Realizar unha análise do solo cada entre 3 e 5 anos é unha recomendación básica para realizar un correcto abonado e detectar os excesos ou carencias tanto de macronutrientes como de micronutrientes. Este paso previo é imprescindible para realizar posteriormente un abonado racional que cubra as necesidades dos cultivos, evitando así contaminación ao medioambiente e sobrecustos innecesarios en fertilizantes.
Sen embargo, ningunha análise ofrece información válida se a toma de mostras nas parcelas non foi coidadosamente realizada. Neste sentido, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, ofrece as seguintes recomendacións para unha correcta selección e recollida das mostras de solo que se enviarán ao laboratorio:
Definición de parcelas uniformes onde mostrear
A análise de terras e interpretación de resultados ten que realizarse sobre parcelas con características semellantes.
Neste sentido, se se producen diferenzas claras:
– No aspecto dos cultivos: cor ou desenvolvemento diferentes, síntomas visibles de carencias.
– No tipo de solo: cor, profundidade, facilidade de laboreo (solos pesados/lixeiros).
– Nos labores agrícolas realizados en anos anteriores: encalado, abonado orgánico intenso, subsolado.
– Na pendente do terreo: transición acusada de solo chairo a inclinado.
Nestes casos, dividirase a área en parcelas coas mesmas características sobre as que se tomará a mostra correspondente.
Técnica de mostraxe
Unha vez definida a parcela con características uniformes, tómanse entre 8 e 15 mostras parciais de terra que se mesturarán moi ben nun colector limpo, para despois tomar a cantidade de mostra que se envía ao laboratorio: entre 500 e 1.000 gr.
Como tomar as mostras parciais?
En todos os casos as mostras deben estar afastadas de obras, camiños, etc… As normas que se dan son resultado de aplicar a lóxica: que a pequena parte de terra que se analiza parézase o máis posible á superficie ou terreo que se quere coñecer.
A.- En praderías, cultivos anuais (millo, trigo, cebada…) e hortalizas:
As submostras deben estar uniformemente distribuídas, por exemplo en zig-zag.
B.- En froiteiros e viñedos:
Na área de sombra da copa da árbore (nin moi próximo ao tronco nin moi afastado). Distínguense dúas profundidades, e por tanto dúas mostras diferentes, (a zona superior é, en xeral, máis escura).
Resulta práctico facer unha calicata para despois tomar con pa a mostra a dous niveis, sobre todo se a mostraxe é para unha nova plantación. Se xa se realizou unha mostraxe en profundidade en anos anteriores, pode ser suficiente a evolución da capa superficial e mostrear só os 30 cm superiores.
B.- En solos de invernadoiros:
Distribución ao azar, e se se práctica fertirrigación, que as submostras procedan de puntos próximos aos goteiros e entre os mesmos. Se se trata dunha mostraxe previa á instalación do invernadoiro, este sería similar ao apartado A.
Profundidade da mostraxe:
Trátase de tomar terra en contacto co maior volume de raíces. Retirando sempre a cuberta vexetal, danse como valores orientativos os seguintes:
– Praderías: 10-20 cm de profundidade
– Solos de invernadoiro: 15-25 cm.
– Cultivos anuais e hortalizas: 20-30 cm.
– Froiteiras e viñedos: ata 50-60 cm (distinguindo os 25 cm superiores).
Cantidade de mostraxe e etiquetaxe:
Entre 500 e 1.000 gr que se meterán nunha bolsa de plástico pechada contida noutra. Entre ambas colocarase unha etiqueta co nome do remitente, nome da parcela, profundidade de mostraxe e data. No laboratorio cumprimentarase a correspondente ficha informativa.
A mostra debe estar o máis seca posible para unha maior rapidez da análise.
Momento da mostraxe e frecuencia:
A toma de mostra debe ser realizada despois da recolección e antes do abonado. Se non fose posible, deixar transcorrer un mes desde o último labor. En xeral, é suficiente como mínimo unha avaliación da fertilidade cada 3-5 anos; se se practica encalado a frecuencia será de 2-3 anos. En cultivos intensivos pode ser aumentada a 1 vez/ano.
Estudos particulares de salinidade, toxicidade, etc…., requiren un tratamento específico.
É recomendable una certa previsión. A maior parte das correccións ao solo deben ser realizadas, como mínimo un mes antes da plantación, e mesmo o outono anterior. Sen embargo, se se envía xusto cando se vai a plantar, posiblemente o laboratorio estará sobrecargado.
Onde realizar analíticas de solo en Galicia?
En centros públicos, pódese facer nos seguintes:
-Estación Fitopatolóxica do Areeiro
Tlf.: 986 84 14 91 – 986 85 36 34; Fax: 986 86 42 91. Subida á Robleda d/n. 36153 Pontevedra E-mail: efa@efa-dp.org Páxina Web: www.efa-dip-org
-Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia. Estrada AC-542 pk 7,5 Mabegondo. Abegondo
15318 A Coruña. Telf.: 881 881 366 Fax: 881 881 373
Folla de solicitude de análise
-Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo da Limia, dependente da Deputación de Ourense.
Explanda do Pavillón de Deportes s/n 32630 – Xinzo da Limia . Tlf.: 988 317 946 Fax: 988 317 947 E-mail: centroagrogandeiro@inorde.com