
Asistentes ao curso de poda de castiñeiro organizado polo distrito forestal Lugo-Sarria
Pablo Antonio Fraga é enxeñeiro agrónomo e un dos grandes expertos en castiñeiro que hai en Galicia, onde xestionou profesionalmente máis de 200 hectáreas de castiñeiro para froito. No mes de novembro, impartiu unha xornada de formación onde explicou algunhas das claves da poda de castiñeiro.
O curso, organizado polo distrito forestal Lugo-Sarria, tivo lugar no souto das Gándaras, unha parcela demostrativa e experimental xestionada polo Concello de Lugo e a Universidade de Santiago no antigo polvorín das Gándaras, hoxe convertido en polígono industrial.
O segredo da poda do castiñeiro está, afirma Pablo, en realizar unha boa poda de formación nos 5 ou 6 primeiros anos. Despois propón deixar á árbore expresar o seu desenvolvemento natural, actuando unicamente para corrixir defectos ou imperfeccións que interfiran nese crecemento natural.
Canto menos podemos, menos risco teremos de transmisión de enfermidades
“A palabra que define a poda é equilibrio; debemos buscar sempre que a árbore quede equilibrada”, asegura. Unha vez feita a poda de formación, recomenda ser conservador podando, para ter máis opcións de escolla á hora de actuar no futuro. Non é partidario, por exemplo, da poda en vaso, porque require unha poda moito máis intensa todos os anos.
Cando podar?

