamos unha nova plantación. O barbado é enxertado ao segundo ano normalmente, cando alcanza un vigor desexado, e o diámetro de tronco é da mesma medida que o da púa que se vai a enxertar.
En viñedos vellos onde realizamos o sobreenxerto, tiñan xa un tamaño considerable, polo que optar polo enxerto de púa era unha opción moi drástica, xa que esa práctica require que se faga un corte moi grande por baixo do tronco da cepa. Con todo, tamén probamos a realizalo desta maneira tradicional, co enxerto en púa, pero vimos que o arraigamento era menor e que non tiñamos opcións de repasar os fallos de brotación durante esta campaña e a seguinte.
Así, terminamos enxertando en xema, polos bos resultados que lograbamos con este método, aínda que é unha práctica que non se facía en viña.
-En que época prefiren realizar o sobreenxerto?
– Ao traballar co enxerto de xema facémolo na primavera. Facemos os primeiros enxertos nas primeiras semanas do mes de maio.
“Conséguese case un 98% de arraigamento do enxerto, xa que nunha mesma tempada podemos reenxertar dúas veces, a finais da primavera e comezos do verán”
-Que resultados tiveron? Que porcentaxe de éxito do sobreenxerto lograron inicialmente?
-O éxito con esta práctica é moi alto. Inicialmente estamos ao redor dun 95%, pero esa cifra increméntase xa nesa mesma campaña en que se realiza o primeiro enxertado.
-Como nesa mesma campaña? Pode reenxertarse unha cepa dúas veces na mesma primavera?
-Facemos os primeiros enxertos en maio, realizamos o seguimento da súa evolución e no momento en que vemos que brotou a maioría, os que non chegaron a brotar podemos volver enxertalos xa esa mesma campaña. Así, dámoslle un mes para que se produza a brotación dos primeiros enxertos, e logo en xuño aínda podemos volver enxertar aquelas plantas nas que non arraigou o enxerto. Así, é que se consegue case un 98% de arraigamento do enxerto.
Claves para o éxito do sobreenxerto
-A que aspectos se lle debe prestar máis atención para lograr un maior éxito do sobreenxerto?
-Un dos aspectos máis importantes é que a conservación da madeira sexa a adecuada. Nós recollemos en xaneiro o sarmento, é dicir, a madeira das cepas que queremos enxertar. Esa madeira permanece ata o momento do enxertado a unhas determinadas condicións para asegurar que chega en bo estado. En concreto, conservámola en cámaras de refrixeración para ter unha humidade do 90% e a unha temperatura de 3 graos. É moi importante que cando os enxertadores vaian enxertar comproben que a madeira está en boas condicións.
A experiencia destes anos de enxertado permitiunos saber o importante que é a conservación para o éxito do enxertado. Nos primeiros anos, cando a conservación non era tan meticulosa, atopabámonos con xemas máis resecas ou que non sabiamos se brotarían, en cambio ao ir coidando a conservación vimos como se melloraba o estado da madeira.
“A viña que se vai a enxertar debe estar nunhas boas condicións de vigor, sen sufrir no ciclo anterior, para que poida lograrse o éxito do sobreenxertado”
Outro dos aspectos claves é que a viña que se vai a enxertar estea nunhas boas condicións de vigor. Nós sempre comprobamos que a viña que enxertamos, durante o ciclo anterior se desenvolveu ben, estivese equilibrada e teña un bo vigor, xa que iso significa que acumulou reservas para enfrontarse mellor ao enxertado.
Tamén é moi importante facer un seguimento meticuloso da cepa na que se fai o enxerto, xa que unha vez realizado o enxerto, na cepa aparecen brotes do clon antigo que hai que ir cortando. Cada 10 días hai que pasar pola cepa, limpar a viña e atar o enxerto novo, para protexelo. O éxito do sobreenxerto está tamén en ser meticuloso e constante, non serve enxertalo e esquecernos del.
-Contan con persoal especializado propio na adega para realizar o sobreenxerto ou contratan este traballo a unha empresa especializada?
-Nós facémolo cunha empresa de servizos de Rueda, que traballan todo o ano realizando traballos nas viñas e que están especializados no enxerto, pero é certo que hai poucas empresas que o fagan.
-Encárganse tamén do seguimento do viñedo tras o enxertado?
-Non. Eles só enxertan. Todo o procedemento, desde a selección e recollida de xemas, como a conservación da madeira, así como a preparación da cepa para enxertar (cortar brazos da cepa e solo deixala con un ou dous pulgares que actuarán como tirazume), ata o seguimento posterior e coidado do enxerto faino o persoal da adega.
“Co sobreenxerto a cepa rexuvenécese, xa que a parte aérea da viña terá un fluxo de zume bo e madeira sa”
-É o sobreenxerto unha forma de rexuvenecer o viñedo?
-Nas cepas, se o solo está san, a parte radicular adoita maltratarse menos, pero a parte aérea cos anos vai sufrindo un desgaste, ben sexa por enfermidades como os fungos de madeira, carcomas ou ben sexa por danos ou golpes efectuados pola maquinaria. Así, unha cepa de 40 anos en adiante non ten todos os fluxos de zume en boas condicións. O enxerto farase sobre un fluxo de zume san e faise na parte baixa da cepa, a máis sa (zona con menor afección por fungos da madeira). Desta maneira, tras o enxerto, a parte aérea da viña parte dun fluxo de zume bo, por iso co enxerto teremos unha formación aérea nova da cepa a partir de madeira sa, coas mesmas raíces e parte dun tronco vello, no que hai certas reservas. Así estamos a ver, que despois do enxerto en moitos casos rexuvenécese a cepa.
-Nos últimos anos, desde Marqués de Riscal fixeron unha aposta decidida por unha produción máis orgánica. É o sobreenxerto unha vía para logralo enxertando con clons máis resistentes a enfermidades?
-O noso obxectivo á hora de sobreenxertar non foi ese, xa que entran en xogo moitos factores e é máis complicado. Nós fixémolo sobre todo para lograr un cambio de calidade dos viñedos enxertados. Mentres, para o control de enfermidades da madeira, desde a adega levamos xa varios anos facendo podas de respecto cos expertos italianos Simonit & Sirch.
-En que consiste exactamente a poda de respecto?
-Trátase de manter os fluxos de zume da cepa limpos e tentar facer o menor número de feridas á cepa durante a poda e que estas feridas sexan do menor tamaño. Os resultados están a ser fabulosos. Conseguimos cepas máis equilibradas, con brotacións máis homoxéneas e a repartición de zume é similar en toda a cepa. Así, por unha banda estamos a facer os enxertos para lograr a calidade que buscamos e por outro coa poda respectuosa conseguimos reducir a mortalidade das cepas e de polgares.