¿Como poden os gandeiros reducir as micotoxinas nos silos?

As boas prácticas no cultivo, no ensilado e no manexo dos silos son claves para reducir a presenza de micotoxinas, uns compostos que poden provocar importantes danos na saúde das vacas e na saúde humana. Xan Rodríguez Diz, técnico de Alltech, explicou nunhas recentes xornadas de Agaca, as claves para reducir a presenza de micotoxinas nos silos

¿Como poden os gandeiros reducir as micotoxinas nos silos?

Silo de herba contaminado por fungos. Foto: Alltech

As micotoxinas son un dos grandes retos futuro para a gandería de vacún de leite no mundo. Estes compostos tóxicos son producidos por fungos que medran nos silos de forraxe e nos cereais en condicións de presenza de humidade e de osíxeno e constitúen un risco para a saúde dos animais, e o que é máis importante, para a saúde humana.

Conscientes desta problemática, que vai en aumento co cambio climático, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), celebrou a pasada semana en Santa Comba, Chantada, Sarria e Melide unhas xornadas formativas dirixidas aos gandeiros. Xan Rodríguez Diz, experto da multinacional Alltech no control e tratamento das micotoxinas, explicou as medidas que se deben poñer en marcha para reducir a súa presenza nas forraxes.

¿Por que é tan importante reducir as micotoxinas nos silos?

Dos numerosos fungos que producen micotoxinas -hai máis de 500 coñecidas- os principais son o Fusarium, o Penicillum e o Aspergillus, sendo este último o que produce a temida Aflatoxina B1 no leite, con efectos canceríxenos en persoas.

Frecuente no Sur de España, esta micotoxina é coñecida por provocar unha crise no consumo de leite no ano 2013, a raíz de varias partidas de millo contaminadas procedentes de Serbia. Ademais, o cambio climático -especialmente debido ás vagas de calor- fai que a súa presenza sexa cada vez máis frecuente en latitudes Norte, chegando tamén a Galicia, sendo os silos de herba os máis sensibles a ela.

“Co cambio climático as micotoxinas cada vez serán un problema máis frecuente”

Neste momento é a única micotoxina que está regulada pola Comisión Europea, cuns límites de 5 partes por billón (ppb) na ración do gando; 20 ppb nas materias primas (cereais, pensos, forraxes…etc) e 0,05 ppb no leite.

A transferencia da Aflatoxina B1 ao leite comeza entre 12-24 horas despois de comer a ración e pode chegar a eliminarse até 4-5 días desde a última inxesta.

¿Que efectos teñen as micotoxinas nas vacas?

Aínda que as vacas teñen capacidade para metabolizar unha porcentaxe das micotoxinas sen danos aparentes, “non hai ningún nivel seguro, e o risco depende da súa concentración, do efecto combinado de varias micotoxinas e do tempo de exposición do animal”, explicou Xoán Rodríguez Diz.

En todo caso, como principais efectos nas vacas da presenza nas forraxes ou pensos que inxiren destes compostos tóxicos producidos polos fungos, o técnico de Alltech destacou o incremento do estrés, a redución dos nutrientes para o animal -en parte xa consumidos polos fungos- e en xeral unha baixada das defensas no seu organismo.

Ademais, o consumo prologando de micotoxinas a niveis baixos e durante períodos longos pola vaca leva a veces a cadros subclínicos que se manifestan en baixo consumo de materia seca, descenso do peso do animal, mala resposta ás vacinas e incuso problemas patolóxicos recorrentes e sen causa concreta.

¿Que facer cando aparecen aflatoxinas no leite?

Xoán Rodríguez Diz recomendou que, unha vez detectada a Aflatoxina B1 no leite polos controis oficiais do Ligal, “non agardar á chegada dos resultados de análises para comezar o tratamento, pois aínda que é fácil que se mostren no leite, non o é tanto na materia prima” e propuxo medidas para evitalo.

“Antes de acadar os máximos legais, cómpre implementar absorbentes de amplo espectro, eliminar inmediatamente os ingredientes sospeitosos da contaminación, monitorizar a aflatoxina no leite ata que chegue a niveis normais e controlar o caso ata a adopción de medidas correctoras, como poden ser, entre outras, ensilados con correctas condicións de temperatura, humidade e compactado”, subliñou.

“Hai que actuar cando os niveis de aflatoxina superen os 2ppb na ración ou os 0,02 ppb no leite”

Neste sentido, o técnico de Allech incidiu na necesidade de establecer e aplicar un protocolo de actuación cando os niveis de aflatoxina en granxa ou en leite superen os niveis de intervención: 2 ppb para a ración, 4 ppb para as materias primas e 0,02 ppb para as mostras de leite.

“O obxectivo é deter canto antes a transferencia da aflatoxina B1 ao leite; identificar a fonte de contaminación (cereal, penso, alfalfa, palla ou silo de millo ou de herba), limitándoa ou eliminándoa da ración e establecer medidas correctoras”, explicou.