Pablo mostrando aos asistentes ao curso un rebrote de patrón híbrido, que habería que podar
O mellor momento para podar un castiñeiro é no outono, trala caída da folla, tanto porque a árbore se encontra en parada vexetativa como porque o risco de transmisión de enfermidades é menor.
Hai dúas épocas principais de poda: unha é no verán e outra é no inverno, pero eu recomendo a poda de inverno. É máis doado podar no inverno, cando xa lle caeu a folla ao castiñeiro, porque ves mellor a árbore. Ademais, no inverno sangra menos, porque a planta está en parada vexetativa. Moita xente que quere podar no verán desespérase porque o castiñeiro sangra e a pasta cicatrizante non pega, pero se vemos unha pola rota no mes de xullo ou agosto non agardariamos á poda de outubro ou novembro para cortala”, recomenda.
Se vemos unha pola rota no mes de xullo ou agosto non agardariamos á poda de outubro ou novembro para cortala
A maiores existe outra razón de carácter sanitario, xa que no inverno o risco de propagación de fungos e enfermidades redúcese. “Con temperaturas baixas os fungos morren ou dormen e podes traballar con máis tranquilidade”, argumenta. Por iso, só recomenda podar no verán en caso de necesidade, por exemplo se racha unha pola e é necesario cortala e saneala.
“Hai que terlle respecto, sobre todo polo risco de propagar pragas e enfermidades, pero é un cultivo que hai que adaptar ás condicións que temos. É certo que antes era bastante máis doado facer a poda que agora, porque tiñamos un clima máis predecible”, asegura.
Se chove non se debe podar e a fase lunar inflúe no vigor posterior da árbore podada
A fase lunar debe terse en conta tamén á hora de escoller o momento da poda. “Non inflúe na cantidade de foito, pero si que vas ter máis vigor ou menos e medrar máis ou menos. Se tes unha árbore moi vigorosa e queres quitarlle potencia, habería que podala coa lúa en menguante. Pola contra, se queremos darlle máis vigor a un castiñeiro que está débil, teriamos que podalo en lúa chea”, indica Pablo.
Poda de formación
A poda de formación debe facerse durante varios anos desde que a planta está xa enraizada. “O ano de plantación non se poda, pero o segundo ano xa si. E debería podarse despois todos os anos até ter a formación que un queira ter e a cruceta á altura que un a queira ter. Se podas todos os anos a ferida vai ser mínima e canto máis ferida, máis posibilidades haberá de que entren enfermidades, polo que cantas menos feridas e máis pequenas mellor”, indica Pablo.
Cantas máis feridas e máis grandes, máis posibilidades de que entren enfermidades
“O castiñeiro ten guía apical polo que todos os finais das polas da árbore sempre van mirar cara o ceo. Isto fai que sexa moi doado de podar en eixe central”, asegura Pablo. A técnica de poda que recomenda é en eixe central mixto: poda en eixe central até metro e medio de altura e logo desenvolvemento natural para que a árbore vaia abrindo.
En caso de ter que refacer á arbore por algún motivo (unha cana que esgazou, chancro, porque nos equivocamos podando, etc) o feito de ter normalmente varias guías apicais en cada castiñeiro fai que poidamos escoller a que máis nos conveña deixar para ir endereitando ou equilibrando a árbore.
Cruceta a 1,5 metros de altura
O tipo de poda tamén condiciona o posible aproveitamento futuro dese castiñeiro de froito para madeira. “Se ti fas unha poda moi baixa en vaso, como están facendo en Francia, limítase moito o aproveitamento madeireiro, que doutro xeito é compatible, porque ti podes apañar castañas dun castiñeiro durante 40 ou 50 anos e cando seca cortalo para madeira”, indica.
Búscase garantir unha primeira torada de aproveitamento madeireiro de entre 1,5 e 2 metros de longo
Como recomendación, propón que se busque formar a cruceta onde saen as primeiras gallas, a 1,5 metros de altura desde o chan. “Se noutro esas ramas saen a 1,80 tampouco non pasa nada, porque hai a necesidade de que teñan que ser todas as árbores iguais”, di.
En canto ao tamaño, non todas as variedades medran igual. “Hai variedades como a Parede, nas que a árbore vai ser máis pequena, pero hai outras, como a Longal nas que os castiñeiros poden chegar a ser moito máis altos”, indica.
Se a carón dun castiñeiro temos outra árbore, por exemplo unha froiteira ou unha árbore ornamental e non queremos cortar ningunha das dúas, o que se faría é xogar coas alturas, deixando unha a unha altura e outra a outra, de maneira que as copas con compitan entre si.
Como norma xeral non se deben descabezar os castiñeiros, porque xera maiores problemas e retrotrae o seu crecemento
Se fosen dous castiñeiros, tamén se faría igual, podando un máis baixo que o outro, subindo a cruceta dun deles e descabezando por arriba o outro para que non siga medrando.
Sen embargo e aínda que en zonas do Bierzo ou do Courel se fai, Pablo di que descabezar un castiñeiro por sistema non é o máis recomendable, porque pode frear o seu crecemento e engorde e mesmo poden saír infinidade de rebrotes onde facemos ese descabezamento que nos obrigue a ter que estar cortándoas todos os anos. Ademais, sentenza, “quen dá castañas é a copa”.
Poda en vaso
A xuízo de Pablo, a poda en vaso, coas primeiras polas saíndo máis baixas, ten varios inconvintes:
- Faise máis ferida e poden entrar máis enfermidades
- Esgaza moito máis con temporais de chuvia, vento ou neve, xa que é unha árbore máis débil e con moita folla.
- Non ten aproveitamento madeireiro
A maiores, esta formación de castiñeiro máis a ras de solo dificulta os desbroces mecanizados. “Cada vez os tractores son máis grandes e se temos castiñeiros con ramas moi baixas non van poder achegarse e vainos quedar moito máis que rozar á man”, indica. A recollida mecanizada da castaña tamén se ve impedida cando se fai unha poda en vaso moi baixa.
A poda en vaso obriga a podar todos os anos
Os castiñeiros podados en vaso requiren tamén máis atención, xa que a poda en vaso obriga a podar todos os anos. “Se un ano non podas, ao ano seguinte tes que podar o dobre”, asegura Pablo.
Ten outro problema podar baixo: os fungos. “Cando estamos nunha zona de vagoada ou a carón dun regado, en zonas pouco venteadas e con moita humidade, ao baixar o porte da árbore estase a xerar un microclima de fungos que lle poden afectar tanto ao propio castiñeiro como ás castañas”, explica.
Poda de rexuvenecemento

Polas que corren risco de esgazar
Trala pola de formación no segundo, terceiro, cuarto e quinto ano, (“todos os anos, para facilitar a eliminación de canas cando son pequenas e evitar desmadres”, aclara Pablo), só habería que podar en función das necesidades concretas de cada árbore, eliminando unicamente polas rotas ou mal colocadas.
A idea antes era unha sobrepoda, pero hai que cambiar o chip e deixar que o castiñeiro se exprese de xeito máis natural
“A idea antes era dunha sobrepoda, pero hai que cambiar o chip. Unha vez formada a árbore, a opción de deixar o castiñeiro medre de xeito natural é unha das mellores”, asegura Pablo. Por varios motivos, di, pero principalmente por aforro de tempo e de cartos e por menor risco de que a árbore contraia enfermidades.
“Se fixeches unha poda de formación boa, igual xa non lle tes que volver tocar moito máis, pero é o propio castiñeiro o que cho ten que dicir. A propia árbore diche que precisa unha poda cando baixa a produción”, indica.
“O preocupante é que haxa canas que empecen a caer sobre outras, que se empecen a enredar e a incordiar e que haxa moita follaxe dentro”, explica. Neses casos, é necesario realizar una poda de rexuvenecemento, que será máis ou menos somera en función das necesidades da árbore.
As podas masivas achican moita a árbore; é mellor facer a metade un ano e deixar a outra metade para o ano seguinte
Esta poda de rexuvenecemento pode ser necesaria transcorridos 10 anos da poda de formación para corrixir defectos de crecemento ou para airear o interior do castiñeiro.

