Consellos para un bo muxido das vacas

Artigo de Alejandra de la Barrera Martorell, do Grupo PSV Veterinaria, presentado no “Curso Técnico de manexo do muxido” organizado pola EFA Fonteboa en Coristanco.

Consellos para un bo muxido das vacas

A hixiene dos muxidores é fundamental.

Todas as actividades dunha explotación leiteira van encamiñadas á produción de leite. Tanto os produtores como os técnicos que nos movemos ó redor das granxas temos como obxectivo sacar o máximo rendemento económico da produción. Para iso temos, por un lado, que preservar a sanidade dos animais, que as vacas estean sás, e por outro a sanidade do produto, posto que o leite cru vai ser a materia prima que vai condicionar a calidade do produto final, xa sexa leite líquido, queixo, iogur…

Para levar a cabo o noso cometido, necesitamos recopilar información do que acontece na granxa. Así, servímonos de distintas fontes de información: datos de control leiteiro, datos reprodutivos … pero onde o traballo dos técnicos de calidade do leite é mais eficaz é no interior dunha sala de muxido, porque aquí é onde se centralizan todos os esforzos para obter a unha materia prima de calidade.

Dentro da sala é importante escoitar e observar o muxido.

Escoitar: no muxido hai unha serie de sons característicos que debemos identificar para poder recoñecer cando hai algún problema (sons de pulsadores, bomba de descarga, regulador, entrada de aire durante a colocación, evacuación de leite do colector, fugas…..).

Observar: “todo” o relacionado co muxido vai afectar á calidade do leite. As nosas observacións vanse centrar fundamentalmente en 3 aspectos: hixiene, rutina de muxido e máquina de muxido

1: Hixiene:

A taxa de novas infeccións intramamarias está relacionada co número de bacterias ás que está exposto a punta do teto.

Neste sentido canto peor sexa a hixiene ó redor do muxido, maior vai ser o risco de que un microorganismo sexa capaz de acceder ó interior do ubre e, ó mesmo tempo, maior o risco de que esa contaminación chegue ós tanques de almacenamento do leite.

-Muxidores: aínda que é evidente, a hixiene do muxido empeza polas persoas que o realizan.

Os muxidores poden facer de vectores das bacterias a través das mans ou da roupa sucia cando entran en contacto co ubre.

É importante a utilización de guantes e indumentaria específica para o muxido tanto como mantelos limpos durante o mesmo.

-Sala e equipo de muxido: paredes, chan, estruturas, tetoeiras, colectores, tubos curtos e longos de leite e de pulsación, unidade final, conducións……

-Animais: a limpeza das vacas cando chegan á sala vai reflectir o estado das áreas de aloxamento dos animais (tipo e manexo das camas, limpeza de corredores e zonas de tránsito, encharcamentos, amoreamento de animais…).

Existen varios métodos diferentes de puntuación de hixiene que foron documentados e que se utilizaron para demostrar a relación que existe entre hixiene deficiente e os problemas de saúde do ubre (Cook, 2002; Schreiner y Ruegg, 2003; Reneau et al., 2005) .

-Muxido: É importante tamén manter a hixiene durante o muxido (xogos de muxido, mans dos muxidores, chan da sala.)

2: Rutina de muxido:

Un bo manexo do muxido xunto cun correcto funcionamento do equipo van levar a que a extracción do leite sexa completa nun tempo total de muxido mínimo e sen comprometer a sanidade dos tetos.

A rutina de muxido ten que ser “rutina”: sempre o mesmo e todos os muxidores da mesma maneira.

O tipo de rutina que se estableza vai ir en función do tipo de instalación, número de muxidores, circunstancias da granxa… pero basicamente hai unha serie de pasos fundamentais que hai que analizar :

Manexo:

A rutina de muxido empeza xa cando se conducen as vacas á zona de muxido.

Calquera situación que provoque estrés ó animal dende varios minutos antes do muxido vai facer que non poidamos extraer todo o leite dispoñible en situacións normais. Así, o arreo dos animais debe ser tranquilo, ó paso das vacas, sen gritos e sen golpes.

A circulación dos animais debe ser fluída e ó paso, sen obstáculos nin situación algunha que xere nerviosismo. Así mesmo, a circulación dos muxidores e o ambiente da sala de muxido debe ser agradable e tranquilo.

Pasos da rutina:

Predipping ou prebaño de tetos:

Moitas infeccións se producen pola colocación de tetoeiras en tetos mal lavados e húmidos ou mal secados. O baño de tetos antes do muxido, é unha medida que permite diminuír a cantidade de patóxenos que se atopan na superficie do teto.

Está demostrado que o baño de tetos antes do muxido é unha práctica que reduce os mamites ambientais ata nun 50 % , ademais de reducir o reconto bacteriano no tanque de almacenamento de leite de 5 a 6 veces.