Entre estas últimas, o técnico de Alltech defendeu a inclusión de secuestradores de micotoxinas na ración, que actúan no rume da vaca eliminando estes compostos tóxicos. A este respecto, defendeu os secuestradores orgánicos fronte aos minerais, ao ser dun espectro máis amplo, ter máis capacidade de absorción e provocar menos efectos secundarios na vaca que os minerais, especialmente o zinc.

No caso de Mycosorb A´+, o secuestrador orgánico de Alltech, a ración recomendada é un mínimo de 100 gramos en caso de presenza de AFM1 no leite, ou niveis preventivos de entre 10 e 30 g por vaca e día, na ración diaria.

Medidas preventivas que pode poñer en marcha o gandeiro para reducir a presenza de micotoxinas

Aínda que o risco cero de presenza de micotoxinas non existe, Xoán Rodríguez Diz, defendeu que os gandeiros sigan un programa de xestión integral de micotoxinas que debe comezar dende o cultivo.

Durante o cultivo

-Evitar o estrés da planta por baixa fertilidade da terra, danos por insectos, seca, exceso de humidade ou outras doenzas.

-Evitar tamén o estrés durante a colleita: colleitas serodias, ensilar millo demasiado seco ou o enchido lento do silo.

-Nas pradeiras de herba, unha altura baixa de corte incrementa o contido en cinzas (clostridios e enterobacterias), e polo tanto o risco de micotoxinas. Unha solución de compromiso é cortar a herba a unha altura de entre 6,5 e 7,5 centímetros, co cal tamén evitaríamos a parte menos dixestible e nutritiva da herba.

Consellos para o ensilado

Todos os fungos, e polo tanto as micotoxinas, precisan para medrar nos silos de cinco requisitos clave: un substrato de alimento adecuado (almidón, proteína..), unha humidade superior ao 14%; temperatura superior a 15 graos, presenza de oxíxeno (un mínimo do 0,5%) e un PH entre 4 e 8.

“Son condicións que cumpren moitas explotacións e sobre as que temos que actuar, empezando por reducir ao máximo a presenza de osíxeno”, subliñou Xoán Rodríguez Diz.

ENSILADO_alltech_01

Neste sentido, as recomendacións son:

-Compactar entre 230 e 270 kilogramos de materia seca de silo de millo por metro cúbico. Dito doutro xeito, a masa da forraxe que entre na trincheira nunha hora debe ser como máximo de 3 ou 4 veces o peso do tractor. Exemplo: se estamos pisando cun tractor de 6.000 kilos o máximo que debería pisar nunha hora deberían ser 24.000 kilos de materia húmida.

-A capa que se estende para pisar non debe ter máis de 15 centímetros de grosor.

-Evitar acumulacións e buratos.

-Evitar que a forza debida á comprensión se disperse cara os lados. Neste sentido, son preferibles os silos de formigón en trincheira ás pilas, onde a entrada de osíxeno polos laterais e pola parte superior é maior debido a unha menor compactación.

-O remate dos silos non debe ser en cumbreira, senón nunha liña case recta cunha lixeira elevación no medio. Do contrario, entraría máis oxíxeno polos laterais.

-Recoméndase utilizar plástico nas paredes do silo para previr o deterioro da forraxe. Neste sentido, o técnico de Alltech destacou que “o plástico Silostop é dez veces menos permeable ao osíxeno que o plástico normal”.

-Unha vez pechado o silo, e para a comprensión estática, é preferible utilizar pranchas de goma para tapar. Está estudado que os pneumáticos dispersos son a opción menos aconsellable, xa que exercen un peso de entre 20 e 25 kilogramos por metro cadrado, fronte aos entre 150 e 200 kilos dunha cobertura total con pneumáticos ou os 100 kilogramos por metro cadrado dos sacos e mantas.

Manexo dos frontes dos silos e do comedeiro

ENSILADO_alltech_02

Dividir o silo cunha parece é unha opción cando se avanza pouco no silo

-Débese dimensionar o frente dos silos tendo en conta o número de animais e inxesta dos animais. Todo co obxectivo de evitar perdas por fermentación aerobia no silo mediante un consumo rápido e eficiente do frente de ataque.

Neste sentido, considérase que unha velocidade de avance adecuada no silo son 15 centímetros por día en inverno e 20 centímetros en verán. Dividir un silo cunha parede pode ser unha alternativa para evitar frontes de ataque demasiado grandes e nos que se avanza lentamente, coa conseguinte perda de comida.

-É recomendable o desensilado con fresa, fronte ao realizado con pala, xa que este último favorece a entrada de aire no silo. Tense observado nun mesmo silo 30 graos de diferencia de temperatura entre o silo extraído con fresa e a parte desensilada con pala.

-Na parte superior do silo pode haber ata 100 veces máis de fungos que no centro do silo, pola maior exposición ao osíxeno. Cubrir co plástico despois de cada desensilado debería formar parte do protocolo para reducir a incidencia de micotoxinas.

-En canto ao comedeiro, débese evitar sempre o seu quecemento. Como regra xera, a súa temperatura nunca debería sobrepasar en 8 graos da temperatura ambiente. Débese seguir un protocolo de limpeza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información