Pablo recomienda o enxerto inglés ou de cuña para castiñeiro
En castiñeiros moi vellos, unha práctica tradicional en Galicia é a do demoucado. O habitual é que, a partir do tronco principal saian infinidade de polas, das que habería que ir seleccionando ata que quedasen queden 4 ou 5 vigas, nas que despois se iría podando a viga por ano. “De todas maneiras, á árbore sufre e normalmente achícase a dar castañas”, alerta Pablo.
Esa mesma técnica pode utilizarse para enxertar un castiñeiro ao que queremos cambiar a variedade. “Córtase a dous metros de altura e sobre eses rebrotes de ano que van saír, ao ano seguinte enxértase”, explica. A escolla do rebrote a enxertar dependerá sobre todo do seu vigor.
O enxerto de coroa en castiñeiro ten o problema da diferenza de calibre entre o patrón e o enxerto
O castiñeiro non é unha árbore doada de enxertar. O principal é que coincida o calibre do patrón co calibre do enxerto, di Pablo. Por iso non recomenda o enxerto de coroa. “Ás veces é mellor cortar a árbore e enxertar ao ano seguinte sobre unha das varas de ano que lle saian”, indica.
“O enxerto inglés ou de cuña é o que mellor funciona en castiñeiro. O de xema tamén vai ben, pero ten que estar hidratada a planta”, advirte. Recomenda facer os enxertos na primavera, podendo reservar material da poda de outono para iso. “As polas que vas usar na primavera para enxertar con elas poden proceder da poda do ano anterior. Córtalas en novembro, decembro, xaneiro ou febreiro e gárdalas desinfectadas con lixivia e envoltas en papel de periódico na neveira para enxertar con elas en abril-maio”, propón.
Arbores equilibradas por todas as caras

Exemplo de castiñeiro desequilibrado
“O segredo da poda é buscar o equilibrio. Unha árbore equilibrada é a que ten a copa ben distribuída para todos os lados”, resume. Por iso, Pablo poda igual todo ao redor, deixando canas iguais por todas as caras, sen ter en conta a orientación.
As canas que saen moi en vertical teñen maior risco de esgazar
As polas que saen moi en vertical teñen maior risco de esgazar en caso de temporal de vento ou neve, polo que deben ser retiradas a tempo. A poda en vaso tamén xera maiores problemas de esgazamento.
En canto a como facer os cortes, Pablo recomenda ser conservador, sobre todo á hora de podar sobre todo canas gordas, separando 1 ou 2 centímetros do lugar de unión das ramas, para non danar a que queda. Despois poderíase perfilar o corte con navalla ou deixalo así, xa que ese toco acostuma secar. “Se non che gusta como quedou o corte, sempre podes corrixilo ao ano seguinte, pero se te pasas podando podes danar a estrutura da árbore”, alerta.
Podas parciais en varios anos sucesivos

Lugar de corte e inclinación axeitada para evitar pudricións que danen a árbore
Sempre é mellor, en todo caso, que as actuacións de poda que van ser profundas se realicen en varios anos, para que a árbore sufra menos, no canto de nunha única poda. “A teoría da poda é un terzo da árbore cada ano, polo que cando é necesario levar a cabo unha poda intensa por algún motivo, sempre é recomendable facela en varios anos, no cando de facer unha única poda moi agresiva unha vez soa”, defende.
O castiñeiro ten guía apical, polo que sempre tira cara arriba e se está torto ao ir pasando os anos endereita
A forma natural do castiñeiro é a de copa globosa. “A copa é a que dá a castaña e de forma natural sempre vai tender a iso”, asegura Pablo. Por iso, di, “ás veces é mellor non podar antes ca podar mal”.
Ao ter guía apical (normalmente varias), de xeito natural tamén sempre vai tender a medrar cara arriba. Iso facilita a poda e fai tamén que árbores que poden estar tortas nun momento dado, co paso dos anos vaian endereitándose, ben soas de xeito natural ou coa axuda da poda.
Minimizar os riscos de transmisión de enfermidades

Castiñeiro afectado por chancro, posiblemente como consecuencia da poda efectuada anteriormente
Un dos maiores riscos asociados ás podas é a transmisión de enfermidades. Unha delas é o chancro, un fungo que debilita a árbore até chegar a facela inviable, obrigando a cortala nos casos máis graves.
Para tratar de evitar a súa propagación, existen varias medidas a adoptar. Por exemplo, é imprescindible desinfectar a ferramenta de poda entre árbore e árbore, comezando a podar as árbores que están sas e deixando para o final as que vemos ou sospeitamos que están infectadas.
Do mesmo xeito, tamén resulta imprescindible retirar os restos de poda, para o que será necesario levar unha bolsa de plástico ou outro tipo de recipiente o máis hermético posible, para evitar ir espallando os fungos polo resto da parcela.
Desinfección da ferramenta e da ferida