Para que o baño sexa efectivo hai que ter en conta por un lado a superficie de aplicación, ten que cubrir todo o teto e por outro o tempo de contacto antes de proceder ó secado: mínimo 30 segundos.

Despunte: extracción de como mínimo 2-3 chorros de leite de cada cuarteirón de forma suave pero firme cos seguintes propósitos:

-Localizar casos clínicos de mastite.

-Eliminar o leite inicial: eliminamos as bacterias que se atopan no canal do teto e na cisterna do teto (o leite da cisterna do teto contén os maiores niveis de bacterias que calquera outra fracción do leite).

-Provocar o efecto “oxitocina”: o despunte é o medio mais efectivo para estimular a baixada do leite.

tetoeiras_muxido_01_standar

Tetoeiras

A manipulación dos tetos e o ubre causan a produción de estímulos nerviosos que chegan ó cerebro e desencadean a liberación de oxitocina a través da glándula pituitaria. A oxitocina viaxa cara a o ubre –transportada polo sangue- e contrae as células mioepiteliais inducindo a exección do leite.

Secado de tetos:

É o paso mais importante na hixiene de preparación ó muxido porque diminúe a carga bacteriana da pel do teto ata un 50%.

Con tetos mollados aumentamos os deslizamentos das tetoeiras e o aporte de bacterias ó leite do tanque.

É importante limpar coidadosamente cada teto utilizando papel dun só uso, facendo fincapé na punta para evitar que o escorremento de arriba cara a abaixo provoque que cheguen mais microorganismos á punta do teto e así reducir a probabilidade de infeccións intramamarias

A orde de limpeza dos tetos tamén hai que a ter en conta: comezar polos tetos mais afastados do muxidor e rematar polos mais próximos para evitar contaminacións dos que xa están limpos.

Colocación:

O obxectivo é facer coincidir a colocación da muxidora coa baixada do leite.

A oxitocina ten unha vida media curta. A concentración de oxitocina en sangue incrementase dentro dos dous primeiros minutos despois da estimulación do ubre, pero a cantidade liberada diminúe ó longo do muxido.

muxido_oxitocina

As necesidades de tempo de estimulación varían dependendo da produción e do estado de lactación, pero o tempo recomendado é xeralmente entre 60-90 segundos ,aparecendo consecuencias negativas cando o tempo supera os 3 minutos.

Se colocamos antes de tempo, poderíase producir “sobremuxido antes do muxido” porque habería un tempo de baixo fluxo de leite entre a saída do leite que se atopa na parte baixa do ubre e o que provén da parte alta. Bimodalidade: neste tempo ademais poderíanse producir deslizamentos e trepamentos de tetoeiras que van incrementar as novas infeccións e van dar lugar a que a extracción do leite non sexa completa.

Se colocamos moi tarde, a concentración de oxitocina en sangue baixa o que implicaría non muxir á vaca correctamente.

Durante a colocación debemos intentar que a entrada de aire a través das tetoeiras sexa a mínima posible dobrando os tubos curtos de leite na aproximacións ós tetos, e que a aliñación da unidade de muxido sexa correcta, coa finalidade de que se facilite a evacuación do leite e se garanta a estabilidade do baleiro.

Posdipping:

O selado é un método comprobadamente efectivo para evitar a entrada de microorganismos a través do canal do teto que neste momento está dilatado.

Realízase inmediatamente despois de que retire o xogo de muxido e asegurándose de que se selan os catro tetos cubrindo mais do 75% da súa superficie.

A orde de selado sería inversa á de limpeza: primeiro os tetos mais próximos e despois os mais afastados ó muxidor.

Fin do muxido:

-Comprobar que os ubres queden ben muxidos, pregados de arriba a abaixo sen leite na cisterna do ubre.

-Condición de tetos: imos avaliala despois de retirar as unidades de muxido e antes de poñer o baño de tetos: cor, inchazón, condición da pel, danos vasculares, hiperqueratose….

3: Máquina de muxido:

Como mínimo, unha vez ó ano, deberíase realizar unha testaxe estática por técnicos especializados para comprobar o correcto funcionamento do equipo. Sen embargo, no día a día, debemos responsabilizarnos do mantemento sobre todo das partes brandas: tetoeiras , tubos curtos e longos de leite e de pulsación, colectores,membranas de medidores…..

O leite é o medio ideal para o crecemento de bacterias e outros microorganismos que van chegar a el a partir do ambiente ou dos mesmos animais leiteiros.

É fundamental coñecer como se producen estas contaminacións e saber cales son as prácticas para evitar que se produzan. Por iso, observar o muxido no seu conxunto faranos ser conscientes dos puntos nos que fallamos porque só podemos mellorar o que sabemos que está mal.

Alejandra de la Barrera Martorell

Socia fundadora do Grupo PS Veterinaria : veterinaria clínica, Técnico calidade do leite.

grupopsveterinaria@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información