Consenso entre Medio Rural e as organizacións agrarias sobre a PAC, desacordo sobre o Mercosur

O documento conxunto sobre a Política Agraria Común aprobarase no próximo pleno do Consello Agrario de Galicia, que se celebrará o vindeiro día 20 de febreiro

Consenso entre Medio Rural e as organizacións agrarias sobre a PAC, desacordo sobre o Mercosur

A Consellería do Medio Rural e as organizacións profesionais agrarias alcanzaron xa un acordo de consenso sobre a nova proposta da Política Agraria Común (PAC) posterior a 2028, un documento que se traballou no marco da comisión de traballo específica reunida o pasado 26 de xaneiro e que agora se someterá a aprobación final no próximo pleno do Consello Agrario Galego, que se celebrará o vindeiro día 20. Este foi o principal asunto tratado nunha reunión celebrada esta semana entre a titular do departamento, María José Gómez, e os responsables das organizacións profesionais agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asaga.

Na reunión, na que tamén estiveron presentes os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, avanzouse nesta fronte común desde Galicia en defensa dos intereses dos gandeiros e agricultores galegos, segundo sinala a Xunta. O documento, unha vez aprobado polo Consello Agrario, remitirase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e ás instancias comunitarias, por contemplar peticións para ambas institucións.

No acordo se contemplan as principais reivindicacións que viña facendo a Xunta. Neste sentido, desde o Goberno galego defenden unha Política Agraria Común forte, con recursos suficientes e con fondos diferenciados na que se blinde a actual arquitectura, na que non só se inclúen as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural.

O documento de consenso inclúe o rexeitamento explícito a posibles recortes no financiamento da PAC, así como á nacionalización desta política comunitaria.

Distintas posturas sobre o acordo UE-Mercosur
Tendo en conta a posible entrada en vigor do acordo UE-Mercosur, na xuntanza abordouse a posibilidade de elaborar unha declaración conxunta de respaldo a unha aplicación práctica reforzada do tratado, incluíndo unha serie de garantías máis específicas a poñer en marcha pola UE, o Ministerio e o propio Goberno galego, a maiores das cláusulas de salvagarda que xa contempla o propio acordo.

A Xunta sinala que Asaga e Unións Agrarias manifestaron, durante a reunión, a súa vontade de elaborar esta proposta de mecanismos prácticos, se ben trala reunión, o Sindicato Labrego emitiu un duro comunicado no que se desmarcou de calquera posible documento sobre o acordo UE – Mercosur. A organización agraria oponse frontalmente ó acordo UE – Mercosur, en tanto non se saque á alimentación do mesmo, e acusa a Medio Rural de tratar de sacar adiante un documento sobre o Mercosur cando non figuraba na orde do día da reunión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información