Material que debe formar parte do kit básico de poda
Para desinfectar a ferramenta usada na poda (tesoiras, navalla, serrucho, etc) recoméndase levar unha solución de auga con lixivia, que acaba por destrozar a ferramenta, ou ben alcohol de 70 grados, que limpa mellor e tarda máis en evaporarse que o alcohol de 90 grados. A desinfección é imprescindible entre árbore e árbore e mesmo recomendable entre corte e corte.
A lixivia, pura ou diluída ao 50% con auga, usaríase tamén para desinfectar as feridas e cortes realizados na árbore e ten tamén un efecto desecante que axuda a que pegue despois a pasta cicatrizante que se usaría para tapar os cortes e feridas.
Mastic con cobre
Resulta recomendable selar ben os cortes de todas as polas que se podan, sexan pequenas ou grandes para evitar a entrada de fungos. “En EEUU, por exemplo, desapareceron practicamente o 100% dos castiñeiros que había, aínda que no seu caso non era Castanea sativa, senón Castanea dentata. Desapareceron porque se empezou a cambiar o castiñeiro polo millo en moitas zonas, como pasou tamén en Galicia, e tamén porque empezaron a facer podas que axudaron a propagar enfermidades como o chancro ou a tinta”, asegura Pablo.
Como pasta cicatrizante utilízase habitualmente mastic (un tipo de pasta comercial que se vende para enxertar) mesturada con cobre. Ao aportar á pasta cicatrizante un sobre de sulfato de cobre engádeselle un efecto funxicida. A ferida ten que respirar, polo que se debe botar unha capa fina para evitar pudricións. “Chega con pintar o corte cun pincel”, explica.
Unha alternativa ao mastic é a cera de abella mesturada con sulfato de cobre
Unha alternativa ao mastic é a cera de abella mesturada con sulfato de cobre. O cobre é secante e antifúnxico, ao igual que a lixivia, mentres que a cera de abella permite respirar e transpirar ao mesmo tempo que protexe a ferida.
Alternativas fronte ao chancro
En caso de aparecer un problema de chancro (Cryphonectria parasitica) nunha árbore, limparíase a zona da árbore afectada até chegar á corteza sa, pasándose un pouco da zona afectada, máis ou menos un centímetro por enriba da ferida (recollendo nunha bolsa de plástico pechada todo ese material), desinfectando logo a ferida con lixivia e cubríndoa despois cunha pasta feita con cobre e auga.
O problema do chancro é que debilita á árbore, obrigando a cortala nos casos máis graves
O tratamento que a Administración realiza en Galicia contra o chancro en castiñeiros afectados por esta enfermidade consiste en facer buratos cun taladro arredor da ferida e inxectar neles cepas hipovirulentas inoculadas, algo que non resulta efectiva en todos os casos. Os chancros hipovirulentos son aqueles nos que a propia loita xenética da árbore pode acabar con eles, contendo o seu avance, xa que árbore saca unha corteza que fai que non se expanda máis. Para participar neste programa oficial de loita biolóxica, que se realiza por zonas, os propietarios deben solicitalo.
O Instituto Politécnico de Bragança, coa axuda do Goberno portugués, deseñou o Dictis, un tratamento biolóxico patentado
En Portugal, sen embargo, dispoñen dun tratamento diferente, a través dun produto oficial patentado, o Dictis, que é un bioproduto curativo que se aplica por enriba da ferida, polo que é máis doado de utilizar. “Portugal vai moito por diante de Galicia na loita contra o chancro”, asegura Pablo.
Débense retirar todos os restos de poda da parcela para reducir o material susceptible de albergar fungos
Outra solución consiste tapar a ferida. “O chancro é un fungo, e os fungos respiran, polo que tapalo por exemplo con barro suxeitado con cinta de carroceiro tamén acostuma funcionar”, di. Para tapar a ferida non se deben usar plásticos, que favorecen a pudrición, senón outro tipo de materiais, como yute, que impiden o paso da luz solar pero deixan transpirar. Este emplaste deixaríase polo menos un ano, até que a árbore comece a botar unha especie de labio de cicatrización.
En caso de que a afectación por chancro sexa moi importante, que faga necesario cortar a árbore para sanear, sempre se debe cortar en bisel, co corte orientado cara o sur para que non apoce a auga e seque calquera resto de humidade que poida quedar tralas choivas, tapando o corte cunha capa abundante de mastic mesturado con funxicida.
Galego









Control OJD